Venres 19 Abril 2024

As comunidades deberán enviar a Sanidad os detalles de cada caso de Covid-19

Unha orde do Ministerio engade novas esixencias para garantir a correcta vixilancia epidemiolóxica da pandemia nas vindeiras fases da crise

Sexo, idade, lugar de residencia, data de inicio de síntomas, ámbito de posible exposición nos 14 días previos, posibles contactos con casos confirmados, probas diagnósticas que se lle fixeron, evolución clínica, vías de contaxio… Son algúns dos detalles que estarán obrigadas a remitir as comunidades autónomas ao Ministerio de Sanidad, en cumprimento dunha orde publicada hoxe no Boletín Oficial do Estado. Segundo explica o portal Civio, esta petición “modifica a información que as comunidades autónomas deben enviar” para a xestión da epidemia. Con esta medida, buscarase, segundo Sanidad, un control máis estreito do caso e os seus contactos para rastrexar a aparición de posibles rebrotes.

A orde detalla que “unha vez que se conseguiu superar o momento máis complicado da crise”, e ante as novas fases de desescalada, “faise preciso adaptar e reforzar os sistemas de información para o seguimento e vixilancia epidemiolóxica”. Deste xeito, as comunidades terán que encher, por cada paciente confirmado, o formulario que aparece baixo estas liñas.

Publicidade

Anexo que deberán remitir as comunidades autónomas ao Ministerio de Sanidad:

1

2

En paralelo, engade Civio, as comunidades autónomas seguirán enviando datos agregados. Ademais dos xa obrigatorios a diario referentes a casos confirmados, como o incremento de novos casos, o número de ingresos en UCI ou os falecidos, tamén terán que dar información sobre casos sospeitosos, tanto en atención primaria como nos hospitais e tamén de forma diaria.

Para definir un caso sospeitoso enténdese que se trata dun paciente con infección respiratoria aguda de aparición súbita de calquera gravidade con febre, tose ou falta de aire, aínda que tamén se poderán valorar outros síntomas como dores musculares, diarreas ou cefaleas. A orde, como xa avanzaba o documento de referencia do Ministerio de Sanidad e expuxeron os responsables do Sergas a pasada semana, establece que en todos os niveis de asistencia, pero especialmente en atención primaria, deberán facer a proba a cada caso sospeitoso nun máximo de 24 horas desde que se comuniquen os síntomas.

Ademais, as comunidades deberán remitir información, neste caso semanal, sobre as infeccións resoltas, isto é, casos asintomáticos aos que se lles detectou, a posteriori, que nalgún momento tiveron o virus. Tamén sobre a porcentaxe de casos sospeitosos aos que se lles fixo probas e a porcentaxe de contactos estreitos de cada caso que desenvolven síntomas e, entre eles, o número de casos confirmados.

Na liña da posta en marcha dos equipos de rastrexadores, as comunidades autónomas estarán obrigadas tamén a dar conta do número de profesionais de vixilancia epidemiolóxica traballando na pandemia, xa sexan técnicos, epidemiólogos ou enfermeiros de saúde pública. Deberán informar de cal era o número inicial e cales se contrataron como reforzo e este dato enviarase en relación ao número de casos diarios e á poboación.

Falta de información desde Galicia

Esta nova petición do Goberno español enmárcase nunha crise onde a dificultade para acceder a determinados datos arredor da evolución da crise no caso de Galicia. Tal e como recolle este martes nunha análise o xornal Praza, a galega é unha das comunidades con menor transparencia no referente á información da pandemia, xa que non facilita nin a cidadáns nin a medios de comunicación datos abertos, a serie completa da evolución ou o detalle a nivel municipal dos casos, como si fan a meirande parte das comunidades autónomas.

Do mesmo xeito, Galicia tardou máis có resto de rexións en remitir a información que solicitaba o Ministerio de Sanidad en relación á detección de casos. Depois dunha orde do 17 de abril, tamén publicada no BOE, e que solicitaba que as comunidades informaran de como detectaran os positivos, non foi ata dúas semanas despois cando Galicia acabou achegando a información, que alterou en parte os datos globais de España facilitados por Sanidad.

2 COMENTÁRIOS

  1. Agora que estamos en Outubro a cousa mellorou moito (?)
    Como a Atención Primaria estaba “saturada” os rastrexadores agora é o Exército de Terra !
    Pero cando chamas ao teu Centro de Saúde para solicitar cita médica (nin te collen o teléfono) e dancha para 15 días máis tarde e por “teleconsulta” !

    As urxencias teñen colas alucinantes !
    Pero seguimos dicindo que temos o mellor sistema sanitario do mundo !

    Alguén está a aprovitar a pandemia para FACER NEGOCIO ?

  2. Corea ten un sistema de seguimento epidemiolóxico fantástico e aínda así se lle colaron rebrotes vía bares de ambiente… Cando comezou o “estado de alarma” o único que fixeron ben e con eficacia sobrada foi lanzar toda a policía a poñer multas (estamos arredor do millón!) pero as PCRs eran secreto de Estado…!

    Hoxe cando levamos 61 días e 30.000 mortos lanzan unha Orde Ministerial e seguiremos a recoller datos pero sen PCRs o único que farán é volver a aillar na casa 15 días a “posibles” infectados e pouco máis!

    Os focos seguirán sen control, as estatísticas servirán para renovar o “estado de excepción” e o Presidente Sánchez terá as mans libres para seguir gobernando por Decreto toda a lexislatura (?)

    Que non nos tomen por parvos e a ver cando abren as Residencias, porque se tes a túa nai encerrada 110 días (finais de xuño) é posible que cando queiras visitala o fagas no cemiterio ( e sen autopsia ) !

    China conta con sistemas de recoñecemento facial propios dun Estado Totalitario e o 5G facilita a minería do BigData para o control social en grados dificilmente compatibles cos Dereitos Humanos (?) aquí temos un bolígrafo e as PCRs contadas, mesmo dende Atención Primaria algúns colaboracionistas do Sergas suxirenche facer un test serolóxico en centros privados ao módico prezo de 60 euros!

    Se non nos mata o virus o fará o Goberno !

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023