Se queres desfrutar das Leónidas, érguete cedo ou déitate tarde esta madrugada

A Lúa chea dificultará ata as cinco da mañá a observación dos meteoros, que aparecerán no ceo cara ao sueste cunha frecuencia de ata 20 por hora

As Leónidas proceden dos restos do cometa Tempel-Tuttle.
As Leónidas proceden dos restos do cometa Tempel-Tuttle.

Cada 33 anos, o cometa 55P/Tempel-Tuttle achégase, na súa órbita elíptica, ao seu punto máis próximo ao Sol. Desde que foi descuberto e se confirmou a súa periodicidade, no ano 1865, da man dos dous astrónomos (Wilhelm Tempel e Horace Parnell Tuttle) que lle deron nome, este corpo celeste é un dos obxectos sobre os que os afeccionados á observación astronómica poñen a súa atención. Cada ano, a Terra atópase no espazo coas partículas que se van desprendendo do cometa, e estas estouran contra a atmosfera deixando tras de si un regueiro brillante. Neste 2021, a choiva das Leónidas non vai ser tan intensa como no período que se produce tres veces por século, pero si poderán observarse a unha frecuencia, no seu máximo, duns 20 meteoros por hora.

Esta madrugada, do 16 ao 17 de novembro, terá lugar o máximo das Leónidas, así chamadas porque parecen proceder da constelación do León, aínda que poden espallarse por todo o ceo. Haberá que agardar, se é posible, a partir das cinco da madrugada, cando a Lúa, practicamente chea, se oculte no horizonte e o seu brillo sexa menor. Desde entón ata o amencer, mirando cara ao sueste, poderán observarse os meteoros que o Tempel-Tuttle trae ata a nosa atmosfera.

Situación aproximada das constelacións ás 5.30 da madrugada do 17 de novembro. As Leónidas parecen proceder da constelación de Leo. Fonte: Stellarium.
Situación aproximada das constelacións ás 5.30 da madrugada do 17 de novembro. As Leónidas parecen proceder da constelación do León. Fonte: Stellarium.

Recomendacións para as Leónidas

Como é habitual, para observar o ceo e as Leónidas é recomendable afastarse dos principais focos de contaminación luminosa e orientarse cara a un horizonte o máis despexado posible en dirección sueste. Cómpre, igualmente, reducir a exposición a fontes de luz durante os minutos previos á observación, xa que a vista debe habituarse á escuridade para ver o ceo con maior claridade. Do mesmo xeito, por mor das baixas temperaturas, é preciso levar roupa de abrigo. As predicións para esta noite, sobre todo na metade sur de Galicia, apuntan a que os ceos estarán case despexados, con poucas nubes.

A das Leónidas non será a última choiva de estrelas do ano. A mediados de decembro terán lugar as Xemínidas, cuxo corpo proxenitor é o asteroide Faetón, e que acadan unha notable intensidade, con ata 120 meteoros por hora.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.