Venres 19 Abril 2024

Como van os novos casos? Así está o teu concello diante da posible ‘desescalada’

A incidencia acumulada descende por norma xeral en Galicia, pero aínda moitos municipios manteñen unha transmisión alta do SARS-CoV-2

Na medianoite do martes 16 ao mércores 17 de febreiro, despois de tres semanas, cúmprese o prazo marcado pola Xunta de Galicia para revisar as medidas anunciadas a finais de xaneiro, cando a transmisión da terceira onda levou a que se detectasen preto de 2.000 positivos diarios de infección por coronavirus. O rápido incremento de infeccións, derivado do levantamento de restricións no Nadal, fixo que se acadase unha incidencia máxima de preto de 800 casos/100.000 habitantes en 14 días no conxunto do territorio galego. As cadeas de transmisión eran múltiples, e en moitos lugares, o que levou á Xunta a elevar ao máximo o nivel de restricións, con peches perimetrais, prohibicións de reunións de non conviventes e peche de actividades como a hostalaría.

Os últimos datos do Ministerio de Sanidad sitúan este xoves a incidencia en Galicia por baixo de 500 (497,31), na liña do descenso observado despois do incremento de restricións. A 7 días, a incidencia amosa tamén un descenso notable (176,11). Segue sendo, con todo, uns rexistros moi altos, duplicando o nivel máximo de risco que establecen os criterios marcados por Sanidad. O presidente da Xunta abriu esta semana a porta a unha nova ‘desescalada’ “medida e gradual”, e avanzou que o vindeiro luns 15 se informará do posible levantamento dalgunhas limitacións.

Publicidade

Mais como está a situación neste momento no territorio? As cifras seguen sen remitir en parte do país, con 33 concellos cunha incidencia por riba dos 1000 casos por 100.000 habitantes; isto é, máis do 1% da poboación dou positivo por coronavirus desde finais de xaneiro. En liñas xerais, estes municipios proceden dunha incidencia aínda máis alta e están freando a transmisión. Máis hai lugares onde a curva aínda é ascendente. É o caso, por exemplo, de Cabanas (cun importante brote na residencia DomusVi de Laraxe), Pazos de Borbén, Arzúa ou Guitiriz, entre outros.

A estes concellos hai que sumar outros 91 que duplican ou mesmo triplican o limiar de risco máximo (250). E entre eles están as cidades da Coruña, Ourense, Pontevedra, ou Ferrol. Santiago está tamén preto dos 500.

Na outra banda mantéñense os concellos que suman canto menos 14 días sen casos. Algúns deles, de feito, levan a maior parte da pandemia sen rexistrar positivos, agás situacións illadas. Desde finais de xaneiro están ‘libres’ de coronavirus Antas de Ulla, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Pol, Ribeira de Piquín, Riotorto, Baños de Molgas, Beariz, O Bolo, Calvos de Randín, Cortegada, Chandrexa de Queixa, Entrimo, O Irixo, Parada de Sil, A Peroxa, Piñor, Pontedeva, Rubiá, A Teixeira e Vilariño de Conso.

Ademais, outros 105 rexistran entre 1 e 9 casos nos últimos 14 días. As súas incidencias acumuladas por habitante varían por mor da súa poboación. Con todo, en esta lista entraron bastantes municipios que ata hai poucos días estaban por riba deste rango.

O descenso, aínda que leve, constátase tamén no grupo de concellos que se mantén con 10 ou máis casos. O 1 de xaneiro, cando aínda non agromaran os casos derivados do Nadal, apenas 100 concellos sumaban máis de 10 casos nos 14 últimos días do 2020. A final dese mes, o número de concellos nesta situación ascendía a 217, nos que vive a gran maioría da poboación galega. Cos datos do 10 de febreiro, eran 187.

O mapa

En relación aos datos de finais de xaneiro, a cor municipal da incidencia da Covid-19 parece tomar mellor forma. En áreas onde a incidencia superaba o 1% en varios concellos, como a da contorna da Coruña, o interior da provincia de Pontevedra, a Limia ou Ortegal, a curva está descendendo. Mais a cor vermella, que amosa un rango de entre 500 e 1000 casos por 100.000 habitantes, segue sendo predominante no eixe atlántico, o sur de Lugo ou o oeste de Ourense.

Así, aínda que a tendencia de novos casos é descendente, hai indicadores, segundo advertiron este mércores na súa comparecencia os responsables da consellería de Sanidade, que supoñen un chamamento á precaución á hora de levantar as restricións. A carga asistencial nos hospitais segue sendo alta, aínda por riba do peor momento da primeira onda da primavera de 2020. A ocupación nas UCI mantense por riba das 200 persoas, como se pode ver baixo estas liñas:

Neste sentido, os falecementos mantéñense en valores máximos da pandemia. Desde finais de xaneiro, máis de 20 persoas están falecendo cada día por mor da Covid-19. Febreiro xa é deste xeito, despois de só 11 días, o mes con máis persoas falecidas con coronavirus despois de abril, xaneiro e novembro.

A vacinación, unha das claves

Ademais da contención de número de novos casos, a principal esperanza para reducir a carga asistencial dos hospitais e, en último termo, as persoas que falecen por mor da pandemia, é a vacinación. Este mércores, desde Sanidade informouse do final da vacinación nos centros sociosanitarios e o persoal sanitario de primeira liña. Nesta semana comezará a inmunización do persoal sanitario.

Ademais, coas primeiras vacinas de AstraZeneca (unhas 11.000) recibidas esta semana abordarase a vacinación aos profesionais do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) menores de 55 anos, xa que o Ministerio de Sanidad acordou que este era a idade máxima na que se administraría esta fórmula, debido á ausencia de resultados a gran escala sobre a súa efectividade en persoas de máis idade.

Este xoves, o presidente da Xunta avanzou que a nova ‘desescalada’ está condicionada pola inmunización das persoas maiores de 80 anos, as máis vulnerables ás complicacións causadas pola Covid-19. Agárdase que este proceso se prolongue, canto menos, ata abril ou maio. Máis do 70% dos falecementos causados polo coronavirus en Galicia correspóndense a persoas que superaban esta idade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da RAG

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204