O Sergas realizou máis de 900 probas aos contactos das infeccións rexistradas na Mariña.
O Sergas realizou máis de 900 probas aos contactos das infeccións rexistradas na Mariña.

Os brotes da Covid-19 en Galicia sitúan a epidemia en niveis do 1 de xuño

A Consellería de Sanidade eleva a 47 os positivos vinculados ao foco da Mariña, onde se fixeron máis de 1.000 probas a contactos das persoas infectadas

Hai máis dun mes, o primeiro día de xuño, o Ministerio de Sanidad informaba que Galicia diagnosticara 78 casos de Covid-19 nas dúas semanas anteriores e 19 nos sete días previos. A incidencia da pandemia descendía notablemente día a día, e a mediados de mes, o 15, a comunidade autónoma galega convertíase na primeira en pasar á chamada “nova normalidade”. Os indicadores sostiñan a decisión, coa menor incidencia acumulada de España (entre o 1 e o 18 de xuño nunca se notificaron máis de dous diagnósticos diarios) e un sistema de vixilancia con capacidade de resposta a posibles rebrotes. Porén os focos detectados no Barbanza e, sobre todo, na Mariña de Lugo, complicaron a evolución na segunda quincena do mes e os primeiros días de xullo. Este xoves, os diagnósticos dos 14 días anteriores eran 76, elevando a incidencia acumulada ata os 2,82 casos por 100.000 habitantes. Ao cinguirse á provincia de Lugo, esta cifra, actualizada ata o día 28, é de 6,98, situándoa por riba da media española para ese mesmo día (4,07).

O foco da costa lucense, onde a Consellería de Sanidade recoñece de forma tácita a existencia de transmisión comunitaria, suma arredor de medio cento de positivos (12 novos nun só día). O elevado número de contactos provocou que todas as persoas que se están vixilando (fixéronse máis de 900 PCR aos contactos) deban confinarse durante 14 días, por precaución, en atención aos protocolos marcados. E unha pequena parte das infeccións xa trascenden a área mariñá: El Progreso confirmaba este xoves un caso illado na cidade de Lugo. E o Goberno de Asturias anunciaba que, despois de 20 días sen infeccións, detectou un caso na área sanitaria de Jarrio, na desembocadura do río Navia, que se corresponde cunha persoa que vive e traballa na Mariña e que, por criterios técnicos, se computará en Galicia. Ante este positivo, o presidente do Principado, Adrián Barbón, chamou á cidadanía a “extremar as precaucións”, sobre todo na zona de Jarrio.

Sete diagnósticos novos, pero 17 máis na serie

A revisión constante que realiza o Ministerio de Sanidad ofrece unha imaxe máis ampla de como evoluciona a epidemia nos últimos días en Galicia. Así, este xoves informábase de sete novos diagnósticos no día previo (mércores), pero a revisión de toda a serie engadía 17 positivos (de 9.222 a 9.239), ao incluír diagnósticos de días anteriores que aínda non se notificaran.

O Instituto Carlos III, que difunde as cifras da declaración individualizada dos casos de Covid-19 á Red Nacional de Vigilancia Epidemiológica (RENAVE), permite ver tamén a situación das últimas semanas nas catro provincias galegas. Entre o 14 e o 28 de xuño (último día no que se debullan as cifras provinciais), as catro provincias galegas notificaron 66 casos de Covid-19. 46 deles foron en Lugo (aos que habería que engadir os dos últimos días), 14 na Coruña, 4 en Pontevedra e 2 en Ourense.

As actualizacións diarias que vai achegando o Ministerio de Sanidad constatan do mesmo xeito, nas últimas dúas semanas, o aumento de casos debido aos rebrotes. Cando o día 26 só tres persoas iniciaran síntomas na semana previa, este xoves eran 15. Neste cadro clínico englóbase, segundo expón o Ministerio de Sanidad, a infección respiratoria aguda de aparición súbita que pode causar febre, tose ou sensación de falta de aire, así como dor ao tragar, perda do sentido do olfacto ou do gusto, dor muscular, diarrea, dor torácica ou cefalea.

Advertencia á mocidade

Con todo, a maioría dos casos están sendo asintomáticos, debido a que os focos, segundo informaron fontes do Sergas, se corresponden con xente nova. Aínda que se segue investigando a orixe do foco, o presidente da Xunta apuntou este mediodía a que moitos dos positivos se concentraban en “dous ou tres bares da zona do porto” de Burela, que se pecharon ao detectarse os casos. A orde do Diario Oficial de Galicia na que se mantiña en 14 concellos da Mariña a limitación para o ocio nocturno e as festas populares garda relación coa situación epidemiolóxica, de aí que Feijoo pedira “prudencia no ámbito do ocio”, ao tempo que advertía da necesidade de comunicar os posibles contactos con persoas infectadas, xa que se estaban atopando problemas neste sentido.

Ao brote da Mariña tamén se referiu este xoves o ministro de Sanidad, Salvador Illa, nun acto electoral celebrado en Santiago. Agradeceu aos alcaldes da Mariña a “actitude correcta de sensibilización da poboación”, e incidiu na importancia de “respectar a corentena” no caso dos positivos confirmados e os seus contactos. “Isto non é unha broma”, dixo.

Fernando Simón: “Non é tan difícil que un brote familiar acabe xerando un brote comunitario”

Tamén Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES), falou da sítuación, aínda que sen nomear de forma explícita o caso de Lugo. Na súa comparecencia do xoves, advertiu da existencia de “brotes que teñen características particulares, aos que chamamos ‘mixtos‘, explicando “que se inician como familiares”, pero “que xeran unha extensión doutro brote a outro ámbito”. Así, apuntou que estes brotes “conseguíronse controlar, e estanse seguindo ben, pero indican non é tan difícil que un brote familiar acabe xerando un brote comunitario, e isto axúdanos a manter a tensión”,  porque é máis difícil de controlar e hai que manter a tensión”. Engadiu Simón: “Que a xente entenda que non é que se eu vou ver a meus primos, como moito se van infectar eles e é o meu problema; non, os teus primos poden infectar a outros e podemos acabar xerando un problema comunitario que non desexamos ningún”.

Casos activos

Pola súa parte, a Consellería de Sanidade informou dos casos activos en Galicia este xoves: 317. Deles, 73 son da área da Coruña, 64 da de Lugo, 18 da de Ourense, 6 da de Pontevedra, 122 da área de Vigo, 24 da de Santiago, e 10 da de Ferrol. Así foi a evolución nas últimas semanas:

Un día máis non se produciron falecementos, e a cifra de óbitos por mor da Covid-19 mantense en 619.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.