Martes 16 Abril 2024

A borrasca Gloria roza Galicia con frío e alerta laranxa no mar

Aínda que a zona máis afectada será o Mediterráneo e o leste da península ibérica, os refachos de vento e a baixada de temperaturas serán notables

A borrasca Gloria, nomeada esta fin de semana pola Axencia Estatal de Meteoroloxía, está a causar importantes problemas no Mediterráneo e o nordeste da península ibérica. Ao contrario que a maioría dos temporais que golpean o suroeste de Europa, Galicia non está a sufrir a peor parte da situación. Así, mentres Gloria está a destrozar paseos marítimos, marca rexistros récord de ondas en Valencia e incomunica vilas do tamaño de Villena, Galicia loce ceos case despexados.

Con todo, está activado o aviso amarelo por refachos de máis de 100 km/h debido á circulación dos ventos do nordés. A situación débese ao corredor de isobaras que se formou entre as altas presións situadas ao norte, no Atlántico, e a borrasca Gloria no Mediterráneo. Ante isto, MeteoGalicia decretou o aviso de nivel amarelo en todos os concellos das provincias da Coruña e Lugo, no interior de Pontevedra e na montaña de Ourense, que se prolongará ata a medianoite do martes ao mércores (agás no interior de Pontevedra e oeste da Coruña, onde estará o aviso activo ata a mañanciña do mércores).

Publicidade

No mar, os ventos do nordés soprarán moi forte, de ata forza 8, o que levou a Axencia Galega de Emerxencias a activar a alerta laranxa. Nesta situación recoméndase afastarse das zonas de litoral.

O efecto de Gloria en Galicia notarase, ademais do vento, nas temperaturas. Así, en Cabeza de Manzaneda caeron esta mañá ata os -7,5ºC. Houbo tamén moito frío en Baltar (-6,4ºC), Xares-A Veiga (-6,1ºC) e Lardeira (-5,9ºC).  Os refachos de vento superaron os 100 km/h en Cedeira (113), Muralla (104,4) e Malpica (101,2). A sensación térmica foi bastante máis baixa xa que en lugares como Lardeira chegaron a soprar ventos de 93,1 km/h, tal e como expoñen desde MeteoGalicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia vivirá unha primavera “máis cálida do normal”

Segundo a AEMET, as temperaturas invernais estiveron 1,8 graos por enriba da media habitual para esta época do ano

Descuberta a proteína responsable da sensación de frío

O estudo foi publicado na revista ‘Nature Neuroscience’ e pode axudar a comprender como perciben as temperaturas baixas os seres humanos

Unha masa de aire subtropical elevará os termómetros en Galicia ata os 21 graos. Canto vai durar?

A partir do xoves agárdase a entrada de novas borrascas atlánticas que deixarán precipitacións no oeste da comunidade

Francisco Infante, delegado da Aemet: “En Galicia está cambiando o patrón de precipitacións”

O experto apunta que a comunidade suma meses máis cálidos do normal e que non será unha excepción á subida do nivel do mar