Mapa de raios do sábado 30 de xuño, cando caeron case 6.000 sobre Galicia. Fonte: MeteoGalicia.
Mapa de raios do sábado 30 de xuño, cando caeron case 6.000 sobre Galicia. Fonte: MeteoGalicia.

Avalancha de raios en Galicia

As imaxes do radar de raios que recolle MeteoGalicia evidencian a intensidade das treboadas que afectaron durante os pasados días ao país. Máis de 17.000 raios, preto de 11.000 sobre o territorio galego, son o balance das tormentas que tamén deixaron problemas serios en cidades como A Coruña e Ourense, debido á intensidade das precipitacións.

O fenómeno comezou a tomar forma o pasado xoves. Como adoita acontecer a finais da primavera e comezos do verán, unha depresión illada en niveis altos (Dana) procedente de Portugal entrou en Galicia, afectando en principio ás provincias de Pontevedra e Ourense, pero estendéndose despois cara o norte. Tamén afectou notablemente a Castela e León.

O xoves 28, MeteoGalicia rexistrou xa 2.330 raios, 644 deles sobre Galicia, sobre todo entre as 14 e as 20 horas. Ao día seguinte, nas mesmas horas, foron 2.954 descargas sobre o territorio galego, e MeteoGalicia anotou, en total, 3.684 raios.

Porén, o día máis intenso en canto a treboadas e precipitacións foi o sábado 30. Foron dous episodios (entre as 2 e as 6 da mañá e entre as 10 e as 16 horas) que afectaron especialmente ao centro da comunidade, de norte a sur, tal e como se pode ver no mapa de raios. Houbo 5.954 raios en Galicia, e un total de 11.187 no espectro que abranguen os detectores da axencia meteorolóxica galega.

A intensidade destas descargas eléctricas veu acompañada de fortes precipitacións. O acumulado do día en estacións próximas á Coruña, Lalín e Ourense, lugares onde houbo inundacións importantes, foi superior aos 25 litros por metro cadrado.

Deste xeito, o 30 de xuño foi un dos días con máis lóstregos desde que se puxo en marcha esta rede de detección de MeteoGalicia, en 2009. O récord produciuse o 26 de maio de 2017, cando caeron sobre Galicia 9.562 raios.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.