Sábado 20 Abril 2024

Así está a Covid-19 en Galicia: casos, incidencia, probas, positivos, mapas…

A comunidade mantén unha incidencia menor cá de boa parte do territorio estatal aplicando restricións en áreas concretas onde aumentan os casos

Coa volta ás aulas e a reincorporación laboral de moitas persoas, a incerteza sobre o impacto da pandemia da Covid-19 ao longo do outono segue sendo moi alta. A complicada situación que se está vivindo nalgunhas rexións, como a Comunidade de Madrid, e a transmisión que pode estender a outras áreas do territorio estatal preocupa a profesionais sanitarios. A comunidade científica tamén está reclamando, ademais de medidas máis efectivas, unha avaliación da xestión e a resposta diante da pandemia realizada ata o momento, tanto por parte do goberno estatal como das comunidades autónomas, para anticiparse aos problemas que poidan xurdir de novo. Neste punto, Galicia, dentro do severo impacto nalgúns indicadores (preto de 110 persoas faleceron en mes e medio, desde o 8 de agosto), está rexistrando algúns dos indicadores “menos malos”, no eido estatal. E, tal e como amosan os datos do Centro Europeo para o Control e Prevención de Enfermidades (ECDC) é, xunto a Asturias e algunhas rexións de Portugal e Francia, a que menor incidencia rexistra no oeste de Europa, pero mantense por riba da meirande parte do nordeste do continente.

Situación en Europa o 23 de setembro. Fonte: ECDC.
Situación en Europa o 23 de setembro. Fonte: ECDC.

Casos detectados

Ata o momento, o Ministerio de Sanidad é a única fonte que achega diariamente os casos detectados no día previo en Galicia. A información da Xunta expón, de forma indirecta, o total de positivos detectados desde o comezo da pandemia e permite coñecer os casos engadidos diariamente. Porén, hai que facer unha operación matemática para averigualo: a resta do conxunto de casos activos, falecementos e curacións entre un día e o anterior. Esta cifra leva tempo estabilizada entre os 200 e 300 casos diarios, con algunhas oscilacións arriba e abaixo, e cun número de probas PCR cada vez maior (o venres 25 e o sábado 26 foron os días nos que se informou de máis probas desde o mes de marzo). Nun número semellante se move a diferenza que amosa o Ministerio, restando o total de casos detectados entre un día e o anterior.

Publicidade

O indicador que vai achegando todos os días Sanidade, e que permite ver a evolución da pandemia, é o de casos activos por área sanitaria. Hai que ter en conta, con todo, que a concesión de altas nalgunhas áreas pode ‘opacar’ nalgún momento o aumento de casos. Mais nótase claramente o aumento de casos en Pontevedra-O Salnés, e, en menor medida, en Ourense, onde se están aplicando restricións pola transmisión do SARS-CoV-2, mentres que a tendencia noutras zonas parece apuntar a un descenso de casos.

Os brotes

Ata o de agora, non se dispón tampouco de información sobre cada un dos brotes baixo vixilancia dos servizos sanitarios. Porén, este venres, o conselleiro de Sanidade avanzou a posta en marcha dun sistema de información sobre os brotes, aínda que non aclarou se ía ser público ou estar só a disposición dos concellos. Con todo, segundo recolle Europa Press, manifestou as reservas sobre achegar a situación a nivel municipal por tratarse de “información moi sensible”.

Por agora, o coñecemento da situación limítanse a informacións puntuais achegadas por Sanidade e ás ordes que regulan as restricións nalgúns concellos. Un dos puntos de atención está no Salnés, onde o brote vinculado a unha empresa avícola, con decenas de positivos, podería facer que se estendan as medidas a toda a comarca, despois de aplicarse en Vilagarcía, e, desde este venres, en Vilanova de Arousa, cun importante aumento de casos nos últimos días.

Noutros casos, as medidas son as máis estritas, como en Ourense, pola alta transmisión detectada en barrios como O Couto, e aplicáronse no Milladoiro, en Ames, por un “evento de gran potencial de expansión da infección” que podería aumentar a incidencia na zona.

Hai tamén preocupación na maioría dos casos pola xuventude das persoas afectadas, que poderían transmitir o virus mentres son asintomáticos ou presintomáticos. Por outra banda, en casos como os de Verín, onde tamén hai restricións, o informe máis recente de Saúde Pública advirte ao “aumento de ingresos e a circunstancia de ter unha poboación moi envellecida“.

Por concellos

A única fonte de datos neste sentido é a achegada polo xornal La Voz de Galicia, que tivo acceso a un informe de Saúde Pública datado o 16 de setembro. Mais si que se achegan parte destes datos a nivel de concellos no referente a residencias de persoas maiores ou con discapacidade e os centros educativos, por parte das consellerías de Política Social e Educación. Así estaba a situación este venres, con 258 positivos en centros, repartidos en case 70 concellos:

Nas residencias de maiores, mantíñanse activos 320 casos de usuarios e 118 de traballadores, e nas de persoas con discapacidade, 24 usuarios e 20 traballadores. Así se distribúen os casos no mapa de Galicia:

Baixa positividade, ocupación e incidencia e poucos casos con síntomas

Ademais dos informes diarios de Sanidad, o Instituto Carlos III achega unha análise semanal sobre a situación da epidemia que bota máis luz sobre a evolución en Galicia. Isto permite observar, por exemplo, que Galicia é unha das comunidades nas que o porcentaxe de persoas con síntomas é menor (34,6%), fronte ao 49,9% da media do territorio estatal. Porén, mantense como a que maior porcentaxe de casos sen contacto coñecido ten (78,8% fronte a 40,7% da media de España).

Hai outros indicadores positivos: o informe do Ministerio do 25 de setembro expón que nas últimas semanas a incidencia acumulada de casos a sete e 14 días por cada 100.000 habitantes e a taxa de positividade das probas PCR realizadas (arredor do 6%) segue sendo das menores nas comunidades autónomas, situándose por baixo da metade da media española. Para establecer unha comparación, as zonas máis afectadas de Galicia, nas que se instauran restricións, manteñen unha incidencia aínda menor cá de comunidades enteiras como Madrid, Navarra, La Rioja ou Castilla-La Mancha.

Preme sobre a imaxe para ver con máis detalle. Fonte: Ministerio de Sanidad.
Preme sobre a imaxe para ver con máis detalle. Fonte: Ministerio de Sanidad.

Do mesmo xeito, a ocupación nos hospitais en Galicia mantense no 3,12% nas camas de hospital e do 4,48% no caso das de UCI, moi por debaixo da carga doutras áreas, con máis do 10% de camas totais e do 25% das UCI ocupadas por persoas enfermas de Covid-19.


Máis información:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204