Sábado 20 Abril 2024

As persoas que superaron a Covid-19 en Galicia suman máis de 10.000

O Ministerio de Sanidad confirma dous novos diagnósticos en Galicia, que conta con 678 casos activos, do que máis do 95% están atendidos no domicilio

Os datos que achegaron este mércores o Ministerio de Sanidad e a Consellería de Sanidade sobre a situación da Covid-19 en Galicia supoñen a superación dunha barreira simbólica pero relevante: xa son máis de 10.000 as persoas nas que se detectou a exposición ao coronavirus e que superaron a infección causada polo SARS-CoV-2. Isto supón que o 88,56% de todas as persoas afectadas xa están curadas. Segundo Sanidade, quedan como casos activos un total de 678, dos que o 95,7% están sendo atendidas no domicilio.

A serie que achega o Ministerio sitúa un día máis a Galicia como a comunidade autónoma con menor incidencia acumulada en canto aos casos diagnosticados nos últimos sete días. Con 13 diagnósticos nos últimos sete días, a taxa por 100.000 habitantes é do 0,48, 10 veces menor cá media de España (5,05).

Publicidade

Estes datos, con todo, están suxeitos á revisión individualizada que está a facer Sanidad, segundo insiste nas súas comparecencias diarias o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón. Unha das principais distorsións dos datos é a referente ás mortes, xa que mentres as comunidades autónomas seguen informando dos falecementos diarios, o Ministerio de Sanidad só actualiza a serie histórica de forma semanal, e informa das mortes en cada unha das rexións administrativas nos últimos sete días.

No período das últimas dúas semanas, Galicia notificou 64 novos casos, aínda que só 12 iniciaron síntomas neste período de tempo. Na cifra de referencia dos últimos sete días, as autoridades sanitarias galegas informaron ao Ministerio de 13 diagnósticos, dos que só 3 comezaron a manifestar síntomas neste rango temporal. Segundo a nova estratexia, desde o 11 de maio considéranse casos os confirmados mediante proba PCR ou ben os detectados con proba serolóxica que detecte anticorpos IgM (os máis temperáns) cando haxa síntomas compatibles coa Covid-19. Este martes diagnosticáronse dous casos en Galicia, segundo a cifra achegada a Sanidad.

Casos activos

No conxunto de Galicia, estase a seguir a 678 persoas como casos activos por coronavirus, 29 menos có luns, segundo a cifra que facilita a Consellería de Sanidade. Delas 147 están na área da Coruña-Cee, 39 son da de Lugo-A Mariña-Monforte, 60 da de Ourense-Verín-O Barco, 25 da de Pontevedra-Salnés, 257 da de Vigo, 130 da de Santiago-Barbanza, e 20 da de Ferrol.

A ocupación dos hospitais é menor cós días previos á declaración do estado de alarma, na fin de semana do 15 de marzo. Unha persoa está na UCI, e outras 28 están noutras unidades de hospitalización.

En canto aos falecementos, a Xunta de Galicia dá conta de 617 óbitos, mentres que Sanidad confirma 609 debido a que aínda está realizando a validación de cada caso para corrixir a serie histórica, que o Ministerio actualizará semanalmente.

No referente ás residencias de maiores e centros de discapacidade, seguen activos 63 casos (34 usuarios e 29 profesionais). Desde que comezou a crise, faleceron 273 usuarios destes centros (132 nas propias residencias e 141 en hospitais ou residencias integradas).

Serie de casos

As informacións incompletas sobre a evolución da pandemia por parte da Consellería de Sanidade, así como os diversos cambios de criterio decretados por parte do Ministerio de Sanidad que dificultaron, do mesmo xeito, o seguimento da serie de casos desde o comezo da crise complican seguir ao detalle día a día as cifras. Con todo, da suma de casos activos, curacións e falecementos que ofrece Sanidade pode tirarse o total de infeccións por Covid-19 detectadas en Galicia, que ascenderían este luns a 11.328.

Con todo, este dato non é sinónimo de persoas enfermas, xa que só 9.132 delas se contabilizan, segundo o Ministerio de Sanidad, como casos. As outras 2.196 persoas puideron dar positivo por outras probas de anticorpos, pero non manifestaron síntomas da doenza. Deste xeito, nos últimos días, aínda que Galicia apenas estea detectando casos, a cifra de infeccións totais segue medrando, toda vez que a validación que está a realizar Sanidad está a incluír positivos detectados pero que non necesariamente se corresponden aos últimos días.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia

Un equipo galego deseña un sistema para detectar o ARN do coronavirus

Tamén presentou avances en novas ferramentas de Intelixencia Artificial (IA) capaces de acelerar o desenvolvemento de fármacos