Reunión do conselleiro Vázquez Almuiña cos alcaldes da zona da Coruña celebrada este luns.

A Xunta decide este mércores sobre o confinamento da Coruña

A Mariña tiña menos da terceira parte de casos cando se decretou a restrición da mobilidade e o illamento da zona

O luns 6 de xullo, a Xunta de Galicia decretou o confinamento da Mariña lucense, con duras restricións como un illamento perimetral da bisbarra, prohibindo os desprazamentos a outras zonas de Galicia, e recomendando non abandonar o propio concello, agás por motivos laborais ou de forza maior. Ese día, A Mariña tiña 119 casos activos de coronavirus. Este martes 11 de agosto, a área sanitaria da Coruña ten 406 casos activos, dos que só na cidade da Coruña hai a 290 e outras 691 persoas están en seguimento.

Así que o comité técnico da Consellería de Sanidade ten que decidir este mércores 12 de agosto se procede a endurecer as medidas de contención na área da Coruña, que poderían incluír a restrición de movementos entre concellos.

O comité está formado por 35 especialistas médicos, que se van reunir co propio conselleiro Jesús Vázquez Almuiña, quen xa o luns comunicou aos alcaldes da bisbarra que pode haber novidades, aínda que tentou tranquilizar asegurando que observan “un menor incremento na evolución da pandemia na zona”, malia que os datos achegados pola propia Xunta de Galicia seguen a amosar que medran os casos detectados.

Almuiña manifestou aos alcaldes que a palabra ‘confinamento’ non é axeitada, xa que só pode decretalo o Goberno en estado de alarma. Neste caso, refírese ao confinamento domiciliario obrigatorio. Pero si recoñeceu que en Galicia podería aplicarse o confinamento dunha área sanitaria ou determinados concellos, con restricións á mobilidade. O conselleiro dixo aos medios o pasado venres que restrinxir a mobilidade “sempre é a última posibilidade, porque é un dereito fundamental que queremos respectar”. Pero os datos actuais da Coruña e a súa bisbarra, comparados cos da Mariña a principios de xullo, parecen apuntar a medidas similares ou aínda máis restritivas.

Nas últimas 24 horas, a área sanitaria da Coruña sumou 35 novos contaxiados

Os casos activos na área sanitaria da Coruña e Cee superan os 400, ao rexistrarse nas últimas 24 horas 35 novos contaxiados, o que deixa a cifra total en 406 persoas afectadas por Covid-19. Tamén se incrementa o número de pacientes hospitalizados, que chegan á vintena, catro máis que o luns. Un enfermo permanece na UCI do Chuac, mentres que os 19 restantes están en planta. Por outra banda, nas últimas 24 horas non se concedeu ningún alta epidemiolóxica, segundo informaron desde Sanidade. Preto da metade dos casos de coronavirus activos en Galicia pertencen á area sanitaria da Coruña.

Na Coruña continúa a expansión do virus. Se o luns notificáronse 262 casos activos e 545 persoas en seguimento por ter contacto estreito con contaxiados, hoxe informouse de que os casos ascenden a 290 e hai 691 persoas en seguimento. O seguinte concello máis afectado é Arteixo (19 casos e 71 contactos fronte a 18/64 de onte), Culleredo (17/58, dous contaxiados máis que o luns) e Oleiros (14/56, un caso activo e dúas persoas en seguimento máis). Moi por detrás sitúanse Cambre (que pasa de 8 a 10 contaxiados e 40 a 47 veciños en seguimento), Abegondo (2/16, tres seguimentos máis) e Sada (con 2 contaxiados e 15 veciños en vixilancia, 5 máis). En Carral, hai dúas persoas enfermas e dez en seguimento.

No caso da Mariña no mes de xullo, ademais da restrición da mobilidade entre concellos, e os desprazamentos non xustificados, as medidas da Xunta incluiron a recomendación de permanecer na casa e limitar a vida social. Este mércores, a área da Coruña espera a decisión do comité técnico da Consellería de Sanidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.