Venres 29 Marzo 2024

A repunta de casos eleva o risco pola Covid-19 en máis de 30 concellos

Unha trintena de municipios superan os 150 casos/100.000 habitantes a 14 días e poderían afrontar novas restricións nos vindeiros días

A nova etapa na que se sitúa a pandemia da Covid-19, co aumento de novos casos concentrados na poboación máis nova e aínda non vacinada, xa se está a percibir nos datos que achegan a Consellería de Sanidade e o Ministerio de Sanidad. Aínda que en Galicia o impacto hospitalario é por agora pouco perceptible, a repunta na transmisión do SARS-CoV-2 podería frear a desescalada nun número importante de concellos despois de semanas con restricións limitadas a poucos municipios. Este domingo, a cifra de municipios cunha incidencia por riba de 150 casos/100.000 habitantes en Galicia xa ascendía a 35, polo que o comité clínico podería estender as restricións xa vixentes desde o venres pasado en 10 concellos a máis localidades.

A repunta constátase, en termos xerais, no número de novos positivos detectados diariamente. Despois de dous meses por baixo dos 200 casos diarios, Galicia encadena case unha semana na contorna dos 250 diagnósticos positivos por SARS-CoV-2. Isto elevou a incidencia a 14 días por riba dos 70 casos/100.000 habitantes a 14 días, segundo a actualización de Sanidad o pasado venres. Unha cifra que probablemente se incremente co informe deste luns, xa que a tendencia a sete días é crecente (45,56).

Publicidade

Este aumento de novos casos xa está a provocar un estancamento na caída das hospitalizacións. Despois do mínimo de 42 ingresos (32 en unidades de hospitalizacións e 10 en UCI) do pasado 26 de xuño, este luns a cifra subía ata 61 (aínda que probablemente 'inflada' polo menor número de altas concedidas nas fins de semana). Con todo, nos datos obsérvase o cambio no perfil de pacientes: os casos de Covid-19 positivos nas UCIs non se incrementan polo momento, e boa parte dos novos ingresos cínguense ás unidades de hospitalización.

O número de falecementos tamén segue freándose. En xuño faleceron, segundo o Sergas, 18 persoas por Covid-19, fronte ás 29 de maio e as 47 de abril. No que vai de xullo só se notificou un óbito, o que suma un total de 2.437 vítimas por mor do coronavirus en Galicia.

Concellos á porta de máis restricións

Outro dos sinais da repunta é o do número de concellos que se manteñen sen casos de Covid-19 na última semana. Se o pasado luns eran 214 os que se mantiñan sen novos positivos desde hai, polo menos, unha semana, desta volta a cifra cae a 153. No que atinxe ás últimas dúas semanas, o número de municipios libres de positivos cae dos 175 aos 137.

27 concellos suman, polo menos, 10 positivos na última semana. A tendencia crecente da transmisión preocupa en localidades como Vilagarcía de Arousa (con 70 positivos na última semana e 86 a 14 días), Cambados (28 positivos e 39), Marín (24 e 28) A Illa de Arousa (25 e 26), Ribadavia (17 e 19), A Estrada (12 e 14) ou Caldas de Reis (10 e 13). Algúns deles xa se atopan en restricións de nivel medio, pero calquera deles podería subir no rango de limitacións despois da reunión do comité clínico este martes.

En canto á incidencia, xunto á Illa de Arousa, Carnota é o outro concello que se mantén por riba do indicador de 500 a 14 días, aínda que este último municipio amosa unha tendencia descendente na última semana, por baixo de 75. Outros pequenos municipios, como Triacastela, Arnoia e Castrelo do Val, aínda que rexistran menos de 10 positivos, sitúanse por riba de 250 de incidencia na última semana. Tamén Sarria, que xa está en nivel alto, amosa aínda un elevado nivel de transmisión nos últimos sete días. Curtis é outro concello que, con 12 casos nos últimos 14 días, podería subir de nivel esta semana.

Outro grupo de municipios que está por baixo deste limiar podería seguir convivindo con limitacións a partir do vindeiro venres, cando se prevé que entren en vigor as medidas que anunciará este martes o comité clínico. Os responsables do Goberno galego xa avanzaron nos últimos días a posibilidade de frear e mesmo reverter a actual desescalada ante o notable aumento de casos. Así, neste escenario poderían entrar outra lista de concellos que amosan unha tendencia crecente nos últimos días, por riba de 125 casos/100.000 habitantes na última semana, como Meis, Valga, Oia, Portas, Castrelo do Val, Montederramo, Fornelos de Montes, Valga, Lácnara, Sober, Taboada, Carballeda de Avia, Entrimo, Toén ou Mondariz-Balneario.

Por idades

Á espera de que os datos deste luns amosen a evolución dispar da pandemia en función da idade, a situación en Galicia, cunha incidencia menor en termos xerais, é semellante á do resto do territorio español. Os casos concéntranse no grupo de 12 a 29 anos, cunha proporción 10 veces maior á dos maiores de 60 anos. Cunha incidencia global de 71,69 casos/100.000 habitantes a 14 días, sitúanse por baixo desta cifra o grupo de menores de 11 anos (68,33) e os de 50-59 (31,78), 60-69 (19,6), 70-79 (12,42), e maiores de 80 (15,79). Por riba fican o grupo da rapazada de 12 a 19 anos (219,99), 20 a 29 anos (188,33) e 30 a 39 (106,06), mentres que practicamente na media está o de 40-49 (73,1).

Fonte: Ministerio de Sanidad.
Fonte: Ministerio de Sanidad.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.