Sábado 20 Abril 2024

A Mariña rexistra 36 novos casos de Covid-19 e a Xunta sopesa reducir o peche

O Goberno galego abre a porta a manter as restricións nos municipios máis afectados, como Burela, e permitir a libre mobilidade no resto da comarca

O brote de Covid-19 que foi detectado o pasado 24 de xuño na comarca da Mariña sumou este xoves 36 novos casos confirmados, que elevan a 190 os detectados pola Consellería de Sanidade desde o comezo do brote. Aínda que a Xunta dá conta doutros “21 casos activos” (persoas que actualmente están baixo seguimento por ser positivos debido á infección do coronavirus SARS-CoV-2) para un acumulado, no día, de 165, a concesión de 25 altas (15 máis có mércores) amosa que xa son 190 persoas vinculadas aos primeiros focos foron diagnosticadas de Covid-19 na comarca.

Este mesmo xoves, a pouco máis de 24 horas de que expirase o prazo de cinco días marcado pola Xunta de Galicia para revisar o peche decretado en 14 concellos da Mariña, a Xunta de Galicia avanzou a posibilidade de reducir as limitacións de mobilidade aos municipios máis afectados (como é o caso de Burela, co 75% dos novos diagnósticos de Covid-19), permitindo maiores garantías en concellos como Foz, Barreiros, Cervo, Mondoñedo, Ourol, Trabada, O Valadouro e O Vicedo, nos que, segundo os datos que achegou o presidente autonómico no mediodía do xoves, non rexistran casos nos últimos días.

Publicidade

Deste xeito, aínda que se manterían restricións de aforo e prevención “máis estritas que no resto de Galicia”, abriríase o tránsito co resto do país, e prolongaríase o peche durante máis días nas zonas onde se seguen detectando positivos. Está previsto que a decisión do Comité Clínico da Xunta se faga pública ao longo do venres, cando celebrará unha nova reunión na que se analizarán os últimos datos dispoñibles.

Esta é a evolución da situación na Mariña:

Ao brote da Mariña referiuse tamén este xoves Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, dicindo que “nos preocupan”, focos como o da comarca do Segrià (bastante maior en número, con decenas de persoas hospitalizadas e un falecemento) ou o da Mariña. Expuxo, no caso de Lugo, que “se está reducindo o número de notificacións”, que ademais se tratan, en boa parte, de “asintomáticos”.

Saúl Ares: “Hai síntomas de transmisión descontrolada no brote da Mariña”

Casos activos

Un día máis, a Consellería de Sanidade deu conta da cifra de casos activos. Este valor non se corresponde cos novos casos detectados, senón coas persoas que están nun determinado día como positivos; é dicir, vese modificada polos casos detectados e polas altas que se conceden. Por tanto, pode subir ou baixar respecto ao día anterior, sen ter que ver necesariamente coa detección, ou non, de novos positivos.

Este xoves, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade expuxo que hai 256 activos en Galicia. Boa parte deles correspóndense coa provincia de Lugo (190, dos que 165 son da Mariña), mentres que na área de Vigo hai, 22 na Coruña-Cee, 14 na de Santiago-Barbanza, 3 en Pontevedra-Salnés, 2 en Ferrol e 1 en Ourense.

Hai sete persoas hospitalizadas, das que cinco se corresponden co brote da Mariña, mentres que as outras 249 persoas están en corentena no domicilio, baixo vixilancia do Sergas. Porén, na tarde do xoves, Faro de Vigo informou do ingreso na UCI dunha persoa afectada pola Covid-19 que chegou nun bus procedente de Madrid. Alén deste caso, Europa Press informaba, citando fontes sanitarias, doutro caso positivo no hospital de Ourense, nunha persoa sen síntomas de Covid-19 e ingresada por outra patoloxía.

Por outra banda, Galicia está a piques de acadar un mes seguido sen falecementos por mor da doenza, que provocou a morte de 619 persoas.

A realización de probas aos contactos estreitos dos novos positivos que van xurdindo fai previsible, deste xeito, que nos vindeiros días se incrementen os novos diagnósticos e, por tanto o número de novas persoas confinadas. Porén, por outra banda, a finalización dos períodos de corentena dalgúns dos contactos que deron negativo (14 días, por norma xeral), podería facer baixar esta cifra. Respecto ao brote da Mariña, Sanidade expuxo este xoves que máis de 300 persoas xa recibiron tamén a alta epidemiolóxica , aínda que non foran positivas por Covid-19, tras superar o período de illamento e non desenvolver a enfermidade, polo que poden volver facer ‘vida normal’.

Información de Sanidad

Pola súa conta, o Ministerio de Sanidad informou este xoves de que Galicia informou de 11 diagnósticos no día previo. Porén, na serie de casos totais que difunde o Goberno, a cifra sobre de 9.371 a 9.403 (32 máis), xa que a cronoloxía está sendo revisada constantemente coa análise individualizada dos casos. Deste xeito, súmanse á listaxe infeccións que non se incluíron nos diagnósticos do día previo, xa que corresponden a días anteriores.

Mirando á liña temporal máis ampla, en Galicia confirmáronse nos últimos sete días 164 casos, cifra que sobe ata os 217 nos últimos 14 días. A incidencia acumulada está próxima á media de España, lixeiramente por riba na última semana e lixeiramente por baixo nas dúas últimas. Con todo, a meirande parte dos positivos son asintomáticos, xa que dos casos detectados, sete iniciaron síntomas na última semana e 29 nas últimas dúas. Así foi a evolución diaria:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204