Imaxe visible do satélite Eumetsat no mediodía do xoves, na que se observa a chegada da borrasca Dora. Fonte: MeteoGalicia.
Imaxe visible do satélite Eumetsat no mediodía do xoves, na que se observa a chegada da borrasca Dora. Fonte: MeteoGalicia.

A borrasca Dora activa a alerta vermella no litoral da Coruña

O primeiro temporal de decembro fará baixar a cota de neve ata a contorna dos 600 metros, o que levará folerpas ata boa parte do interior

O comezo de decembro en Galicia virá acompañado do primeiro temporal de inverno. A borrasca, bautizada pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) co nome de Dora, deixará o nivel máximo de alerta no litoral da Coruña, con nivel vermello, segundo anunciou este venres a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta. Ademais, tanto MeteoGalicia como Aemet emitiron un aviso de nivel vermello para a mesma área, que será laranxa durante os vindeiros días no resto da costa galega, e ademais activarase o nivel amarelo en boa parte do interior do país, xa que a cota podería caer ata os 600 metros este venres.

No mar, onde se activará o nivel vermello desde a tarde do xoves, agárdase na costa coruñesa mar combinada do noroeste con ondas de 8 a 9 metros, e na Mariña lucense e a costa de Pontevedra agárdase ventos do oeste ou noroeste de forza 8 e ondas de ata 6 metros.

A Aemet emitiu este mediodía un aviso especial por mor da chegada de Dora, que penetrará na mesma tarde do xoves e xa deixará neve por riba dos 1.100 metros. Dora intensificarase o venres, cunha cota de neve máis baixa e un aumento na forza do vento. Aínda que se agardan precipitacións en forma de choiva, non se activou ningún aviso específico para este fenómeno.

Dora ten a súa orixe nun corredor de aire frío que descendeu en latitude desde o norte e arrastra aire marítimo polar ata a península Ibérica.

Vento e neve

A borrasca Dora deixarase notar durante a toda fin de semana, e non parece que o tempo propio do inverno se afaste a comezos da que vén. O nivel de aviso será amarelo por nevadas no interior das provincias da Coruña e Pontevedra (onde se poden acumular tres centímetros) e en boa parte das de Lugo e Ourense. Na montaña oriental poden chegarse a acumular 15 centímetros de neve. Tamén haberá alerta amarela por ventos do suroeste de ata 80 quilómetros por hora no noroeste da Coruña e na Mariña lucense.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, dá conta da situacións aos organismos pertinentes. A Xunta lembra a importancia de manterse afastados da liña de costa, isto é, de diques, rompentes, espigóns, peiraos, praias, paseos marítimos, e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Tamén se aconsella extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións. Ademais, aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.