Sesión inaugural de 'Mentoring USC' no Hostal dos Reis Católicos.
Sesión inaugural de 'Mentoring USC' no Hostal dos Reis Católicos.

Directivos e profesionais asesoran a alumnos de Santiago en ‘Mentoring USC’

O proxecto Mentoring USC é unha iniciativa da Universidade compostelá, cuxa finalidade é poñer en contacto alumnado de máster, graduados/as de último curso e titulados/as no curso académico 2014-2015 con directivos e profesionais de empresas, co obxecto de que estes lles presten orientación e apoio na busca de emprego e no desenvolvemento do seu proxecto profesional. O primeiro encontro mantivérono este luns 1 de febreiro no Hostal dos Reis Católicos cunha xornada presidida polo reitor Juan Viaño e polo titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Alberto Núñez Feijoo presidiu a xornada de Mentoring USC.
Alberto Núñez Feijoo presidiu a xornada de Mentoring USC.

Preto dun cento de mentores e outros tantos estudantes darán forma á experiencia do mentoring na USC, “unha metodoloxía perfectamente coñecida en moitos países”, indicou o reitor Juan Viaño na súa intervención. A experiencia pon de manifesto que “a preocupación pola formación dos nosos e das nosas estudantes non debe rematar nin na aula nin nos laboratorios”. Segundo o reitor, a Universidade debe ter a “suficiente sensibilidade para comprender que o tránsito ao mundo laboral é un proceso complexo que require toda a colaboración que poidamos dar”. E neste punto sinalou como unha autoesixencia da institución universitaria o apoio á inserción laboral, “temos que facer máis esforzos para lograr que os mozos e as mozas entren na dinámica do emprego, do autoemprego ou do emprendemento, sabendo todo o posible para aumentar as posibilidades de éxito”. Na súa opinión, “ estamos ante unha boa práctica que nos vai dar bos resultados en poucos meses”.

O mentor é un profesional que se reunirá co alumno para orientalo no seu futuro laboral

Mentoring USC busca reducir a incerteza do alumnado que rematou ou está a piques de rematar a súa etapa universitaria e carece de referencias previas para orientar axeitadamente o seu perfil ao mercado laboral. O novo programa permite ademais completar un círculo que se inicia nas aulas co proceso formativo e ao que agora se suma o contacto co mundo laboral. Poden ser mentores ou mentoras calquera directivo, profesional ou emprendedor con preparación que estea disposto a dedicar unha parte do seu tempo a escoitar as inquedanzas dos estudantes, compartir coñecementos e experiencias e aconsellar ás persoas ‘mentorizadas’.

O mentor ou mentora comprométese a asistir á sesión de presentación do proxecto e á sesión de clausura do programa, na que os/as participantes compartirán os seus resultados e experiencias. Ademais manterán un mínimo de catro reunións coas persoas ‘mentorizadas’ no seu lugar de traballo ou por medios telemáticos durante os catro meses posteriores á presentación. Pola súa banda, o alumnado, ademais de asistir ás sesións presenciais de presentación e clausura do proxecto, deberán tomar a iniciativa para contactar co mentor/a e con el/a planificar os obxectivos deste período e finalmente valorar o desenvolvemento do programa e os resultados obtidos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.