Xoves 28 Marzo 2024

Tríatlon: a historia do deporte que pon a proba o corpo humano

Desde sempre o ser humano progresou poñendo a proba os seus límites: cruzando os mares que parecían insuperables, subindo as montañas máis altas, simplemente porque están aí, ou percorrendo grandes distancias para chegar a lugares nunca coñecidos. A propia carreira do maratón afunde as súas raíces na Grecia clásica, coa lenda da carreira do soldado Filípides.

Porén, hai unha proba, de orixe máis recente, que mestura as diferentes habilidades humanas nunha soa disciplina; o tríatlon, no que Galicia conta con referentes como Javier Gómez Noya, Iván Raña ou Uxío Abuín, reúne a natación, o atletismo e o ciclismo, tres dos deportes que, nas súas variantes máis duras, xa levan ao límite as capacidades físicas e biolóxicas do corpo humano.

Publicidade

Historia do tríatlon

Hai quen atribúe a orixe do tríatlon a unha proba celebrada en 1975 en California, que acabaría dando pé ao célebre Ironman que todos os anos acolle o arquipélago de Hawai. Porén, o deporte naceu moito antes, nos anos 20, nunha vila ao sur de París.

Na localidade de Joinville-le Pont celebrouse naquel tempo a proba Les trois sports, na que os participantes debían percorrer tres quilómetros a pé, 12 en bicicleta e cruzar finalmente o río Marne. Nos anos 30 houbo outras probas, como a celebrada en La Rochelle en 1934, na que a orde dos sectores xa era igual á actual: 200 metros de natación, 12 km de ciclismo e 1.200 metros de atletismo.

O seguinte elo da historia chega, xa sí, aos anos 70. En 1974, en San Diego, un grupo de entusiastas do deporte ideou unha proba que foi o pulo para todo o que veu despois. No 1978 naceu o Ironman de Hawai, a proba de referencia, unha carreira soñada por afeccionados de todo o mundo. E tamén a máis esixente: os que participan nela deben percorrer 3.800 metros a nado, 180 en bicicleta e rematar cunha maratón (42.195 metros) correndo para chegar á meta. O propio Javier Gómez Noya participou este 2018 na proba, na que acabou undécimo.

Porén, hai máis variantes da proba, dependendo da súa distancia e conseguinte dureza. As principais aparecen nesta táboa, aínda que hai outras distancias e modalidades adaptadas ás categorías inferiores, e especialidades, como o 3-9-3 (chamada así polas distancias de cada segmento) populares en países como Nova Zelanda ou Australia.

Nome Natación Ciclismo Atletismo
Super esprint 375 metros 10 quilómetros 2,5 quilómetros
Esprint 500-750 metros 20 quilómetros 5 quilómetros
Olímpica 1.500 metros 40 quilómetros 10 quilómetros
Medio ironman 1.900 metros 90 quilómetros 21,097 quilómetros
Longa distancia 3.800-4.000 metros 120 quilómetros 30 quilómetros
Ironman 3.800 metros 180 quilómetros 42,195 quilómetros

O pulo que o tríatlon acadou grazas ao Ironman de Hawai chegou pronto a Europa, e desde comezos dos anos 80 comezaron a xurdir probas no continente. En 1989 creouse a Federación International de Tríatlon, e en 2000, por primeira vez, o tríatlon foi deporte olímpico, nos xogos de Sydney, en Australia. Alí estaba un galego, Iván Raña, un dos pioneiros da disciplina en España, que acabou 5º aquela proba.

O “atleta total”

Os referentes do triatlón, como Gómez Noya, adoitan ser coñecidos co alcume de “atletas totais”, xa que deben reunir no seu corpo as aptitudes físicas e biolóxicas precisas para superar disciplinas moi distintas. Un tren superior potente, para poder percorrer grandes distancias na natación, pero tamén unhas extremidades inferiores adaptadas a dar pedais durante varias horas e a funcionar tamén, como expertos corredores. Do mesmo xeito, a capacidade pulmonar debe ser extraordinaria, para poder nutrir de sangue e, por tanto, osíxeno aos músculos.

En poucos meses, Galicia acollerá un evento mundial que reunirá aos maiores atletas mundiais de varias disciplinas deste deporte. Entre o 27 de abril e o 4 de maio de 2019, Pontevedra será a sede dos Campionatos do Mundo de Tríatlon Multisport Pontevedra 2019, que une os campionatos do mundo de duatlón (atletismo e ciclismo), acuatlón (natación e atletismo), Triatlón Cross e triatlón de longa distancia.

As probas mundiais comezarán o día 27, co certame de Duatlón Estándar; o 28 co campionato de Duatlón Sprint, o 30, co Triatlón Cross, o 2 co Aquatlón, e o 4 co Triatlón de Longa Distancia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.