Camiñar reduce as enfermidades físicas e mentais

Pontevedra, unha cidade para camiñar. Foto: Anxo Iglesias.

Que pasaría se camiñaramos máis e utilizáramos menos o vehículo privado? Un estudo realizado no ámbito da área metropolitana de Barcelona polo Centro de Investigación en Epidemioloxía Ambiental (CREAL), publicado na revista Preventive Medicine en 2013, revela que substituir o 40% das viaxes en coche por andar reduce a taxa de enfermidades de tipo cardiovascular, diabetes ou incluso a demencia. E non é a única vantaxe de deixar o coche no garaxe. Camiñar non é so beneficioso para o noso corpo, senón tamén para a nosa memoria e mesmo para a nosa carteira. Así o expoñen múltiples estudos, como os realizados por investigadores da Universidade de Pittsburgh, da Organización Mundial da Saúde (OMS) ou da Axencia de Saúde Pública de Barcelona.

O científico David Rojas, autor da investigación do CREAL, explica que os resultados amosan que reducir as viaxes en coche poden producir “importantes beneficios” para a saúde, en particular para aqueles que toman o que se denomina transporte activo, como camiñar, andar en bici ou utilizar o autobús.

Unha menor exposición á contaminación atmosférica por partículas menores a 2,5 micrómetros tradúcese nunha diminución de sete casos de baixo peso ao nacer, seis de parto prematuro, un de enfermidade cardiovascular e un de infección do tracto respiratorio inferior por ano nunha población como a do conxunto da área metropolitana de Barcelona.

A OMS especifica a necesidade de practicar polo menos 150 minutos de actividade física aeróbica de intensidade moderada durante a semana. Camiñar como medio de transporte considérase unha actividade adecuada para conseguir os valores recomendados.

Evitar a demencia

Outro estudo, este publicado na revista Neurology polo investigador da Universidade de Pittsburgh Kirk I. Erickson, incide noutro tipo de beneficios do exercicio físico: os que ten para ó intelecto. Asegura que a masa cerebral redúcese nas etapas finais da idade adulta, “un feito que deriva en problemas de memoria”. Facer exercicio nas persoas maiores é necesario “para previr a demencia e a enfermidade do alzhéimer”.

O investigador e os seus colaboradores rexistraron os quilómetros que percorrían nunha semana 299 persoas sen demencia. Tras nove anos, realizaron escáneres dos participantes para medir a masa cerebral. Catro anos máis tarde, volveron a lles realizar probas para comprobar se desenvolveran demencia ou deterioro cognitivo. Os resultados demostraron que as persoas que camiñaron uns 10 quilómetros como mínimo á semana tiñan maior volume de materia gris que as que non chegaron a eses rexistros. Finalmente, o equipo observou que 116 persoas de todos os participantes (un 40%) desenvolveran demencia ou deterioro cognitivo.

Renunciar ao coche aumenta de forma considerable a esperanza de vida

Os científicos concluíron que aqueles que máis camiñaron reduciron á metade o risco de desenvolver problemas de memoria. Se o exercicio físico regular mellora a saúde cerebral e a memoria na mediana idade, nunha etapa posterior da vida haberá máis razóns para mover o corpo e gañar saúde.

Beneficios económicos

Pero non só gañamos en saúde, tamén repercute positivamente nas carteiras. Investigadoras da OMS e da Axencia de Saúde Pública de Barcelona (ASPB), lideradas por Catherine Pérez, estimaron que a actividade física evitaría, por ano, 108 mortes en homes e 79 en mulleres nunha poboación como a de Cataluña. Uns datos importantes, pero dos que derivaría ademais un aforro de 200 millóns de euros no conxunto da comunidade.

Os resultados, publicados no European Journal of Public Healthrevelan que un 77,2% dos homes e un 67,7% das mulleres de Cataluña que se desprazan a diario camiñando, non acadarían, nin con estes movementos ao día, as recomendacións mínimas de actividade física. Pese a elo, un 15,6% do sexo masculino e un 13,9% do femenino “pasarían a cumprilas mediante a substitución dun desprazamento motorizado por camiñar”, expón unha das autoras.

Estes datos son extraídos da Enquisa de Mobilidade de Cataluña, realizada pola Generalitat e a Autoridade do Transporte Metropolitano. Dos máis de 100.000 participantes seleccionáronse os desprazamentos dos maiores de 17 anos (80.552) e avaliouse o número de homes e de mulleres que efectuaban traxectos de ata cinco minutos en coche e moto sen acadar as recomendacións de actividade física diaria.

Para calcular o beneficio económico anual utilizouse o Health Economic Evaluation Tool (HEAT), deseñado pola OMS. Este sistema permite estimar a ganancia derivada da redución da mortalidade ao aumentar a actividade física. Á hora de realizaren este estudo tiveron en conta certos parámetros: 150 minutos camiñados á semana, un valor estatístico dunha vida, estimado en 1.300.000 euros mediante a metodoloxía “willingness to pay”(ferramenta para estimar a cantidade de diñero que se pagaría para evitar un efecto non desexado) e a tasa de mortalidade española entre os 20 e 49 anos, entre outros.

Galicia

Nos últimos anos a comunidade galega viu incrementada a presenza de riscos de saúde relacionados cos cambios no estilo de vida. O sedentarismo é unha das causas de moitas enfermidades crónicas non transmisibles –obesidade, dislipemias ou osteoporose- causantes da pérdida da calidade de vida.

Algunhas cidades e vilas galegas adoptaron unha política activa a prol dos estilos de vida máis saudables: menos coche e máis camiñar ou andar en bicicleta. Destaca á cabeza de todas as grandes cidades Pontevedra, onde se levan implantado numerosas medidas para paliar este problema. O seu alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, levou a cabo unha serie de programas para que a poboación camiñe máis. “Menos coches, máis cidade” e “Mellor a pé” son os dous programas que a cidade do Lérez creou para promover a actividade física. Nesta cidade a única forma de adentrarse no centro urbán é a pé xa que os coches teñen restrinxido o acceso: só poden pasar os necesarios.

Os beneficios e a eficacia destes plans, desenvolvidos en Pontevedra, recibiron numerosos premios arredor do mundo en recoñecemento do seu modelo urbano, o último deles foi entregado o 10 de decembro de 2016 na cidade de Hong Kong, promovido por CINEV (Euro-China Green&Smart City Awards), entre outros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.