Mercedes Cortázar traballando na escultura do Apóstol. Cortesía: Empresa Petra

Mercedes Cortázar traballando na escultura do Apóstol. Cortesía: Empresa Petra

“A restauración do Pórtico ten que durar para sempre”

Mercedes Cortázar, unha das coordinadoras do equipo que traballou na obra do mestre Mateo, explica as súas claves científicas

O impresionante traballo realizado na restauración do Pórtico da Gloria, liderada pola Fundación Barrié,  vai camiño de converterse nun fito histórico. Mercedes Cortázar, restauradora da empresa Petra de Vitoria, foi a encargada de coordinar o proceso realizado nas policromías do conxunto escultórico, unha das tarefas máis delicadas e que ofrece un resultado final que sorprendeu a todos ao recuperar a intensidade das cores orixinais. Cortázar comentou con GCiencia algún dos aspectos técnicos dun método de traballo que, sen dúbida, vai a ser imitado noutros procesos de restauración. Un equipo de 14 persoas traballou durante dous anos e, previamente, outras seis persoas participaran no estudo da policromía do conxunto.

Traballo de toma de mostras no Pórtico

Traballo de toma de mostras no Pórtico

-En que estado atoparon o Pórtico e cales foron as principais tarefas que se realizaron?

Cando empezamos a traballar os grandes problemas que tiña o conxunto eran como lle afectaran os factores ambientais e o paso do tempo. As policromías foron realizadas ao óleo e perderan moito aglutinante e tiñan capas de pintura soltas, ademais estaban cubertas por una capa de po e por materiais doutros intentos de restauración. Outra das cousas que lle afectou bastante foi o baleirado que se realizou para facer a copia do museo Victoria & Albert de Londres e tamén existían humidades que facían que se desenvolvese a proliferación de microorganismos entre os distintos estratos da pintura.

Antes de comezar a traballar se fixeron probas para elaborar un protocolo de actuación para analizar os riscos que podería correr a policromía durante a restauración. O primeiro que se fixo foi a eliminación do po, un traballo que levou meses e para o que se empregaron microaspiradores. Despois o que se afrontou foron os traballos de fixación da pintura que estaba solta. Empregamos colas naturais de coello e de esturión. Foi un proceso moi laborioso porque houbo que repetir o proceso moitas veces ata que se lograba fixar a pintura. A fase final foi a de limpeza, na que se empregaron gomas de borrar e xeles. Todo se fixo con moito coidado para evitar danos na policromía.

“Nos traballos de fixación da pintura empregáronse colas naturais de coello e esturión”

-Non se retocou a policromía orixinal; valorouse facelo nalgún momento?

-Para facer unha restauración dese tipo habería que contar con máis datos sobre a policromía orixinal. É algo que se fai noutras restauracións pero neste caso valorouse que non se podía facer unha recreación e, ademais, que a lectura do conxunto se entendía perfectamente co mantemento das cores orixinais. A limpeza que se fixo na pedra tamén permitía un bo resultado sen alterar a policromía.

-Sorprendeulles o resultado final da restauración dado o estado no que atoparon o Pórtico?

-Sorprendeunos moito que se puidese facer o traballo deste xeito e co resultado obtido. Hai que ter en conta que a calidade da pedra é excepcional e que as policromías, a pesares de seren moi antigas (800 anos), teñen unha calidade moi boa xa que se puideron conservar nunhas condicións ambientais moi duras.

-Pode afirmarse que este proxecto vai marcar un antes e un despois no que se refire ao xeito de realizar restauracións a partir de agora?

-A verdade é que o modelo que se seguiu neste proxecto foi excepcional. É moi importante a cantidade de datos que tiñamos, o proceso de toma de mostras, a colaboración entre expertos de diversas áreas… así debería facerse sempre para que os resultados foran bos. A Fundación Barrié, a Fundación Catedral e o Instituto de Patrimonio puxeron todos os medios técnicos necesarios ao servizo da restauración. Tamén foi moi importante a calidade dos estudos previos antes de acometer a restauración, algo que non é habitual.

“Todo proceso de restauración é agresivo, a partir de agora haberá que facer pequenas actuacións”

O obxectivo é que nunca máis haxa que restaurar o Pórtico porque hai que ter en conta que todo proceso de restauración resulta agresivo para este tipo de obras. A partir de agora haberá que facer un seguimento exhaustivo e facer pequenas correccións cando sexa necesario pero non habería que acometer unha restauración como a que se fixo nestes anos.

-E que medidas hai que tomar para preservar o Pórtico dende agora?

-Hai que ter en conta que dende 2011 o espazo do Pórtico e do interior da Catedral están baixo control con datos de humidade e temperatura. Agora temos datos que nos indican cando se dan boas condicións e cando non. Unha temperatura ambiente duns 17 graos é ideal e a humidade non debe de subir do 65%. Hai que evitar que se creen condicións de condensación, que acontecen cando a pedra está moi fría e entra aire quente do exterior porque se pode provocar un deterioro moi rápido. Dúas veces ao ano haberá que revisar o Pórtico e eliminar o po, entre outras medidas. Deste xeito poderán facerse pequenas actuacións que levarán pouco tempo.

“A temperatura ambiente ideal é duns 17 graos e a humidade non debe superar o 65%”

-Haberá que establecer controis de afluencia de xente para evitar danos?

-Hai que comprobar que afluencia é a axeitada para que se manteñan as condicións ambientais que require o Pórtico. A transpiración das persoas tamén afecta ao ambiente e é necesario controlar todo isto. Incluso cando hai moita xente na misa da Catedral se poden ver alteradas as condicións na área do Pórtico. O que está claro é que o acceso ten que ser limitado.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.