O Ézaro cae ata unha curta ría desde corenta metros de altura.

O Ézaro cae ata unha curta ría desde corenta metros de altura.

O singular espectáculo da fervenza do Ézaro

O peculiar afloramento do monte Pindo provocou que o río Xallas desemboque dun xeito case único no mundo

O monte Pindo é un lugar mítico, arredor do cal xiran numerosas lendas e historias reais que abraian. Foi refuxio para os maquis, albergou fortalezas desde a Idade Media e as súas rochas esculpidas pola erosión ofrecen imaxinativas formas. A súa particularidade xeolóxica tamén é responsable dun fenómeno case único en Europa: un río que desemboca na fervenza do Ézaro, un salto de 40 metros de altura.

río Xallas percorre a comarca que lle dá nome ata que, nos seus últimos quilómetros, queda encaixada pola mole granítica do Pindo.  Este monte é unha inmellorable atalaia que alcanza no lugar da Moa os 627 metros de altura. Desde a cima pode verse toda a costa entre o cabo Fisterra e a praia de Carnota, a máis longa de Galicia. Segundo explica o xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní, o Pindo “xerouse no interior da Terra hai 325 millóns de anos a 24 quilómetros de profundidade, aínda que non ficou ao descuberto debido a erosión ata hai 200 millóns de anos”.

Millóns de anos despois, no Terciario, entre 65 e 24 millóns de anos antes de agora, formouse o Xallas, “un río novo, xeolóxicamente falando”, segundo Vidal Romaní. Deste xeito, ao atoparse cunha enorme masa granítica coma o Pindo, o río non deu escavado a súa canle, polo que aínda fica a medio facer.

Vista aérea do último tramo do río Xallas, entre o encoro de Santa Uxía e O Ézaro, incluída a fervenza.

O salientable é que en todas as rías galegas se repite a situación do Ézaro, pero no resto dos casos, a fervenza está agochada baixo a auga. Se o nivel do mar retrocedera aos puntos máis baixos da última glaciación, poderiamos ver este tipo de fenómeno en moitas rías do país. Explica Vidal Romaní que todos os ríos atlánticos galegos, agás o Xallas, rematan nunha ría, agora asolagada polo mar, o que forma un entorno de características ecolóxicas e de produtividade biolóxica salientable. En todos os casos dáse a mesma circunstancia: o río ten unha fervenza, aínda que, a excepción do Xallas, está agochada no fondo das rías”.

A espectacular fervenza do Ézaro estivo agochada durante anos pola explotación hidroeléctrica do seu caudal por parte de Ferroatlántica, propiedade do empresario Juan Miguel Villar-Mir. Desde os anos 80 do século XX, o salto de auga foi unha especie de Guadiana que só podía verse de cando en vez. Nos primeiros anos, só se abría cando a empresa se vía obrigada a aliviar o volume de auga acumulado nas presa de Santa Uxía, río arriba. No ano 2000, Manuel Fraga e o empresario madrileño inauguraron unha ‘fervenza por horas’, que ‘abría ao público’ os domingos de 12 a 14 horas, pero que o resto do tempo era propiedade de Ferroatlántica. Houbo que agardar ata o ano 2011, coa denuncia do grupo ecoloxista, para que os tribunais obrigaran a Villar Mir a manter o caudal ecolóxico mínimo que alimenta a catarata.

Unha resposta a “O singular espectáculo da fervenza do Ézaro”

  1. Ιωάννης Ραπίτης

    Δεν χρειάζεται να είναι μοναδικό, για να είναι υπέροχο….!

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.