Venres 29 Marzo 2024

As virtudes que esconde a dieta atlántica

Diversas investigacións subliñan que a alimentación e o estilo de vida atlánticos contribúen á boa saúde e a lonxevidade das persoas

Unha reportaxe de Sandra Moares Somoza / Estudante de Xornalismo da USC

Dada a situación xeográfica que ten España en Europa sábese cal é a dieta mediterránea, pero poucos saben o beneficiosa que pode chegar a ser a súa “irmá”, a dieta atlántica, sobre todo, para a prevención das enfermidades cardíacas. A diferencia da mediterránea, destaca por ter un maior consumo de lácteos (sobre todo, queixo), peixe e o uso do aceite de oliva para o aderezo e o cociñado.

Publicidade

A pediatra Rosaura Leis (vicepresidenta da Fundación Dieta Atlántica da USC) defende que esta dieta achega “beneficios para a saúde cardiovascular e outros efectos beneficiosos para tódalas idades” ademais de combinar esta dieta co exercicio. Pola súa banda, Carlos Culebras, presidente da Asociación Canaria de Cardioloxía incide en como este tipo de alimentación axuda a previr as enfermidades cardiovasculares e a diabetes.

O 5 de abril Santiago de Compostela acolleu o III Simposio Internacional sobre Dieta Atlántica, cuxo obxectivo foi informar á sociedade das principais características e os beneficios da dieta atlántica e o estilo de vida saudable.

A dieta atlántica favorece á sociedade

Ademais de axudar a previr as enfermidades cardiovasculares e a diabetes, a dieta atlántica pode esconder o segredo da lonxevidade galega. Galicia é unha das zonas de Europa onde a poboación supera a esperanza media de vida en 4 puntos, ata os 83 anos. Isto é provocado tanto polo estilo de vida atlántica (como os que comportan a dieta, o exercicio, factores ambientais…).

Trátase, ademais, dun modelo de alimentación sustentable co medioambiente (os produtos son locais e están minimamente procesados) e mesmo xera menor impacto ambiental que algunhas dietas vexetarianas, o cal fixo que sexa eficaz na prevención de enfermidades.

Este tipo de alimentación está baseada en consumir produtos de tempada e frescos; abundan as froitas e hortalizas, os peixes, os mariscos, o consumo diario de produtos lácteos e á hora de cociñar prima o gusto pola sinxeleza e emprégase por excelencia a cocción, a plancha, o vapor e a brasa, raramente se fan frituras e, en caso de facelas, emprégase o aceite de oliva para levalas a cabo.

Os alimentos recomendados para seguir esta dieta, como se expresou anteriormente, son variados, pero en abril en canto a froitas recoméndase o amorodo, kiwi, limón e níspero. En canto a verduras; acelgas, allo, alcachofa, apio, brócoli, cebola, col lombarda, espinacas, grelos, chícharos, xudías, leituga, pemento, porro, ravo, repolo, tomate, cenoria. Por último, os peixes máis recomendables son o atún, o bacallau, a lura, linguado, pescada, rodaballo, sepia… O consumo de peixes e mariscos ten que ser abundante, xa sexan conxelados ou en conserva.

É importante a inxesta abundante de líquidos

O líquido máis importante que temos que consumir é a auga. Ademais, tense en conta que as condicións climatolóxicas coas que contan os territorios atlánticos e as características do solo permiten obter auga de gran riqueza mineral, polo que consumir augas que tamén procedan de zonas atlánticas aumentan as propiedades beneficiosas do consumo de auga. Os expertos recoñecen tamén que un consumo moderado de viño, sobre todo coas comidas, é bo para a saúde pola súa achega en compostos antioxidantes.

Moitas persoas verían aos seus avós beber un vaso de viño coas comidas e non entender por que non beben auga. Agora con estas indicacións da dieta atlántica pódese apreciar que os avós non están tan enganados e que moitas veces cando se manteñen as tradicións alimenticias por xeracións é un síntoma das boas achegas que ten esta bebida no noso organismo. O consumo moderado de viño mellora a memoria e a circulación porque é un anticoagulante e vasodilatador. Un estudo que publicou o British Medical Journal comprobou que os que consomen viño regularmente adoitan ter unha alimentación máis equilibrada que os consumidores de cervexa. As variedades de viño que máis se consomen en Galicia son o albariño e o mencía.

O exercicio físico é fundamental

Realizar exercicio físico todos os días é tan importante como comer ben para poder levar unha vida sa. Igual que se mencionaba que para o consumo de auga as condicións ambientais e climatolóxicas galegas eran perfectas para ter unha auga rica en minerais, co deporte ocorre que a natureza atlántica (tanto terrestre como marítima) permite realizar actividades deportivas de diferente índole. Pequenos cambios como ir andando aos lugares no canto de coller o coche ou o autobús iranse notando na saúde no día a día.

A Fundación Dieta Atlántica creada en 2007 e promovida pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), ten a finalidade de estudar e promover os datos e as curiosidades desta alimentación. Sobre esta dieta publican na súa páxina web recomendacións, estudos científicos, eventos, noticias, alimentos de tempada e receitas para que os que queden sen ideas poidan ter algún tipo de inspiración á hora de elaborar os seus menús.

Tal e como reflicte na súa páxina web, esta Fundación xurdiu para “fomentar o estudo, a investigación e a difusión para a saúde e o benestar da poboación”. O ámbito territorial no que se centran é preferentemente Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego impulsa a sustentabilidade do sistema alimentario a través da IA

O proxecto no que participan USC e UVigo acometerá a crise do sector co apoio do Programa Marco ‘Horizonte Europa’

Un estudo constata o potencial da dieta atlántica para reducir o risco de síndrome metabólica

A investigación foi realizada polo IDIS e publicada na revista científica 'JAMA Network'

Cal é o alimento que desencadea o pracer nos peixes?

Coñecer os mecanismos de motivación pola comida podería mellorar a eficiencia económica das empresas dedicadas á acuicultura

Galicia e Portugal alíanse para promover a dieta atlántica

Un observatorio promocionará os seus beneficios para a saúde e o desenvolvemento económico sostible na eurorrexión