“Erradicar as velutinas é imposible, tan só podemos minimizar os danos”

Case seis anos despois da súa chegada a Galicia, esta especie exótica invasora continúa avanzando sen un remedio eficaz contra ela

Grupo de velutinas. Fonte: Judit Fraga.
Grupo de velutinas. Fonte: Judit Fraga.

Por Judit Fraga Fustes

Publicidade

As avespas asiáticas (Vespa velutina) son unha especie de insectos da familia dos véspidos orixinarias de Asia. Apareceron no suroeste de Francia en 2005, ao parecer introducidas en mercadorías chinesas importadas. Desde alí estendéronse polo norte da península Ibérica e Portugal.

Esta avespa aliméntase de insectos (formigas, bolboretas, pulgóns…), pero tamén de abellas (45-80% das súas capturas). Aínda que, no verán e outono atráelles particularmente a froita madura. Son facilmente distinguibles polo seu tórax e o seu abdome de cor negra, agás o cuarto segmento, de cor amarela. As súas patas de cor marrón destacan polos seus extremos amarelos e as súas ás son dunha cor escura.

Para os niños, tal e como explican na asociación StopVelutina, elixen árbores (50%), abrigos aireados (30%), muros ocos, etc. O niño vai crecendo segundo avanza o ano (4 a 6 cm/semana). Require cantidades importantes de follas e humidade. No niño as raíñas poñen larvas e na época de máxima actividade (setembro-outubro) pode ter unha poboación de entre 1.200 e 1.800 avespas: raíñas e obreiras (que viven entre 30 e 50 días).

A avespa asiática, segundo os datos compilados en Europa, non representa máis perigo que a súa homóloga europea; ambas prefiren a fuxida antes ca o ataque. Xeralmente atacan en defensa do niño; nun primeiro momento, se o niño é axitado ou danado, as avespas saen ao exterior e póusanse sobre el para observar que sucede.

“Salvo no caso de persoas alérxicas, unha soa picadura non debería ter máis consecuencias que a dor

Ataques e picaduras

Os casos de ataques rexistrados eran case sempre a proximidade do niño. A dor causada pola picadura é intensa e aguda, como causada por un gran alfinete, e logo deriva nun comechón que lembra ao dunha queimadura. A hinchazón pode atenuarse aplicando xeo e vinagre, e as molestias duran varios días e ata unha semana, polo cal poden requirir analxésicos e antiinflamatorios.

O perigo para a vida do ser humano aparece en caso de picaduras múltiples (sempre que sexan máis de tres), picadura única en mucosa ou en persoas que padezan alerxia ao veleno de himenóptero. Cabe subliñar, ademais, que a primeira vez que una delas pica a unha persoa nunca chegará a producir a morte da mesma.

Cando unha velutina pica a unha persoa alérxica poden aparecer síntomas máis graves, como febre, baixada da tensión arterial, problemas respiratorios, e mesmo pode chegar a causar a morte. Isto tamén pode ocorrer no caso de que una mesma persoa reciba varias picaduras, unha circunstancia frecuente no caso de que as avespas sintan que o seu niño está ameazado.

A medida que a velutina vai estendendo a súa presenza e comeza a asentar os seus niños en zonas urbanas, o risco de sufrir picaduras medra. De todas as maneiras, segue habendo actividades especialmente perigosas e quen as realice deben tomar precaucións para evitar o ataque da velutina. Dado que esta especie utiliza habitualmente as árbores para facer os seus niños, os madeireiros son un dos grupos de maior risco.

“Estamos rezando por conseguir un equilibrio natural

Amparo Pardo, propietaria de “O Enredo do Abelleiro” en Arzúa, considera que “non somos capaces de conseguir manter un equilibrio ambiental con este tipo de avespa” xa que “non estamos a actuar de maneira correcta” e ao único ao que nos podemos ater é a “crear trampas caseiras rezando por conseguir un equilibrio natural” que, desgraciadamente e baixo a súa opinión “tardará moitos anos en chegar”.

Para as trampas caseiras emprégase unha botella de plástico transparente de 1,5 litros, á que se lle corta a parte superior, que se coloca investida no propio corpo da botella. No tapón realízase un buraco duns 9 milímetros que permita a entrada da avespa asiática e que evite que entren outros insectos de maior tamaño como bolboretas.

Recipiente con velutinas capturadas nunha trampa. Fonte: Judit Fraga.
Recipiente con velutinas capturadas nunha trampa. Fonte: Judit Fraga.

O gran inconveniente que presentan estas trampas é que a par de capturar as raíñas de Vespa velutina, acaban accedendo, e na maioría de casos morrendo, outros moitos insectos, como moscas, mosquitos ou mesmo abellas. “Máis do 90% do que entra na trampa son outros insectos. O interesante é eliminar á velutina pero non ao resto”, recoñece Seijo. Por iso, é fundamental activar mecanismos para evitar mortes innecesarias. Unha das claves para evitalo é revisar con frecuencia as trampas para liberar ao resto de insectos.

Unha posible solución sería “un maior investimento en investigación por parte das organizacións públicas” así o mantén Xesús Asorey, presidente da Asociación de Apicultores de Galicia. Así como a Plataforma StopVelutina, que reclama, que a Xunta firme convenios de colaboración coas universidades galegas para levar a cabo investigacións sobre a velutina para atopar ferramentas de control biolóxico que permitan controlar a expansión a longo prazo.

Así mesmo, a Plataforma StopVelutina demanda unha e outra vez un sistema de axudas directas mediante convocatoria, para compensar a aqueles agricultores e apicultores que teñen que enfrontarse cada día a este insecto e que sofren perdas nos seus froiteiros e colmeas por culpa da avespa invasora (20-30% máis de custos asociados á velutina).

“Hai que convivir con ela”, recoñecen desde a Xunta de Galicia

Ao que a conselleira de Medio Rural da Xunta, Ángeles Vázquez, responde que a sociedade (neste caso, galega) terá que afacerse á presenza da avespa velutina: “Esta especie veu para quedar, por tanto hai que convivir con ela“. Trátase dunha realidade coa que debemos convivir, para a cal se atopará unha solución, argumentando que, hai 20 anos, sucedera algo similar co escaravello e a pataca, pero que, finalmente, logrouse un equilibrio.

Tanto o presidente de AGA como o deputado do BNG no Parlamento de Galicia, Xosé Luís Rivas, pediron ao Goberno galego unha campaña informativa para que a poboación estea preparada e saiba que pautas hai que seguir para evitar picaduras. Así, recomendan que antes de levar a cabo calquera tipo de traballo ao redor de vivendas fágase “unha inspección ocular exhaustiva” para localizar niños na zona.

Mais, polo momento, non se coñece aínda ningún tipo de solución eficaz para terminar coa superioridade deste tipo de insectos sobre as abellas autóctonas; así como para frear o perigo que supón unha picadura deste tipo sobre a pel humana.

Polo que poderiamos afirmar, segundo diversas fontes, que as velutinas “chegaron para quedarse e que, o único que se atopa na nosa man é tentar minimizar os danos que provocan no noso ecosistema e na vida diaria” de todos os que, nalgún momento, nos topamos cun destes insectos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.