Rafael Carballeira, botánico e colaborador no estudo Light4Heritage, Patricia Sanmartín, investigadora prinicipal, e Justo Arines, óptico e colaborador. Fotografía: Antonio Méndez.
Rafael Carballeira, botánico e colaborador no estudo Light4Heritage, Patricia Sanmartín, investigadora prinicipal, e Justo Arines, óptico e colaborador. Fotografía: Antonio Méndez.

Cara a unha correcta iluminación do patrimonio: harmonía e aforro

O proxecto Light4Heritage investiga para retardar a aparición de organismos fotótrofos nos muros e fachadas, mesturando botánica e óptica

Por Antonio Méndez / Estudante de Xornalismo da USC

Patricia Sanmartín non tiña moi claro que facer tras rematar o instituto. Tras unha conversa coa súa nai, que consideraba que o seu futuro debía seguir o vieiro da investigación, decidiu facer Química. Ámbalas dúas acertaron. En primeiro lugar porque grazas a dita formación, Patricia puido desenvolver o proxecto final de carreira no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) orientado á conservación de arte mediante a análise química. “Aquilo encantoume, pareceume un mundo fantástico. Gustábame ir ao CGAC e ver as obras de preto”, confesa. Desde aquel intre, o seu amor pola arte e a súa preservación pasou a ser un dos seus piares profesionais. En segundo lugar porque anos despois, Patricia demostrou ser unha destacada investigadora no seu campo, a conservación do patrimonio. Como proba de todo isto, o seu último proxecto: Light4Heritage.

Este estudo, desenvolvido no seo do grupo de investigación Gemap (Grupo de Estudos Medioambientais Aplicados ao Patrimonio natural e cultural) da Universidade de Santiago de Compostela, naceu cunha finalidade clara: controlar a colonización biolóxica nos edificios patrimoniais e arquitecturas singulares, principalmente, mediante a aplicación dunha determinada luz. Desde fai uns anos, algúns edificios patrimoniais ilumínanse pola noite con LEDs, pero sen ter en conta que cor de luz empregar e sen un marco normativo ao respecto nas cidades. Neste senso, a edafóloga Patricia Sanmartín emprendeu o proxecto Light4Heritage para coñecer que espectro de luz é o máis axeitado para controlar a colonización de organismos fotótrofos nos muros e fachadas

Porén, e como afirma a investigadora: “Non consiste en iluminar máis senón en iluminar mellor” É dicir, o estudo de Sanmartín ten en conta a contaminación luminosa e, por outra parte, a biodiversidade da contorna. “Está comprobado que a luz azul é daniña, por exemplo, para as avelaíñas ou para os morcegos e témolo en conta xa que aínda que poida ser boa para reducir o crecemento dos organismos que compoñen a colonización biolóxica, é negativa para a biodiversidade da contorna”, explica a edafóloga.

“Non consiste en iluminar máis, senón en iluminar mellor”

O proxecto galego é senlleiro porque incorpora unha serie de novidades, non ensaiadas ou contempladas en ningún outro a nivel mundial: nunca se fixeran estudos en exterior, xamais se combinaran as luces monocromáticas (azul, vermello, verde…) con luces ultravioleta, non se traballara nunca con organismos algais (maioritarias na colonización dos edificios en Galicia) e a combinación de luces do experimento abrangue tanto a luz diurna, como unha luz aplicada e a escuridade (é dicir, simúlase o ambiente no que se desenvolve o biofilm no exterior).

Ademais, Light4Heritage non soamente promove retardar o crecemento da colonización no patrimonio, medida que reduciría, por exemplo, o gasto en limpeza xa que permitiría que esta se realizase con menos asiduidade. “O Concello de Santiago de Compostela gastou, anos atrás, 390.000 euros en limpar a fachada oeste do Pazo de Raxoi”, explica Sanmartín. Amais desta vía, o proxecto abre novos camiños: favorecer o crecemento da colonización (aspecto que pode resultar interesante para xerar máis espazos verdes nas cidades como xardíns verticais) e a integración cromática da colonización na paisaxe (relevante a nivel arquitectónico), isto é, cambiar a cor dos organismos mediante a aplicación de determinado espectro de luz.

Un dos investigadores de Ligh4Heritage, inoculando nas membranas os cultivos cos que experimentaron. Fonte: Patricia Sanmartín.
Un dos investigadores de Ligh4Heritage, inoculando nas membranas os cultivos cos que experimentaron. Fonte: Patricia Sanmartín.

Cohesión e traballo en equipo, as claves do éxito

Light4Heritage é un proxecto multidisciplinar que engloba eidos como a edafoloxía, a microbioloxía ou a óptica. En canto aos dous últimos, eríxense dúas figuras imprescindibles para entender os bos resultados do traballo: o óptico Justo Arines e o botánico Rafael Carballeira.

O profesor Arines era o encargado da “caracterización das luces”, é dicir, “determinar que fonte usar (luz LED, fontes brancas con filtros de cores…), coñecer canta luz absorbía ao biofilm e controlar que espectro (isto é, a cantidade de cada cor porque o vermello, por exemplo, non soamente emite dita cor)”, describe o óptico. Pola súa parte, Rafael Carballeira ingresou no proxecto unha vez iniciado este. “Eu son especialista no coñecemento dos microorganismos en cuestión, da súa taxonomía e un pouco da súa fisioloxía. Coñezo as especies que compoñen os biofilms subaéreos que medran nos monumentos, a maioría en granito, de Galicia e como interactúan entre elas”, expón o botánico.

Os tres reuníanse, polo xeral, cada 15 días no laboratorio do departamento de Edafoloxía na Facultade de Farmacia da USC, onde se atopaban as cámaras de cultivo para a experimentación. Naquelas reunións escoitábase a opinión de todos e procuraban adecuarse ás dispoñibilidades horarias dos demais. “O fondo que non se ve, todo o esforzo que supón investigar, porque tampouco é a nosa dedicación exclusiva (temos que dar clases ou realizar outros proxectos, etc.), é duro, apenas nos dan as horas do día para cumprilo, conta Rafael Carballeira. Arines e Sanmartín manteñen a mesma opinión: “é complicado compaxinar as clases coa investigación, moitas veces non tes o tempo que queres ter”, afirman.

Luces LED colocadas no patio interior de San Martiño Pinario no marco do proxecto Light4Heritage. Foto: Antonio Méndez.
Luces LED colocadas no patio interior de San Martiño Pinario no marco do proxecto Light4Heritage. Foto: Antonio Méndez.

Así mesmo, a investigadora galega non se esquece de todos aqueles que aportaron o seu gran de area ao estudo: “Houbo máis xente implicada: Beatriz Prieto, Javier Cancelo, Elsa Fuentes e Daniel Vázquez e, no marco deste proxecto, realizáronse tres traballos de fin de Máster elaborados por Laura Domínguez, Sergio Calleja e Elena López”.

SIBILA, a continuación

Tras os bos resultados obtidos en laboratorio, iniciouse (en xuño de 2018) o traballo de campo no patio interior de San Martiño Pinario en colaboración coa empresa Ferrovial Servicios, do que aínda non se acadaron os primeiros resultados. Así como instalarán luces noutros puntos da capital galega: o Pazo de Raxoi e o colexio de San Xerome. Ademais deste convenio, os investigadores teñen pendentes de asinar outros coa empresa Televés e o Concello de Santiago.

Neste senso, Patricia Sanmartín solicitou orzamento a nivel nacional, a través dun novo proxecto que ten por acrónimo SIBILA e que, como explica a edafóloga, “está orientado totalmente á aplicación práctica durante os tres anos que tería de duración”. A resolución desta axuda para a investigación aínda está pendente pero esperan que se resolva favorablemente no que resta de ano.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.