Semanas despois da retirada do decreto do persoal laboral investigador, que xerou un importante malestar no sector, a Xunta de Galicia acaba de anunciar un investimento de case 25 millóns de euros para grupos de investigación galegos ata o ano 2020. É, segundo sinalan, “a maior contía da súa historia“. Os cartos sairán da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (Gain).
Poderán optar á convocatoria, que xa se pode consultar na páxina web de dita consellería e será publicada nas vindeiras semanas no DOG, o persoal investigador do Sistema Universitario Galego, os organismos públicos de investigación, as fundacións de investigación sanitaria e os centros do CSIC e o IEO que traballan en Galicia.
Segundo a Xunta, o obxectivo desta liña de axudas é “seguir construíndo un sistema de I+D+i galego forte, estruturado e que camiñe cara os estándares de excelencia e de competitividade no eido internacional”.
O programa vai estar estruturado en catro modalidades: grupos de referencia competitiva (que recibirán preto de 16 millóns de euros) grupos con potencial de crecemento (5,7 millóns), redes de investigación (1,44 millóns) e proxectos de excelencia (1,7 millóns).
A orde completa pode consultarse neste enlace.