Xana Álvarez é investigadora na Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra.
Xana Álvarez é investigadora na Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra.

Xana Álvarez: “A situación da muller no mundo forestal está a mudar máis rápido do agardado”

A profesora e investigadora da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra participa este venres nun encontro na Casa das Campás de Pontevedra

Ata que punto inflúe a decisión da maternidade na carreira dunha científica? Este momento é, en moitos casos, un dos puntos críticos a superar para que unha carreira investigadora non se vexa lastrada. Xana Álvarez Bermúdez (Cambados, 1986), profesora do de Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente na Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, é nai dun meniño dun ano, e considera que aínda que no seu caso a situación está sendo relativamente asumible, hai mulleres que seguen véndose obrigadas a decidir. Este será un dos temas que se aborde o venres no encontro que o concello de Pontevedra organiza, coa colaboración de GCiencia, co gallo do Día da Muller e a Nena na Ciencia. Será ás 20 horas na Casa das Campás.

– Como decidiu dedicarse á investigación forestal?

Cando era moza non tiña demasiado claro que me quixera centrar na enxeñaría forestal; pero si quería facer algo relacionado co medio ambiente, os bosques e a natureza. Son galega pero crieime en Lanzarote, e alí pouco bosque había (risas). Pero eu tiña claro que quería estudar algo que me permitira moverme e estar en contacto coa natureza, co sector forestal pero tamén co mundo agrícola. Ao facer a selectividade, vin que vir a Pontevedra a estudar Enxeñaría Forestal era o meu camiño. Era, dalgún xeito, a recompensa, porque cando acababa cada curso escolar viña a Galicia a gozar do verán, e volver para estudar a carreira foi a culminación diso.

– Cal é a situación nun sector aínda pouco accesible á muller, como o forestal?

A situación está mudando, mesmo a un ritmo máis rápido do agardado. Cando eu comecei a estudar era, en moitas cousas, un sector eminentemente masculino, sobre todo no privado. Na Escola de Forestais este avance tamén se ve no número de profesoras. Na miña época de estudante, tiven catro profesoras, e agora xa somos oito, e hai mulleres no equipo directivo do centro.

– Había moito que mudar nas empresas?

– Ademais de na Escola, eu tamén traballei no eido privado, e houbo un tempo no que coincidín co que aínda era outra xeración, na que atoparse cunha muller nun equipo de traballo era complicado, e mesmo se vivían situacións bastante desagradables pola actitude de determinadas persoas.

Pero a cousa vai cambiando, porque as empresas se están dando conta dos grandes perfís femininos que saen das escolas, e xa os están incorporando. Pouco a pouco estamos tendo  o oco que nos merecemos.

Pontevedra celebra o día da Muller e a Nena na Ciencia con investigadoras de renome

– Ata onde chega o obstáculo da maternidade?

– Polo que falo con amigas e compañeiras de carreira, hai algunhas ás que lle seguen preguntando nas entrevistas de traballo se están casadas, e se teñen ou van ter fillos. E esas cuestións aos compañeiros homes non llas fan.

Na investigación atópaste tamén cun parón na carreira que é complicado de manter ás veces. No meu caso, por exemplo, neste ano desde que fun nai, xa tiven que tomar algunha decisión que non todas as mulleres poden tomar. E tendo en conta que son nai lactante, e que todos os organismos internacionais recomendan a lactancia, polo menos no primeiro ano do bebé, tiven que marchar con el a reunións noutros países europeos. Eu, afortunadamente, tiña á miña parella, que é autónomo, e puido vir comigo para que eu puidera ir ás reunións e manter a lactancia. Pero estes detalles serven para ver que moitas veces non nos facilitan esta decisión.

Con todo, imos mellorando. Por exemplo, na nosa Escola xa temos unha sala de lactancia, e como dicía, a presenza de mozas nas clases e na docencia medra a bo ritmo. Hai que ir dando pequenos pasos para que isto avance: aprender das boas decisións, pero tamén das malas. Non podemos converter os problemas que xorden nun tabú, temos que falar deles e intentar solucionalos. A min, por exemplo, o meu fillo e a miña parella póñenmo moi fácil, pero hai outros casos que se complican, cada situación é diferente e temos que escoitar, e facérmonos escoitar, para que non siga habendo episodios de desigualdade.

– Como ve o debate arredor da figura de Greta Thunberg?

Na miña opinión é positivo que unha adolescente sexa un exemplo e un referente nisto, porque os cambios deben comezar a inculcarse desde moi cedo, sensibilizando e transmitindo valores desde a infancia e a mocidade. E ela é un bo exemplo.

Cal pode ser a parte negativa? Que o rebumbio que se está xerando arredor dela pode tapar e dificultar a consecución e avances reais. No último cumio do clima, que foi o máis duradeiro da historia, chegouse a un acordo realmente decepcionante no asunto central, o dos mercados dos dereitos de emisións. Falouse moito de Greta e as súas reivindicacións, pero levamos décadas sabendo o que temos que facer, e os responsables de tomar as decisións perderon outra oportunidade para unha acción real. Non sei se foi de xeito intencionado ou non, pero parece que se puxo demasiado o foco nela para non mirar cara as outras cousas que estaban a pasar.

E tamén penso que é o momento de que a mensaxe da acción a incorpore o resto da sociedade, que non só ela sexa a figura referente. Nós somos os responsables, cos nosos hábitos diarios, e elixindo, ou non, a quen ten que tomar as decisións. Tanto no tema do cambio climático como na igualdade, hai que deixar o egoísmo a un lado. Somos os responsables de que as decisións se acaben executando dunha vez por todas. No caso da igualdade, non deben ser só as mulleres as que a defendan, porque senón tamén pode pasar que o camiño que tomemos non sexa o axeitado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.