Xoves 28 Marzo 2024

Wenceslao González Manteiga recolle o Premio Nacional de Estatística

O catedrático de Estatística e Investigación Operativa da USC recibe o galardón polas súas achegas ao desenvolvemento da estatística non paramétrica

Máis de 42 anos de vida académica. Esa é a traxectoria do catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Wenceslao González Manteiga, que acaba de recoller o Premio Nacional de Estatística. O investigador recibe este galardón polas súas achegas na modelización non paramétrica de dinámicas e dependencias en sistemas complexos e ao desenvolvemento da estatística non paramétrica. “É toda unha honra para min, especialmente se penso en todos os posibles candidatos extraordinarios que temos neste momento en España e que seguro serían tamén dignos merecedores do premio”, engadiu o premiado polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Todo un equipo

“Agradezo a todas as persoas das que aprendín moito en todo o relativo aos desenvolvementos metodolóxicos en Estatística. Especialmente aos meus 33 estudantes doutores e aos tres que actualmente dirixo nos seus estudos de doutoramento. Este premio, que hoxe me entregan, é tamén deles”, subliñou o catedrático da USC. Logo puxo  o foco en que “moitos destes antigos estudantes, hoxe son científicos moi relevantes a nivel nacional e internacional, no campo da Estatística e nas súas diversas aplicacións, ou doutra banda exercen como profesionais en contextos non académicos. A dirección das súas teses doutorais e posteriores colaboracións constituíron unha fonte inesgotable de motivación e aprendizaxe”.

Publicidade

De feito, González Manteiga lidera dende hai quince anos o grupo de investigación da USC Modelos de Optimización, Decisión, Estatística e Aplicacións (coñecido como grupo MODESTYA). “Síntome moi orgulloso de liderar este grupo tan potente, con gran tradición en diversas liñas de investigación, en asesoramento estatístico, con experiencia en transferencia ao sector produtivo e co que comparto moitas horas da miña actividade diaria actualmente”, dixo. O catedrático da USC recibiu o galardón de mans do presidente do INE, Juan Manuel Rodríguez Póo; e de Gonzalo García Andrés, secretario de Estado de Economía e Apoio á Empresa.

“Agradezo a todas as persoas das que aprendín moito en todo o relativo aos desenvolvementos metodolóxicos en Estatística. Este premio é tamén deles”

Ao acto, que se celebrou en Madrid, tamén acudiu o reitor da USC, Antonio López. O galardoado aproveitou para agradecer á universidade a presentación da súa convocatoria, que finalmente resultou premiada. Ademais de para o reitor, González Manteiga tivo palabras de agradecemento para a decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón, así como para o director do departamento de Estatística, Análise Matemático e Optimización, Pedro Faraldo Roca, tamén presentes do acto.

A súa traxectoria

En relación a eses 42 anos de vida académica, Wenceslao González Manteiga (San Paulo, 1956) é catedrático de Estatística e Investigación Operativa e tamén ten participado no ámbito da xestión universitaria e na avaliación científica a todos os niveis, alén de coordinar diversos proxectos estatais e internacionais. González Manteiga dedica tamén notables esforzos no ámbito da transferencia de coñecemento á sociedade, tanto no ámbito científico como no sector industrial. É membro de recoñecidos grupos como a Sociedade Estatística e Investigación Operativa (SEIO), a Sociedade Bernoulli, o Instituto de Estatística Matemática (INS) ou o Instituto Internacional de Estatística (ISI).

No plano docente, foi coordinador do Máster en Técnicas Estatísticas (mención de calidade), das universidades galegas no curso 2007-2008. Impartiu cursos de doutoramento a nivel estatal e internacional, alén de ser profesor invitado en varias universidades españolas e nas de Louvain A Neuve (Bélxica), Paul Sabatier de Toulouse (Francia), Brno (República Checa), IMPA (Brasil) e na Universidade de Bos Aires (Arxentina). No ano 2018, ingresou na Real Academia Galega de Ciencias.

Campos de aplicación

No que respecta aos campos de aplicación das súas investigacións, son múltiples e diversos. “En particular destaco o caso paradigmático dos preditores de indicadores de polución da contorna dunha central térmica. Esa metodoloxía, que xa desenvolviamos nos anos 90, consistente en usar de forma dinámica e cambiante a información dispoñible a través dunha matriz histórica de datos de adestramento, coincide coa filosofía das técnicas de aprendizaxe usadas actualmente no contexto do Big Data“, explicou. “Hoxe en día pódense ver moitas aplicacións, con metodoloxía similar, a outros contextos de importancia, como pode ser o do seguimento de indicadores de saúde na medicina personalizada ou o da predición de indicadores de riscos de incendios forestais, entre numerosos exemplos posibles”, matizou.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As plantas non nativas aceleran a desaparición dos ameneiros galegos

As árbores centroeuropeas que se importan para restaurar as plantacións afectadas por unha doenza fúnxica producen uniformidade xenética

Un novo método da USC axudará a combater o furtivismo marisqueiro en Galicia

Tres investigadores estiman que entre 2012 e 2020 máis de 1.700 persoas extraeron de forma ilegal 660 toneladas de marisco

Investigadoras galegas constatan que as mulleres autistas camuflan máis os seus síntomas

O enmascaramento provoca retrasos no diagnóstico e problemas de saúde mental derivados da presión social

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos