Venres 29 Marzo 2024

A Volta Ciclista pola Ciencia pedalea de Galicia a Madrid

“Afortunadamente estanos a desbordar a resposta e estase a apuntar xente a última hora. Pecamos de inxenuos e está a ter máis repercusión da que pensamos e iso é bo porque nos vale para mover a idea que queremos transmitir”. Así valoraba o docente,  investigador e responsable do grupo Divulgare da Universidade de Vigo, Luis Navarro antes de iniciar o que cualifica como “aventura”, a resposta que a Volta Ciclista pola Ciencia está a ter entre a comunidade investigadora e os clubs ciclistas das cidades polas que, desde hoxe e ata o vindeiro venres, discorrerá esta iniciativa, que ten o obxectivo de transmitir á sociedade o traballo que realizan as e os investigadores, así como introducir o pensamento científico na sociedade.Ás nove e media da mañá desde a rúa Oporto de Vigo cinco investigadores do eido da ecoloxía, enfundados nos seus maillots de Divulgare: o propio Navarro e José María Sánchez, da Universidade de Vigo; Adrián Escudero, da Universidad Rey Juan Carlos; Fernando Valladares, do Museo Nacional de Ciencias Naturales, CSIC, e Pablo Vargas, do Real Jardín Botánico de Madrid, CSIC) xunto a tres corredores de equipos ciclistas da cidade, tomaban a saída, rumbo a Santiago de Compostela, na primeira das cinco etapas que conforman esta volta ciclista que chegará á localidade madrileña de Móstoles o vindeiro venres.

Os científicos ciclistas antes da saída.
Os científicos ciclistas antes da saída.

Entre medias, os investigadores, acompañados por outras e outros compañeiros de profesión, cubrirán outras tres etapas duns 120 quilómetros cada una, que unirán Santiago, Oviedo, León e Salamanca, onde, nas súas respectivas universidades, ofrecerán charlas sobre temas de actualidade en bioloxía, como o cambio climático, a nova clasificación dos seres vivos, interaccións biolóxicas, divulgación da ciencia, biodiversidade  e especies invasoras, o Antropoceno, microbios ou o solo.

Publicidade

“Son temas de actualidade, como o cambio climático; as especies invasoras que é un tema moi importante e moi urxente; algo máis docente como a clasificación dos seres vivos que cambiou bastante. Todo o mundo pensa cousas que xa non se deben de aceptar nas escolas e todo iso queremos que chegue á sociedade e imos provocar ao alumnado para que se anime a investigar que é un xeito moi bonito de ocupar a cabeza”, asegura Pablo Vargas, investigador en Sistemática molecular de plantas vasculares do Real Jardín Botánico (CSIC).

A falta de valoración da divulgación científica

Os promotores da iniciativa reclaman tamén con esta Vuelta Ciclista por la Ciencia un recoñecemento para o labor de divulgación que realizan, que segundo Vargas, “non está valorado. Eu son divulgador desde hai moitos anos, case desde que empecei, por que un nace así e gústalle explicar que fai, pero ademais hai algo obrigatorio que é a débeda coa sociedade que nos está a pagar os nosos soldos”, explica o investigador do CSIC, que lamenta que se hai algún tipo de promoción interna ou complemento salarial”, sinala Pablo Vargas.

“Todos compartimos a afección polo ciclismo, uns imos máis preparados ca outros nesta aventura na que pretendemos unir, nun sentido metafórico, as universidades co deporte, porque hai un vinculo forte entre o deporte e o traballo que facemos”, explica Luis Navarro, que lembra que esta iniciativa xurdiu hai anos no seo de Divulgare, para fomentar a utilización do pensamento científico, “tanto nas discusión de bar, como na xestión”.
Durante os días que dure a volta, o grupo Divulgare realizará un seguimento audiovisual do evento a través de Twitter (@CienciaVuelta), Instagram (@CienciaVuelta) e Youtube.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías