Non pode haber vida en Venus, polo menos tal e como a coñecemos

Un estudo publicado en "Nature Astronomy" expón que a atmosfera venusiana é 100 veces máis seca que o limiar mínimo para os extremófilos coñecidos na Terra

Imaxe de Venus obtida cos datos da misión Magalhães, que se achegou ao planeta en 1989. Fonte: NASA/JPL-Caltech.
Imaxe de Venus obtida cos datos da misión Magalhães, que se achegou ao planeta en 1989. Fonte: NASA/JPL-Caltech.

A publicación de novas investigación sobre as posibilidades da existencia dalgunha forma de vida na atmosfera de Venus están dando moito que falar nos últimos meses. A detección de fosfina a finais de 2020 xerou un importante debate científico que aínda está lonxe de resolverse. Hai moita expectación, de feito, sobre as misións que nos vindeiros anos se achegarán ao segundo planeta do sistema solar. E neste contexto, un novo artigo publicado en Nature Astronomy aumenta as dúbidas sobre as posibilidades de que haxa actividade biolóxica na atmosfera venusiana.

A análise, liderada polo microbiólogo John Hallsworth, da Queen’s University de Belfast, expón que a falta de dispoñibilidade de auga nas nubes de Venus impide que exista a vida ou, polo menos, a vida tal e como a coñecemos, xa que non habería suficiente auga como para que calquera organismo coñecido poida subsistir. A análise baséase nun parámetro clave, cunha escala que vai do 0 ao 1, e os estudos realizados demostraron que a vida require unha cifra de, polo menos, 0,585 para que haxa algún tipo de metabolismo e reprodución. É a cantidade marcada polos organismos extremófilos da Terra. Porén, no caso de Venus, a cifra é máis de 100 veces menor, e cae ata o 0,004.

Segundo explica á Axencia SINC outra das asinantes do artigo, María Paz Zorzano, investigadora do Centro de Astrobioloxía do CSIC (CAB, CSIC-INTA), a vida nestas condicións é imposible: “Se vas engadindo sal á auga ata formar unha salmoira, a actividade vai baixando pero é aínda tolerable por algúns microorganismos. Se engades azucre ao auga pura, ocorre algo parecido. Por exemplo, o mel ten unha actividade acuosa de 0,5 aproximadamente. Por iso, como diante a presenza de sal ou azucre os microorganismos non se reproducen, os humanos utilizámolo como conservante dos nosos alimentos desde a antigüidade”.

Pero neste estudo, engade Zorzano, “demostra que hai tanto ácido sulfúrico nas nubes que a auga se despraza e a actividade acuosa é demasiado baixa para que poida existir vida, polo menos tal e como a que coñecemos. Noutras palabras, as nubes de Venus non son habitables”.

Din os autores que a atmosfera de Venus é máis de 100 veces máis seca có limiar mínimo posible para a vida. Fronte a isto, as condicións noutros planetas parecen ser máis acaídas. A atmosfera de Marte está moi preto do limiar mínimo, cun indicador de ≤0,537. Con todo, as posibilidades son bastante reais en Xúpiter, con niveis bioloxicamente permisivos en temperaturas de -10ºC a 40ºC. “Descubrimos que as condicións de auga e temperatura das nubes de Xúpiter poderían permitir subsistir a algún tipo de vida microbiana, supoñendo que se cumpran outros requisitos, como os nutrientes”, explica John Hallsworth. Tamén deixan aberta a opción de que isto poida acontecer en satélites xeados, como Europa, unha das ‘lúas’ de Xúpiter.

Os autores destacan, do mesmo xeito, que na Terra estas condicións só se cumpren por baixo da estratosfera media. Por riba desta capa da atmosfera, as condicións xa son demasiado secas para calquera forma de vida.

Os investigadores expoñen a opción de ampliar estas análises a outros planetas do sistema solar, como Saturno, Urano e Neptuno. Aínda que por agora non hai suficientes datos sobre a súa atmosfera para facer estes estudos. Isto, con todo, podería cambiar nun futuro próximo grazas ao lanzamento do gran telescopio espacial James Webb.

Con todo, os investigadores manteñen a reserva de que poida existir unha forma distinta de vida á coñecida ata hoxe. “Sobre a base do estudo actual, debemos imaxinar un tipo de organismo cualitativamente novo para invocar unha historia plausible sobre a vida na atmosfera de Venus, canto menos para a vida tal e como a coñecemos“.


Referencia: Water activity in Venus’s uninhabitable clouds and other planetary atmospheres (Publicado en Nature Astronomy).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.