Venres 29 Marzo 2024

A estrela de Rosalía emerxe no seu aniversario: así podes vela

O astro que leva a partir de hoxe o nome da escritora galega está na constelación de Ofiuco e pode albiscarse cuns prismáticos

Se miramos cara a constelación de Ofiuco, o encantador de serpes, e atopamos a estrela que desde decembro é a estrela de Rosalía, veremos unha luz que se emitiu, en realidade, a comezos de 1780, pois este sistema planetario está a case 240 anos luz da Terra. E durante boa parte do ano, se os ceos están despexados e nos afastamos da contaminación luminosa, poderemos observar, coa axuda dun telescopio, e mesmo con só uns prismáticos, a HD 149143. E precisamente neste mes, cando se celebra o aniversario do nacemento da autora (o 24 de febreiro será o seu 183º aniversario),

A estrela de Rosalía forma parte do catálogo Henry Draper de estrelas, unha colección de datos estelares compilado a principios do s. XX pola astrónoma Annie Jump Cannon e os seus colaboradores do Observatorio de Harvard, nos Estados Unidos. Pola súa parte, o planeta que o acompañará nese recuncho do universo, Río Sar, foi descuberto en 2005 desde o Observatorio da Alta Provenza (Francia) coa técnica de espectroscopia Doppler. Ten un tamaño algo maior ca Xúpiter e xira moi preto do seu ‘sol’, facendo unha órbita completa arredor del cada catro días.

Publicidade

Como ver a estrela de Rosalía

Pouco despois de recibir o nome da escritora e o río que a inspirou, o sistema HD 149143 apenas podía albiscarse cun telescopio na mañanciña, xa que está por debaixo do horizonte durante a maior parte das horas de noite, e ‘sae’ durante o día, pero o brillo do Sol, que se atopaba diante da constelación de Ofiuco, impedíanos vela.

Pero pouco a pouco, a estrela de Rosalía irá madrugando máis. Nestes días hai que mirar cara ao leste a partir das 3 da madrugada. Desde ese momento, e ata a saída do Sol, o astro brilará no horizonte. Como nunha sorte de profecía, os versos de Cantares Gallegos falan, dalgún xeito, da estrela da mañanciña que, durante estas semanas, será a estrela de Rosalía.

Situación aproximada da estrela de Rosalía (no círculo vermello) o día do seu aniversario, o vindeiro 24 de febreiro, ás 6 da madrugada. Fonte: Stellarium.
Situación aproximada da estrela de Rosalía (no círculo vermello) o día do seu aniversario, o vindeiro 24 de febreiro, ás 6 da madrugada. Fonte: Stellarium.

 Meniña, ti á mais hermosa
 Qu’ á luz do sol alumbrara,
 Ti á estrela da mañanciña
 Qu’ en puras tintas se baña.

A medida que nos acheguemos á primavera, a situación da estrela de Rosalía no ceo irase movendo cara ao sur, e despois ao oeste. Así, a mediados de marzo, só haberá que agardar á medianoite para vela, erguéndose no ceo co paso das horas e indo cara ao sur. Arredor do solsticio de verán, será visible durante as horas de noite.

O mellor xeito de observar este astro é, por tanto, coa axuda dun telescopio ou, en boas condicións atmosféricas, cuns prismáticos. Cómpre recordar que a magnitude aparente da HD 149143 é de 7,89, algo menor (a escala é logarítmica e inversa) que as estrelas visibles nunha contorna urbana (magnitude aparente ~3) e as estrelas febles visibles ao ollo humano en zonas con pouca contaminación luminosa (magnitude ~6).

Rosalía de Castro xa ten estrela a 240 anos luz da súa terra

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O James Webb detecta a galaxia ‘morta’ máis antiga coñecida

Un equipo internacional de astrónomos, con participación española, observou que a formación estelar non formaba novas estrelas 700 millóns de anos despois do Big Bang

LIA (2), pioneiros galegos no desenvolvemento da intelixencia artificial na astronomía

O grupo da UDC recibiu o Premio Spin-Off PuntoGal na edición 2023 pola súa traxectoria de éxito

Un novo exoplaneta desafía as teorías clásicas de formación planetaria

Un equipo de astronónomos descobre LHS 3154b, cunha masa similar a Neptuno, orbitando preto dunha estrela anana de moi baixa masa

Descubertos seis exoplanetas que ‘bailan’ de forma sincronizada arredor da súa estrela

Os planetas posúen unha configuración que apenas cambiou desde hai máis de mil millóns de anos