Xoves 28 Marzo 2024

“A Antártida abre os poros dos sentimentos e da percepción”

Na Antártida é posible, por exemplo, contemplar a un grupo de baleas xiringando auga ao aire mentres tomas un caldo quente sentado no cume dun outeiro. E agora, no verán austral, o sol agóchase apenas catro horas. Case non hai noite pechada. Na Illa Decepción, un pequeno anaco de terra volcánica en forma de ferradura, a máis de 12.000 quilómetros de Galicia, a súa terra adoptiva, e do seu Bierzo natal, o xornalista Valentín Carrera leva dous meses e medio vivindo de primeira man a XXX Campaña Antártica. Carrera está cubrindo a que é a maior expedición de investigadores españois no continente. Durante cinco meses, pasarán polas bases Juan Carlos I e Gabriel de Castilla arredor de 300 expertos de numerosos eidos (bioloxía, química, sismoloxía, pesca…) para realizar estudos no enorme laboratorio que é a Antártida.

“Hai 30 anos tiven a sorte de viaxar como cronista da primeira expedición científica española. Eran dous barcos que saíron de Vigo para facer todo tipo de estudos”, lembra Valentín desde a base Gabriel de Castilla da Illa Decepción (que realmente é a Illa do Engano, xa que é unha tradución errada, un falso amigo, do termo inglés Deception). “Daquela viaxe saiu un informe do IEO que lle abriu a España as portas do Tratado Antártico”, explica o xornalista.

Publicidade

E tres decenios despois, Valentín puxo os pés de novo no continente xeado. “Pareceume unha boa idea viaxar de novo para ver como cambiou todo. Presentei un proxecto ao Comité Polar Español, aceptárono, e aquí estou”.

“Tería que haber un ‘servizo ecolóxico obrigatorio’ para os mozos: tres meses na Antártida”

O 4 de novembro, en Vigo, comezou a aventura a bordo do Sarmiento de Gamboa. Valentín permanecerá sobre o terreo cos investigadores ata comezos de abril, cando regresará co Hespérides da Armada ata Cartagena (Murcia). Neste tempo realizaranse numerosas investigacións de organismos como o CSIC, a AEMET, o IGO e numerosas universidades; entre elas, as de Santiago de Compostela e Vigo. Analizaranse os rexistros sísmicos, o permafrost, os pingüinos, os glaciares… Unha tarefa coral que Valentín está a contar a través da rede. O seu blog, Horizonte Antártida, recibe milleiros de visitas. A través de textos, fotografías e vídeos, vai narrando o día a día dos científicos neste recuncho austral.

Desde a súa primeira visita, o xornalista explica que moitas cousas cambiaron. “Hai 30 anos non existían protocolos de contaminación: os barcos facían sentinazos, a xente que viña aquí deixaba residuos… Hoxe iso é impensable: a ninguén se lle ocorre deixar nin un só anaco de papel ou plástico”. Reflexiona Carrera, por tanto, que “o que se fai na Antártida, o respecto que hai polo entorno, debería ser un espello para o resto do planeta”.

No continente austral pódense atopar tamén grandes probas da realidade do cambio climático. “Todos os científicos que estudan sobre o tema coinciden en que é unha evidencia, e todo o que ocorre na Antártida maniféstase despois no resto do planeta. Hai 30 anos non tiñamos datos para demostralo, case nin se falaba do buraco da capa de ozono, pero agora si hai probas, e son claras”. Valentín Carrera engade ao respecto que “por primeira vez na Historia, o home está influíndo de maneira decisiva no clima”.

O xornalista, xunto a unha das pingüineiras da Illa Decepción.
O xornalista, xunto a unha das pingüineiras da Illa Decepción.

Unha estancia na Antártida serve para descubrir paraxes asombrosas, mais tamén é unha oportunidade para coñecerse a un mesmo. Conta Valentín que hai 30 anos, a viaxe “tiña unha compoñente épica, de aventura. Quería ser Julio Verne, ou Stevenson. Agora, pola contra, quizais por madurez, por ver a vida con outra perspectiva, é unha viaxe máis emocional”. Reflexiona este berciano que a Antártida “abre os poros dos sentimentos e da percepción. Hoxe en día, vivimos ás veces castrados de sentimentos, e aquí estás, dalgún modo, obrigado a sentir. Xérase un vínculo moi forte de compañeirismo co resto do equipo, e esa emotividade transmítese tamén no contacto coa natureza.

Son esas vivencias, como contemplar as baleas ou camiñar preto de milleiros de pingüíns, as que levan a Valentín a reflexionar, medio en serio medio en broma, sobre a necesidade dunha viaxe obrigatoria a Antártida para os mozos e mozas de hoxe en día. “Habería que cambiar a mili por un servizo ecolóxico obrigatorio; tres meses na Antártida”. Di que alí a xente “dáse de conta de que hai moitas cousas que realmente non precisamos. Podemos pasar catro meses sen coche, sen televisión. Ninguén vén con esixencias, ninguén protesta. A xente dedícase a vivir a experiencia intensamente, a traballar e a gozar, porque saben que probablemente nunca máis estarán aquí”.

Aínda quedan por diante outros dous meses e medio, que se irán facendo duros porque os días empezan a minguar e as noites a medrar. Longas xornadas de navegación, investigación e grandes experiencias que Valentín seguirá contando desde a súa fiestra ao mundo, a doce mil quilómetros da súa terra.

1 comentario

  1. Me imagino que en la distancia y sin comodidades, pensarás tantas buenas reflexiones que estoy segura darán para mucho.Saludos

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Serra da Capelada foi un glaciar da última Idade do Xeo: “É un caso singular en toda a península”

O traballo do catedrático e investigador da USC Augusto Pérez-Alberti analiza a súa configuración xeomorfolóxica e a paisaxe

As plantas non nativas aceleran a desaparición dos ameneiros galegos

As árbores centroeuropeas que se importan para restaurar as plantacións afectadas por unha doenza fúnxica producen uniformidade xenética

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

Primeira imaxe en luz polarizada do burato negro da Vía Láctea

Grazas a esta nova vista de Saxitario A*, a rede global de radiotelescopios EHT revela a existencia de fortes campos magnéticos xirando arredor do seu borde