Tres investigadores da UVigo gañan o Premio Bellman en Biomatemática

Begoña Cid, Eduardo Liz Marzán e Frank Hilken acadaron o premio Bellman. Foto: Duvi.
Begoña Cid, Eduardo Liz Marzán e Frank Hilken acadaron o premio Bellman. Foto: Duvi.

O premio Bellman é un dos galardóns máis prestixiosos a nivel internacional no eido da Bioloxía Matemática. Concédeo cada dous anos a editorial Elsevier a un artigo publicado na revista Mathematical Biosciences e, na súa última edición, outorgóuselle a un traballo asinado por Begoña Cid e Eduardo Liz Marzán, investigadores do Departamento de Matemática Aplicada II da Universidade de Vigo, xunto co investigador alemán Frank Hilker, da Universidade de Osnabrück, autores dun traballo sobre o uso de modelos matemáticos en dinámica de poboacións.

O traballo premiado, titulado Harvest timing and its population dynamic consequences in a discrete single-species model, foi elixido, entre máis de 200 artigos de investigación publicados nesta revista no bienio 2014-2015, por un comité internacional de nove reputados expertos e expertas.  “Para nós recibir este premio supón un grande estímulo para continuar na liña de traballo en modelos matemáticos en Bioloxía desenvolvida por algúns integrantes do grupo Matemática Aplicada 1, Ecuacións diferencias e simulación numérica da Universidade de Vigo”, explica Liz Marzán, ao que Cid engade que “o premio confirma que os problemas abordados son de interese para un amplo sector da comunidade biomatemática”.

O traballo foi elixido entre máis de 200 que se publicaron durante os anos 2014 e 2015

Os diferentes traballos premiados ao longo da historia co premio Bellman demostran a aplicación exitosa das matemáticas e a computación rigorosa a un fenómeno altamente pertinente. Nesta edición o traballo galardoado enmárcase no importante problema da explotación sostible de recursos. “Aínda que se trata dun achegamento ao tema dende un punto de vista teórico, baseado en modelos matemáticos, as conclusións poderían ser de interese para diferentes especialistas na xestión de recursos”, recalca o investigador da Universidade de Vigo.

Segundo explican a autora e os autores, no artigo analízase un modelo matemático para poboacións que se reproducen nunha determinada estación do ano -“moitos peixes, insectos e plantas estarían neste caso”- e que durante o resto do ano poden experimentar algún tipo de capturas, desde a pesca e a caza ata o control de plagas, entre outras. Asumindo que se pode elixir unha determinada época do ano para levar a cabo as capturas -“por exemplo, unha temporada de caza en outono ou en primavera”-, a conclusión principal do estudo é que, cunha mesma intensidade de capturas, a elección do momento en que teñen lugar afecta notablemente a distintos aspectos como o número de individuos da poboación que haberá nos próximo anos, as oscilacións  no tamaño da poboación ou o risco de extinción. “Por tanto, o momento de capturas é un factor a ter moi en conta para unha xestión sostible dos recursos”, recalca Liz Marzán.

Investigación punteira en Matemática Aplicada

O uso de modelos matemáticos en dinámica de poboacións é unha das liñas de traballo prioritarias do grupo Matemática Aplicada 1 da Universidade de Vigo. Esta liña ten sido financiada por diferentes proxectos de excelencia do Plan Nacional de I+D+i de xeito ininterrompido desde o ano 2001 co profesor Eduardo Liz como investigador principal. O profesor alemán Frank Hilker figura como membro estranxeiro destes proxectos dende o ano 2013 e realizou estadías de investigación na Universidade de Vigo en preto de media ducia ocasións dende entón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.