Sábado 20 Abril 2024

Unha nova máscara hixiénica para entender mellor as emocións

O CSIC e Bioinicia desenvolven o primeiro deseño con filtro Proveil, capaz de desactivar calquera virus ou bacteria, e con frontal transparente

A pandemia restou expresividade aos rostros. Agora, aínda nun contexto de crise sanitaria, deseñan unha máscara hixiénica que facilita a lectura dos labios e a identificación das emocións. Trátase dunha iniciativa desenvolvida polo CSIC e pola súa empresa spinoff Bioinicia, que impulsan unha máscara de nanofibras e filtro viricida que está na fase de probas. Caracterízase por ter un frontal transparente, permitindo que o interlocutor vexa a boca do emisor.

Segundo informan dende o CSIC, xa existen outras máscaras no mercado con esta pantalla frontal transparente. Mais estas son as primeiras en contar co filtro Proveil, que dispón de todas as propiedades da nanofibra e incorpora as súas propiedades viricidas, capaces de desactivar calquera virus ou bacteria. O deseño xa foi certificado polo Instituto Tecnolóxico Téxtil AITEX e aínda que se atopa nunha primeira fase onde non se comercializará en aberto, séguese traballando co colectivo de persoas xordas na súa mellora e na súa automatización para a produción en masa.

Publicidade

Asegurar a protección

“Quixemos incorporar todos os beneficios do noso filtro a unha máscara cunha xanela transparente para, ademais de asegurar a protección de quen a leva, tamén facilitar a lectura dos beizos”, aclara Jorge Teno, investigador de Bioinicia. En estudos certificados externos e internos púidose medir que esta máscara conta “cun 90% de eficiencia de filtración fronte a aerosois e un 98% de eficiencia de filtración bacteriana, ademais das propiedades viricidas e antibafo coas que conta a máscara”.

“Atopámonos nunha primeira xeración, onde a máscara se manufacturará e se fará chegar a persoas e institucións para a súa validación. Ademais, xa demos os pasos para conseguir unha segunda versión que automatice a súa fabricación, e ata unha terceira fase que nos axudará a facela moito máis sostible xa que será compostable”, explicou José María Lagarón, científico do CSIC.

“A máscara conta cun 90% de eficiencia de filtración fronte a aerosois”

Tamén engadiu que “a nosa máscara protexe, pero hai que ser consciente de que esta protección só se garante se a axustamos ben ao rostro e se combina en interiores con ventilación ou equipos de limpeza do aire. Por iso seguimos traballando para sacala en formato EPI, con máis tallas, e así asegurar que todo o mundo poida ler os beizos ademais de estar protexido”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte