Xoves 28 Marzo 2024

Unha microbióloga en paro, autora principal dun artigo na prestixiosa revista PNAS

A investigadora Astrid Pérez está á espera de que se execute un proxecto financiado por unha empresa farmacéutica para reanudar a súa carreira

Hai moitos máis casos coma o meu, sempre nos expoñemos os mesmos e parece que só afecta a uns poucos, pero a miña situación é moito máis habitual do que parece”. Así denuncia Astrid Pérez Gómez, unha microbióloga que desenvolveu os últimos anos da súa carreira no Instituto de Investigacións Biomédicas da Coruña (INIBIC), e que acaba de publicar un artigo na prestixiosa revista Proceedings of the National Academy of Sciences (PNAS), a publicación oficial da Academia de Ciencias dos Estados Unidos, cun relevante factor de impacto na investigación a nivel mundial. O artigo é “un importante impulso na miña carreira“, di Astrid, especializada no estudo das bacterias resistentes a antibióticos, e publícase nun momento no que está no paro e á espera de iniciar un proxecto de investigación que quedou en suspenso pola pandemia da Covid-19.

A investigación da que Pérez é autora principal, e que se desenvolveu nos últimos anos no INIBIC, aborda os mecanismos que inflúen na patoxenicidade da Klebsiella pneumoniae, “unha especie de bacterias que son responsabéis dun gran número de infeccións e brotes hospitalarios a nivel mundial”, conta.

Publicidade

“Estas bacterias (especialmente as que son resistentes a antibióticos carbapenémicos) están provocando cada vez máis problemas. O éxito de certas cepas desta especie, a maioría resistentes a multiples antibióticos, favorecen a propagación de certos xenes de resistencia.  Polo tanto, coñecer os rasgos xenéticos que determinan o éxito desta clase de bacterias poden axudarnos a controlar a súa diseminación”, explica a microbióloga.

Resistencia bacteriana

O artigo describe a investigación das “características xenéticas dunha cepa de K. pneumoniae que foi responsable dun brote importante no noso hospital (A Coruña), afectando a moitos pacientes. Esta cepa resultou ser un clon de alto risco que non só era resistente aos carbapenémicos, senón que tiña unha gran capacidade de colonizar o tracto intestinal dos pacientes”, apunta Astrid Pérez. Despois de varios ensaios, e unha vez que secuenciamos o seu xenoma, engade a Pérez, “vimos que a nosa cepa tiña un fenotipo altamente adherente e rasgos xenéticos únicos cando a comparabamos con outras cepas que non tiñan ese fenotipo adherente”.

“Identificamos e caracterizamos unha novo sistema de adherencia, que chamamos Kpi, que está implicado na capacidade deste patóxeno para adherirse a diferentes tecidos, incluíndo as células do tracto intestinal. A adherencia da bacteria aos diferentes tipos de células permite a colonización dos pacientes, o que favorece a propagación da infección e a aparición de brotes hospitalarios“, conta a científica. Deste xeito, “as nosas pesquisas poderán ser moi interesantes á hora de deseñar tratamentos e controlar a aparición de brotes nosocomiais”.

“É case imposible ter unha carreira estable”

Astrid Pérez.
Astrid Pérez.

No momento no que o artigo sae publicado na revista, co recoñecemento profesional que supón, a situación laboral de Astrid está rodeada de incertezas. A investigación é froito dun proxecto que, grazas ao apoio do grupo de Microbioloxía do CHUAC, que dirixe Germán Bou, puido desenvolver como investigadora principal. O traballo, financiado con 100.000 euros e concedido pola Sociedad Española de Microbiología Clínica (SEIMC) para estudar a Klebsiella pneumoniae, permitiu cubrir a contratación dunha estudante de doutoramento para facer a súa tese arredor deste proxecto e os gastos derivados da investigación. Xunto a Astrid, asinan o artigo os seus compañeiros Eva Gato Corral, Juan Carlos Vázquez-Ucha, Soraya Rumbo-Feal, Laura Álvarez-Fraga, Juan Vallejo, Marta Martínez Guitián, Alejandro Beceiro, Jose Ramos Vivas, Pedro J. Sola Campoy, María Pérez-Vázquez, Jesus Oteo Iglesias, Bruno Kotska Rodiño-Janeiro, Antonio Romero, Margarita Poza e Germán Bou.

Porén, como adoita acontecer con moitos outros científicos, cunha carreira de investigación ligada en boa parte a proxectos ou contratos puntuais e non estables, Astrid Pérez tivo que seguir buscando financiamento externo para continuar a súa liña de investigación nun asunto que, como recoñecen numerosas entidades científicas, se vai converter nun dos meirandes problemas de saúde pública nas vindeiras décadas. Conseguiu o contrato estatal de investigacion Juan de la Cierva que lle permitiu continuar coa sua investigación durante dous anos. Agora, unha vez rematado este contrato, mentres espera a que se materialice, unha vez superada a primeira fase aguda da Covid-19, o proxecto financiado por Pfizer, a súa carreira está no aire. “As opcións que temos, como teñen todos os investigadores da rama hospitalaria, é entrar nos programas Miguel Servet ou Ramón y Cajal. Nos dous casos, as prazas son moi escasas, cun nivel de esixencia bestial, que fan quedar a moita xente no camiño. Así é case imposible ter unha carreira estable”.

Como denunciaron recentemente investigadores que lideran laboratorios no ámbito sanitario en Galicia, nin sequera o feito de acceder a estas convocatorias é sinónimo de ter unhas perspectivas claras de futuro na ciencia. “Se non consegues entrar nun programa como o Servet ou o Cajal, as opcións de seguir en ciencia redúcense a que o teu grupo teña presuposto para pagar o teu salario, pero o normal é que non teña partidas de orzamento para dedicar libremente á contratación de persoal nos seus proxectos. Despois dos sucesivos recortes á I+D+i, o financiamento de persoal reduciuse case a cero”. “En canto acabas coas convocatorias de posdoutoramento a incerteza é enorme. Eu levo desde 2007 traballando sen parar, contratada a través de programas de investigacion galegos ou estatais, ou contratos ligados a proxectos concretos, pero a inestabilidade laboral sempre está presente.  Nunca tiven un contrato de máis de tres anos, e a oportunidade de estabilizarse nesta profesión parece que nunca chega”.

Ciencia nos hospitais: un sistema cheo de atrancos para investigar en saúde

Neste sentido, Astrid Pérez lamenta que as avaliacións para acceder a contratos que permitan continuar investigando no eido público inclúen, en moitos casos, criterios “moi esixentes”. No seu caso fai un símil futbolístico: “É como se lle piden ao Deportivo gañar a Liga de Campións europea durante cinco anos seguidos cun orzamento dun equipo de segunda”. “Para presentarme á convocatoria Miguel Servet, unha parte importante da avaliación depende dos 10 mellores artigos dos últimos 5 anos, e para ter á máxima puntuación tería que publicar como autora principal 10 artigos do primeiro decil (os de maior impacto) en 5 anos. No eido da biomedicina isto é realmente complicado se non tes un grupo, aínda que sexa pequeno, de investigadores traballando contigo”.

Como exemplo, “o artigo que sae publicado agora en PNAS enviamolo para a súa avaliacion á revista en decembro do ano pasado, depois de dúas revisións conseguimos publicalo. Neste tempo xa tería que ter case dous traballos máis feitos e publicados”. “Avalíante por resultados a curto prazo: se tes dous anos de contrato Juan de la Cierva, por exemplo, e nese tempo precisas catro artigos, non podes pensar en deseñar investigacións  a longo prazo, porque non conseguirás os resultados que necesitas para obter o seguinte contrato”, resume.

Limitacións

A situación entronca, segundo Astrid, co baixo nivel de investimento en ciencia en España e “máis aínda en Galicia”. No seu caso, as fundacións sanitarias que xestionan o acceso do seu persoal a programas como aos que se presenta esta científica estableceron por primeira vez uns criterios de esixencia que exclúen un importante número de candidatos. “Desde que incluíron unha cláusula de estabilización no programa Miguel Servet, restrinxiron o acceso ás convocatorias”. Na convocatoria 2020, das doce axudas que poderían ser adxudicadas ás fundacións galegas, estas presentaron menos da metade de candidatos. “As institucións que deberían apoiarnos e mirar polo noso futuro, o que están a facer, coa axuda da Axencia do Coñecemento en Saúde (ACIS), é prexudicarnos. Ata onde eu sei, a fundación da Coruña onde estiven traballando durante máis de 10 anos non presentou ningún candidato”. Conclúe, por tanto, que “a falta de investimento en investigación unha vez máis ten un maior protagonismo que a calidade da propia investigación; a min chegáronme a dicir: sodes todos moi bos pero non hai prazas para todos”.


Referencia: Kpi, a chaperone-usher pili system associated with the worldwide-disseminated high-risk clone Klebsiella pneumoniae ST-15 (Publicado en PNAS).

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O fentanilo non é novo en Galicia: “O seu consumo vai ligado a outras drogas"

O CHUAC non observa unha repunta dos casos, aínda que se rexistran de maneira ocasional en persoas intoxicadas tamén por heroína e cocaína

Galicia notifica 10 mortes ao día por consumo de tabaco

A investigadora da USC Julia Rey Brandariz constata na súa tese que a comunidade galega é a duodécima que máis falecementos rexistra por esta substancia

Primeiro mapa de bacterias resistentes: estes son as cinco principais de Galicia

O microorganismo de maior incidencia é 'Klebsiella pneumoniae', unha das enterobacterias máis perigosas polo amplo abano de infeccións que provoca

Científicos galegos participan no primeiro mapa español de bacterias resistentes aos antibióticos

A base de datos en liña proporciona o perfil xenómico de 461 cepas, procedentes de 41 hospitais situados en 13 rexións de España