Xoves 28 Marzo 2024

Un supervolcán arrasou Galicia hai 477 millóns de anos

Unha investigación vén de descubrir unha megacatástrofe que afectou ao territorio oriental galego, cando formaba parte de Gondwana, un dos continentes que se uniron para formar posteriormente o continente único, Pangea, do que logo saíron os actuais.

O continente Gondwana e a área da erupción do supervolcán.
O continente Gondwana e a área da erupción do supervolcán.

Ata agora os científicos pensaban que as rochas de orixe volcánico atopadas en varios puntos do Noroeste da Península Ibérica pertencían a diferentes épocas. Con todo, un novo estudo revela que son coetáneas, é dicir que fai 477 millóns de anos a erupción dun supervolcán afectou a todo o Cantábrico. As súas cinzas cubriron un área de centos de quilómetros. Na actualidade, a caldeira de Yellowstone, nos Estados Unidos, é a que máis probabilidades ten de protagonizar unha erupción supervolcánica como a que arrasou Galicia e todo o Noroeste de España .

Publicidade

Cando dicimos Galicia, en realidade non podemos equiparalo ao territorio actual. De feito, no territorio que formaría esta xeografía, houbo unha colisión entre a parte oriental, vencellada ao Cantábrico, e a parte occidental.  A mega erupción afectaría polo tanto á parte oriental.

O que semella claro con este estudo é que a actual península ibérica sufriu unha xigantesca erupción volcánica fai 477 millóns de anos, cando estaba situada na costa dun gran continente chamado Gondwana e se atopaba preto do polo sur. A datación precisa dunha capa de cinzas volcánicas preservada na cordilleira cantábrica indica que as rochas dunha vasta área son coetáneas e, por tanto, probablemente orixináronse nunha mesma erupción que, polo seu gran volume, ten que corresponder a un supervolcán.

Os depósitos de rochas volcánicas do Cantábrico proceden da mega erupción

“Sabiamos que había rocas volcánicas en Asturias, León e Cantabria, pero non se consideraban unha mesma capa. Agora demostramos que teñen a mesma idade, así que pertencen a unha mesma erupción”, declarou á axencia SINC Gabriel Gutiérrez Alonso, investigador da Universidade de Salamanca e autor principal do estudo publicado na revista Tectonophysics.

Nos seus cálculos máis conservadores, os científicos poden asegurar que a cuberta de cinzas abarcou polo menos un 15.000 km2. A erupción emitiría máis de 80.000 millóns de toneladas de rocas á atmosfera e o volume de cinzas alcanzaría o 60 km3, aínda que posteriormente esta pedra pómez perde a súa porosidade orixinal para quedar moito máis compacta polo efecto do peso das rochas depositadas enriba.

A explosión foi de dimensións apocalípticas. Cos datos descubertos, sería unha erupción de tipo ‘colosal’, que no Índice de Explosividade Volcánica (VEI, polas súas siglas en inglés) alcanzaría un 6 nunha escala do 1 ao 8. Nesta clasificación, cada valor supón que a erupción é 10 veces máis virulenta que o valor inferior. A do Vesubio que arrasou Pompeia ten un VEI de 5 e expulsou de 1 a 3 km3 de materiais á atmosfera. Neste caso, a capa de cinza quedou estendida por centenares ou miles de km2.

O cataclismo non supuxo unha extinción global da vida, que entón era só oceánica

Os científicos non descartan mesmo unha erupción de tipo ‘mega-colosal‘, dun VEI de 7, con 900.000 millóns de toneladas de cinzas que, en termos xeográficos actuais, alcanzaría todo o norte da península, desde Galicia á cordilleira Ibérica, en Aragón.

A clave desta investigación está na datación xeocronológica usando isótopos radioactivos dun mineral chamado circón, que determinou que todas as mostras teñen a mesma antigüidade, é dicir 477 millóns de anos, cunha incerteza dun millón de anos (un erro de menos do 0,25%). A capa de cinzas volcánicas na cordilleira cantábrica pode chegar a ter un metro de espesor e é explotada para obter un mineral chamado caolín, que se utiliza, entre outras cousas, para a obtención de produtos cerámicos de alta calidade.

En canto ás súas repercusións para a vida do planeta, estes cataclismos volcánicos non supuxeron grandes extincións globais. No caso do da península ibérica, naquel momento nin sequera existía vida colonizando a superficie dos continentes, só nos océanos. Ademais, os científicos cren que se produciu unha recuperación da vida inmediata tras o depósito das cinzas no fondo do mar. A proba é que en todos os lugares nos que se recoñecen as cinzas atópase unha capa na que se poden observar gran cantidade de perforacións cilíndricas realizadas por seres vivos nos sedimentos, verticais en orixe, que se denominan skolithos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.