Lola Rueda, autora da tese doutoral preparada no Laboratorio de Neurociencia do Cinbio.

Un estudo do Cinbio afonda nas neuronas e canles para percibir estímulos

A tese da investigadora Lola Rueda centrouse nas canles TREK, de grande interese pola súa versatilidade e implicación no sistema nervio

Multitude de procesos neuronais controlan a transmisión dos estímulos que chegan ao organismo dos seres humanos e en todos estes procesos están involucradas unhas proteínas de membrana denominadas canles iónicas. No Laboratorio de Neurociencia do Cinbio, o Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, levan anos estudando a resposta destas canles a estímulos de todo tipo, desde a temperatura ata cambios no pH ou distensión dos tecidos. Neste contexto, a investigadora Lola Rueda Ruzafa é a autora dunha tese de doutoramento na que afondou polo miúdo na sensibilidade das canles de potasio TREK, de grande interese pola súa versatilidade e a súa participación na transmisión de estímulos sensoriais ao sistema nervioso central, centro de procesamento de toda a información que o corpo recibe do medio externo e interno.

Rueda centrou o seu estudo no incremento da temperatura e a acidificación intracelular en neuronas sensitivas de rato. “A actividade destas canles vese incrementada por fármacos como o riluzole, empregado na esclerose lateral amiotrófica, ou reducida por outros como o antidepresivo fluoxetina, coñecido pola súa marca comercial como Prozac”, explica a investigadora, ao tempo que fai fincapé en que, todo semella indicar que estas canles poderían ter un papel neuroprotector, posto que tenden a estabilizar a sobreactivación neuronal que acontece en patoloxías como a isquemia.

Tres tipos de neuronas

Para a posta en marcha da investigación empregáronse neuronas do ganglio nodoso, responsables da recepción de estímulos sensoriais físicos e químicos procedentes de órganos abdominais e torácicos como o intestino, o corazón ou os pulmóns. “Este ganglio forma parte do denominado nervio vago, xusto cando este penetra no cranio”, explica a investigadora, ao que engade que a súa composición é bastante heteroxénea, xa que conta con varios tipos neuronais, o que converte o seu estudo nunha tarefa complexa.

A clasificación que se puxo en marcha desde o Laboratorio de Neurociencia e, especificamente nesta tese, baséase na presencia de canles de sodio resistentes a tetrodotoxina, unha toxina presente en certos órganos do peixe globo e moi coñecida pola súa elevada toxicidade, e a resposta das neuronas a capsaicina, compeñente activo do pemento picante –Capsicum– e altamente irritante. “Atendendo a esta clasificación podemos falar de tres tipos de neuronas de ganglio nodoso ás que decidimos chamar neuronas tipo A, Ah e C”, explica a investigadora.

O fármaco neuroprotector riluzole e outro activador coñecido como ML67-33 activaron os tres tipos neuronais, o que, a xuízo da autora da tese, indica a presenza de canles TREK nestas neuronas, unha proposta que está apoiada por estudos precedentes do Laboratorio de Neurociencia nos que, mediante o emprego da técnica de PCR, se atoparon niveis elevados de material xenético destas canles nas neuronas.

Os tres tipos de neuronas sometéronse a incrementos de temperatura, desde temperatura ambiente (24 ºC) a temperatura fisiolóxica (37 ºC), o que xerou un incremento da actividade das canles TREK. “Comprobar esta reacción ten unha gran relevancia, posto que desde hai anos pénsase que as canles principalmente implicadas na termorregulación son os chamados TRP, Transient Receptor Potencial”, subliña Rueda, ao tempo que explica que cando se activan estes TRP exercen un efecto contrario ao das canles TREK. “Na tese o que propoño é que ambas canles actúan en concerto e de maneira harmónica ante estímulos térmicos. Mentres que as canles TRP tenden a excitar as neuronas, as TREK frearían ese efecto estabilizándoas”, recalca a investigadora.

As canles TREK condicionan o funcionamento dun gran número de reflexos viscerais

A investigación incluíu tamén un experimento no que as neuronas se someteron á acidificación do seu medio interno amosando un incremento dunha corrente similar a que xeran as canles TREK unha vez activados. Segundo explica Rueda o descenso do pH intracelular prodúcese en patoloxías isquémicas e debe ser controlado, posto que leva a un funcionamento descontralado das neuronas. “O papel suxerido neste caso é de novo de tipo neuroprotector, posto que tendería a estabilizar as descargas neuronais”, subliña a investigadora.

Á vista dos resultados da investigación pode afirmarse que as canles de potasio pertencentes á subfamilia TREK son de grande importancia na captación de información sensorial das vísceras polas neuronas do ganglio nodoso e, polo tanto, “poden condicionar o funcionamento dun gran número de reflexos viscerais”. Por exemplo, as neuronas do  ganglio  nodoso recollen a información de distensión provinte do tracto  gastrointestinal, que se dirixe ao sistema nervioso central, o cal produce respostas reflexas como a contracción do músculo liso e a  secreción da  mucosa.

Aquí podes ler a nova no Duvi

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.