Lucía Rey Ares, autora da tese. Foto: USC.
Lucía Rey Ares, autora da tese. Foto: USC.

Un estudo da USC demostra a fenda de xénero no mundo das finanzas

A brecha de xénero tamén está presente no mundo das finanzas, xa que os homes participan máis no mercado de valores que as mulleres. Así o demostra a doutora Lucía Rey Ares, do grupo de investigación Valoración Financeira Aplicada (Valfinap), na súa tese de doutoramento ‘As decisións financeiras das familias españolas: participación en esquemas privados de pensións e inversión en activos financeiros con risco’, que vén de presentar na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.

A tese de doutoramento, dirixida polas investigadoras Sara Fernández López e Milagros Vivel Búa, analiza as finanzas das familias en España centrándose en dúas decisións: a participación en esquemas privados de pensións e a inversión en activos financeiros con risco. A decisión de investir en activos financeiros de risco está influenciada por diferentes factores, como o xénero, o tamaño do fogar, o estado de saúde, o nivel de ingresos e riqueza, a tenza de hipoteca, a educación formal e o uso de internet. As estatísticas reflicten que o 35’8% da poboación española participou, de media, en plans de pensións complementarios durante o período 2002-2011.

A tese analiza a participación nos plans privados de pensións e a inversión en activos de risco

Este estudo demostra a fenda de xénero á hora de tomar decisións financeiras e propón solucionar o problema na súa base; é dicir, “mellorar as condicións laborais das mulleres, xa que elas sofren unha maior inseguridade laboral e teñen máis traballos temporais ou a tempo parcial que os homes”, explica Lucía Rey, ao que engade que “ter fillos ou fillas, semella, de acordo á evidencia empírica encontrada, unha barreira á hora de participar en plans privados no caso das mulleres, pero non así no dos homes”, asegura. Ademais da brecha de xénero, a tese tamén demostra que ante unha maior riqueza e ingresos, maior participación.

Outro factor que inflúe na participación no mercado de valores está relacionado coa vivenda, pero os resultados son diferentes en cada país. Mentres que en Italia ter unha vivenda en propiedade limita a participación no mercado de valores ou nos sistemas privados de pensións, en España ocorre o efecto contrario: comprar unha vivenda incentiva a participación.

O estudo aborda tamén a sustentabilidade do sistema de pensións, coa perspectiva do envellecemento

O problema do sistema de pensións é un tema de gran actualidade en España. A investigadora Lucía Rey asegura que “o sistema tal e como está agora deseñado, non parece sostible”. España presenta un sistema de pensións de xubilación baseado en tres pilares: o pilar fundamental é o sistema público da Seguridade Social, pero tamén existen outras opcións como os sistemas de previsión empresarial, ou os sistemas privados individuais, de carácter voluntario.

Pola parte dos gastos, estímase que España será o país máis envellecido da Unión Europea en 2050 e, por tanto, con maior número de pensionistas. Nun prazo de trinta anos, espérase un total de 78 persoas xubiladas por cada 100 persoas en idade de traballar. Tendo en conta que o diñeiro das pensións de xubilación provén directamente das cotizacións do persoal empregado, se o número de persoas xubiladas é superior ao das traballadoras, como se poden pagar as pensións? Pola parte dos ingresos, o problema agravouse dende o estoupido da crise económica en 2008, pois o paro aumentou de forma considerable, coa conseguinte redución das cotizacións e, en consecuencia, do diñeiro dispoñible para financiar as pensións.

Lucía Rey Ares, no centro, coas directoras da súa tese de doutoramento e membros do tribunal. Foto: USC.
Lucía Rey Ares, no centro, coas directoras da súa tese de doutoramento e membros do tribunal. Foto: USC.

O volume de participación no mercado de valores está directamente relacionado co nivel de coñecementos financeiros. A doutora Lucía Rey indica que é necesario promover a educación financeira para que “a poboación sexa consciente non soamente da importancia de complementar os ingresos de cara á xubilación ou de investir no mercado de valores, senón que tamén posúa unha serie de coñecementos mínimos á hora de contratar outros produtos financeiros, como por exemplo, hipotecas”. Neste sentido, a investigadora considera que é “imprescindible fomentar a cultura financeira xa dende as escolas”.

O uso da banca electrónica e o acceso a internet son factores que tamén inflúen na participación no mercado de valores e nos sistemas privados de pensións, de aí a importancia de facilitar o seu uso, sobre todo nas zonas rurais, sostén a doutora.

Aínda que o futuro parece que camiña cara sistemas de pensións privados, son moitos os economistas, entre eles o Premio Nobel de Economía 2001, Joseph Stiglitz, que defenden os sistemas públicos de pensións e demostran que a súa privatización non sería a mellor alternativa, explica Lucía Rey Ares na súa tese de doutoramento, na que indica que dous dos problemas de fondo son o alto desemprego e a inseguridade laboral.

Tribunal de tese e cualificación

O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Lucía Rey Ares estivo presidido polo catedrático Manuel Rocha Armada. Os profesores Mª Celia López Penabad e Alberto Vaquero García completaron o xurado. A autora da tese de doutoramento obtivo a máxima cualificación de sobresaínte cum laude. Ademais, Lucía Rey Ares conseguiu a mención de doutoramento europeo logo da realización dunha estadía internacional de tres meses na Universidade de Groningen, Países Baixos, grazas a unha bolsa da Fundación Barrié.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.