Sábado 20 Abril 2024

Un equipo do CiQUS deseña enzimas artificiais para actuar no interior das células

O traballo do proxecto MetBioCat da USC, dirixido polo profesor José Luis Mascareñas e financiado coa axuda Advanced Grant do Consello Europeo de Investigación, segue dando froitos. Desta vez, o grupo, pertencente ao CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares), vén de demostrar, por primeira vez, a posibilidade de introducir enzimas artificiais no interior das células para provocar transformacións químicas que non existen na natureza. O deseño destes compostos supón un dos maiores retos que se sitúan na fronteira entre as disciplinas da química e a bioloxía celular.

 

Con este avance, podería alterarse de forma selectiva o funcionamento da célula

O resultado desta investigación acaba de ser publicado en Nature Communications. Xunto a Mascareñas, tamén participaron os investigadores María Tomás, Miguel Martínez e José Couceiro. Empregaron un complexo metálico composto por rutenio que é capaz de atravesar as membranas celulares e acumularse de forma preferente na mitocondria. Este composto conseguiría inducir a transformación de substratos esóxenos e xerar produtos activos. Deste xeito, sería posible alterar de forma selectiva o funcionamento da célula, mediante a introdución de substratos inertes que se converten en activos só cando se atopan co catalizador.

Publicidade

Esquema do efecto que provoca a acumulación de rutenio na mitocondria.
Esquema do efecto que provoca a acumulación de rutenio na mitocondria.

Esta metodoloxía abre a porta ao desenvolvemento de ferramentas que permitirían manipular a vida celular de xeito programado, coa vista posta no desenvolvemento de novas estratexias terapéuticas, segundo informan desde a USC.

“Temos que ser prudentes”, afirma, de todos modos, o profesor José Luis Mascareñas. “Trátase dunha investigación dirixida á xeración de coñecemento novo; aínda hai moito que facer e averiguar ata que poidamos pensar en posibles aplicacións prácticas. Son proxectos de alto risco que presentan moitas dificultades, entre outras, polos problemas de biocompatibilidade entre complexos metálicos non naturais e as células de organismos vivos”, sinala Mascareñas.

“Temos que ser prudentes; aínda hai moito que facer”, sinala Mascareñas

Este grupo de investigación xa fora capaz de demostrar a posibilidade de introducir substancias metálicas con rutenio no interior das células. O avance deste novo estudo recae na introdución destes compostos nas mitocondrias, uns orgánulos que actúan como fonte de enerxía para moitas das tarefas que realizan os seres vivos.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A resistencia térmica dalgúns materiais pódese regular aplicando unha voltaxe

Un traballo do CiQUS abre novas posibilidades para o deseño de reguladores de temperatura e para o desenvolvemento de tecnoloxías máis eficientes e sostibles

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

Un equipo con participación galega desenvolve un novo tipo de axente contra o cancro

O composto actúa de maneira potente e selectiva sobre a respiración mitocondrial das células nai do tumor, diminuíndo o seu potencial canceríxeno

A USC desenvolve un novo método para a entrega directa de fármacos no interior celular

O novo nanotransportador é capaz de fusionarse coa membrana plasmática e liberar moléculas bioactivas no citosol