Un científico do CiMUS abre unha vía para o uso seguro das células nai

Miguel Fidalgo (segundo pola esquerda), xunto ao seu equipo no CiMUS.
Miguel Fidalgo (segundo pola esquerda), xunto ao seu equipo no CiMUS.

Moito se ten falado nos últimos anos sobre as enormes posibilidades que ofrece a utilización de células nai no tratamento e cura de enfermidades. Neste senso, o investigador do CiMUS da USC Miguel Fidalgo acaba de publicar un estudo no que desenmascara a existencia dun patrón xenético de expresión única que permite regular a os cambios de estado nas células nai pluripotenciais. Estas células son un tipo único porque poden dar lugar a todos e cada un dos distintos tipos celulares que conforman un organismo adulto. É un grupo de células moi concreto, que conta coa capacidade de propagarse de forma ilimitada, o que as converte nunha fonte de material inesgotable en diferentes eidos de investigación.

Ata o de agora, e malia o seu enorme potencial en biomedicina, houbo moita cautela sobre a utilización clínica destas células pluripotenciais, xa que se corre un importante risco de que aparezan tumores. Ante estas dificultades, os científicos abriron numerosas liñas de investigación para sortear o problema e avanzar no coñecemento destas unidades anatómicas.

O traballo indaga nos diferentes estados das células pluripotenciais

A raíz destes traballos, os investigadores descubriron que cando este tipo de células son cultivadas en modelos animais baseados en roedores, existen dous estados pluripotenciais: un máis primixenio ou ‘plástico’ (coñecido como estado pluripotente naive), e outro destinado a proporcionar unha orixe celular concreta (estado pluripotente primed). Non en tanto, e segundo informan desde a USC, o proceso de obtención de células humanas ex vivo (é dicir, á marxe dun organismo vivo) con características similares ás naive atopadas en ratos non se puido culminar con éxito polo de agora, a pesar dos enormes esforzos dedicados pola comunidade científica nos últimos anos.

Pero agora, o patrón atopado polo galego Miguel Fidalgo permitirá aos investigadores avanzar no estudo dos factores que deciden se unha célula nai é máis plástica (xerminal) ou se, polo contrario, está determinada a participar nun estado máis avanzado do crecemento. A investigación de Fidalgo demostra, por primeira vez, cómo un novo factor desempeña un rol esencial no control químico do material xenético sen alterar a súa secuencia, resultando decisivo no momento no que unha célula nai decide dar o paso dun estado naive a outro primed.

A proteína localizada é capaz, por tanto, de regular no ADN a función oposta de dúas enzimas (Tet1 e Tet2) que participan na transformación dos tumores cando se atopan desreguladas. Por tanto, os resultados conseguidos por Miguel Fidalgo abren a porta a desenvolver novas estratexias na busca do estado pluripotencial das células nai humanas, o que permitiría corrixir danos no xenoma ou facilitar a modelización das enfermidades de cara a unha posible cura. “«Ese sería o noso Santo Grial, o gran paso que nos permitiría avanzar cara o obxectivo último». Para este   investigador Ramón y Cajal do CiMUS, «o máis importante é lograr que estas células sexan seguras, para facer posible a súa utilización na clínica e poder ao fin desenvolver o enorme potencial terapéutico que albergan», sentencia.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.