Fases da eclipse de Lúa do vindeiro día 16, a última do ano, segundo se poderá ver desde Galicia. Fonte: IGN.
Fases da eclipse de Lúa do vindeiro día 16, a última do ano, segundo se poderá ver desde Galicia. Fonte: IGN.

Chega a última eclipse de Lúa do ano en Galicia

Entre as 22 horas do día 16 de xullo e a 1 da mañá do 17 poderase contemplar a ocultación parcial do satélite pola sombra da Terra

Chegooou o día no que en Galicia poderemos gozar da que vai ser a última eclipse de Lúa do ano. Será a última hora deste 16 de xullo e nas primeiras do 17 cando a Terra se interporá entre o Sol e o seu satélite para proxectar a súa sombra na superficie lunar, e por tanto, ocultará parcialmente a luz que a estrela reflicte nela. É a segunda vez que podemos gozar coa ocultación da Lúa neste ano, despois da eclipse total que puidemos ver en xaneiro, pero non se volverá producir unha eclipse deste tipo ata maio de 2021.

A eclipse parcial coincidirá, como sempre acontece, coa Lúa chea, e comezará ás 22.02 da noite do día 16. Porén, non se poderá albiscar ata uns minutos máis tarde, xa que o satélite estará baixo o horizonte e non sairá ata as 22.06. O máximo producirase ás 23.30 horas, a unha elevación de 11º, cando máis da metade da Lúa quedará na zona de penumbra. Quen contemple nese momento o satélite poderá ver gran parte do astro cun ton avermellado e escuro. Isto acontece porque a atmosfera da Terra, ao dispersar os raios do Sol, proxecta estes tons sobre a superficie da Lúa, polo que o satélite non se escurece por completo.

O proceso completo será algo semellante a isto:

Fases da eclipse do 16-17 de xullo. Fonte: earthsky.com.
Fases da eclipse do 16-17 de xullo. Fonte: earthsky.com.

Recomendacións

Como adoita acontecer para a observación do ceo nocturno, é recomendable moverse a lugares afastados da contaminación luminosa e habituar a vista á escuridade para que os nosos ollos poidan captar mellor o fenómeno. Ao producirse xusto despois da saída da Lúa, aparecerá baixa no horizonte, polo que é recomendable buscar lugares elevados e sen obstáculos de cara ao horizonte.

A predición do tempo para a noite do 16 ao 17, apunta a que, despois dunha primeira metade do día con ceos anubrados, as nubes iranse dispersando e quedará unha noite despexada na maior parte do país. Con todo, a probabilidade de que as nubes obstaculicen a eclipse é menor no sur do país, polo que esta será a zona máis acaída para disfrutalo.

Aínda que se trata da última eclipse de Lúa do ano, o 2019 deixará aínda varios fenómenos astronómicos (aínda que abonda con gozar coa mera contemplación do ceo en calquera noite despexada e sen contaminación luminosa); entre elas destacan as Perseidas de agosto e o tránsito de Mercurio por diante do Sol, que se producirá o 11 de novembro e será visible en Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.