Venres 19 Abril 2024

A UE facilita 100 millóns para financiar a investigación pública en Galicia

O acordo impulsado polo Banco Europeo de Investimentos beneficiará a 170 grupos científicos que investigan en centros do país

O Banco Europeo de Investimentos (BEI) anunciou este luns que apoiará a investigación do sector público en Galicia facilitando 100 millóns de euros que se destinarán a financiar proxectos de I+D+i desenvoltos por universidades públicas galegas. O acordo, asinado pola vicepresidenta do BEI, Emma Navarro, e o conselleiro de Facenda da Xunta de Galicia, Valeriano Martínez, contribuirá á implementación da Estratexia de Especialización Intelixente posta en marcha pola Xunta de Galicia para estimular un crecemento económico baseado na innovación, segundo expón o organismo europeo.

Permitirá ademais desenvolver patentes e atraer e reter talento investigador na rexión, contribuíndo a asegurar preto de 900 postos de traballo de alta cualificación na área de I+D+i. O BEI outorga estes fondos baixo o marco do programa InnovFin para a Ciencia, nha iniciativa conxunta do Grupo BEI e a Comisión Europea deseñada para apoiar a investigación e a innovación en Europa, co apoio do programa Horizon 2020 da UE.

Publicidade

En concreto, o financiamento facilítase baixo o instrumento de InnovFin destinado especificamente para centros de investigación e universidades ( RIURO nas súas siglas en inglés). Estímase que os fondos beneficiarán a uns 170 grupos de investigación ligados a universidades públicas galegas durante catro anos, ata finais de 2023. Estes grupos desenvolverán investigacións centradas en áreas como a biotecnoloxía, tecnoloxías da información e ciencias da saúde, entre outras. Tamén contribuirán á adaptación e mitigación do cambio climático en Galicia, estudando as vulnerabilidades da rexión fronte a este reto e as estratexias para facerlle fronte.

As actividades de I+D+i fomentarán tamén o desenvolvemento da chamada Blue Economy, centrada en desenvolver o potencial de mares e océanos de forma sustentable. No acto de sinatura celebrado en Santiago de Compostela, a vicepresidenta do BEI, Emma Navarro, responsable da actividade do banco en España, asegurou: “Apoiar a innovación é unha das prioridades do banco da UE, polo seu papel fundamental na xeración de riqueza e emprego. Por iso, comprácenos unir forzas coa Xunta para apoiar a investigación pública en Galicia. Coa firma deste acordo, estamos a contribuír ao desenvolvemento de patentes e liñas de investigación en áreas tan importantes como a biotecnoloxía, as ciencias da saúde, a loita contra o cambio climático e a protección dos océanos, así como a reter talento e manter postos de traballo altamente cualificados na rexión”.

Pola súa parte, Mariya Gabriel, comisaria europea para Innovación, Investigación, Cultura, Educación e Mocidade, afirmou: “Apoiamos a investigación do sector público en Galicia con financiamento da UE para crear postos de traballo para mozos investigadores e axudar a desenvolver a Estratexia de Especialización Intelixente da rexión. Grazas a iso, Galicia poderá ter unha vantaxe competitiva na investigación mariña e de ciencias da saúde“.

O conselleiro de Facenda da Xunta de Galicia, Valeriano Martínez, indicou:“Con este acordo, o Goberno de Galicia aposta por reforzar a capacidade de innovación da nosa Comunidade Autónoma e a nosa política de acción climática mediante o cofinanciamento das actividades de investigación, desenvolvemento e innovación realizadas polas Universidades de Santiago de Compostela e de Vigo durante o período 2020-2023. Esta operación demostra o compromiso da Xunta de Galicia coa innovación e a investigación como factores clave no crecemento económico e a creación de emprego cualificado”.

Galicia cumpre 10 anos de estancamento no gasto en I+D

Esta é a segunda operación do BEI coa Xunta destinada a financiar I+D+i en Universidades Públicas de Galicia. A primeira, asinada no ano 2013 por un importe de 70 millóns de euros, permitiu estimular a produción de patentes e a creación de emprego na Universidade de Santiago de Compostela.

O Banco Europeo de Investimentos (BEI) é a institución de financiamento a longo prazo da Unión Europea cuxos accionistas son os seus Estados membros. O BEI facilita financiamento a longo prazo a proxectos de investimento viables co fin de contribuír ao logro dos obxectivos da política dela UE. O BEI é un dos maiores provedores multilaterais de financiamento a escala mundial para loitar contra o cambio climático.

O obxectivo do Banco é liderar a mobilización do financiamento necesario para limitar o aumento da temperatura media do planeta a 1.5 ºC con respecto aos niveis preindustriais co fin de cumprir cos obxectivos do Acordo de París. O 14 de Novembro de 2019, o Consello de Administración do BEI aprobou os seus novos obxectivos climáticos e a nova política de préstamos enerxéticos: o Banco aumentará gradualmente o financiamento que destina a obxectivos climáticos e ambientais ata o 50% no ano 2025, co fin de que o Grupo BEI mobilice, na década crítica de 2021 a 2030, alomenos 1 billón de euros para favorecer investimentos que contribúan a lograr estes obxectivos. Así mesmo, anunciou o propósito de aliñar todas as actividades do Grupo BEI co Acordo de París. Para iso, o BEI deixará de financiar proxectos enerxéticos baseados en combustibles fósiles a partir de finais de 2021.

Produtos InnovFin

A Comisión Europea e o Grupo Banco Europeo de Investimentos (BEI e FEI), no marco de Horizonte 2020, o programa de investigación e de innovación da UE para o período 2014-2020, lanzaron unha nova xeración de instrumentos financeiros e de servizos de asesoramento en 2014 para axudar ás empresas innovadoras a acceder máis facilmente ao financiamento.

InnovFin ofrece unha gama de produtos a medida que achegará financiamento en apoio da investigación e a innovación (I+i) das pequenas, medianas e grandes empresas e os promotores de infraestruturas de investigación.

A iniciativa está apoiada por fondos asignados en virtude de Horizonte 2020 e polo Grupo BEI, e apoia actividades de I+i que son, pola súa propia natureza, máis arriscadas e máis difíciles de avaliar que os investimentos tradicionais, e que por tanto adoitan atopar dificultades para acceder ao financiamento. Todos os instrumentos desta iniciativa veñen motivados pola demanda existente, sen ningunha distribución previa das dotacións entre sectores, países ou rexións.

As empresas e outras entidades situadas nos Estados membros da UE e nos países asociados a Horizonte 2020 son elixibles para converterse en beneficiarios finais. InnovFin-Ciencia é o compartimento específico de InnovFin que ten como obxectivo apoiar os investimentos en I+D+i de institutos de investigación, universidades e organismos de investigación (públicos ou privados), incluído o financiamento de edificios e doutras infraestruturas relacionadas directamente con actividades de I+D+i. Este produto ofréceo directamente o BEI en forma de débeda ou de operacións de capital por importe a partir de 25 millóns de euros.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

Galicia notifica 10 mortes ao día por consumo de tabaco

A investigadora da USC Julia Rey Brandariz constata na súa tese que a comunidade galega é a duodécima que máis falecementos rexistra por esta substancia