Tras o rastro do lobo

Dous exemplares de lobo ibérico. Foto: Francisco Javier Lema.
Dous exemplares de lobo ibérico. Foto: Francisco Javier Lema.

A relación entre o home e o lobo en España foi sempre complicada. Unha das problemáticas máis estendida é o seguimento das mandas. Recentemente, os grupos ecoloxistas formulaban a necesidade de que se basee en criterios máis técnicos e obxectivos, ante a matanza de catro cachorros en Asturias. Científicos españois deseñaron un novo método para facer un seguimento máis preciso da poboación lobuna.

Publicidade

Investigadores da empresa A.RE.NA. Asesores en Recursos Naturais,S.L. (Lugo) e a Unidade Mixta de Investigación en Biodiversidade da Universidade de Oviedo desenvolveron unha ferramenta máis precisa para o seguimento das mandas de lobos, que permite estimar a probabilidade de reprodución destas poboacións mediante o uso da concentración de indicios. Este método xa se está a aplicar en Galicia e Asturias.

O novo sistema analiza a marcaxe dos lobos con ouriños, excrementos e rascaduras

“É unha nova ferramenta baseada na información do patrón de comportamento dos lobos, é dicir, da marcaxe que fan. Porque son animais territoriais, que deixan indicios por ouriños, excrementos e rascaduras para delimitar os seus dominios ou lugares de reunión. En época de cría observamos que ese comportamento de marcaxe se acentúa, polo menos con sinais visuais,” explica a Sinc Luis Llaneza, investigador de A.RE.NA. S.L. e coautor do estudo que publica a revista PLOS ONE.

O novidoso do método é que recompilaron os datos das devanditas marcaxes na Cordilleira Cantábrica nun total de 42 zonas con presenza regular, dende mediados dos anos 90 ata 2007, o que lles permitiu demostrar a existencia dunha relación significativa entre a concentración de indicios nun lugar e a probabilidade de cachorros nunha manda.

A nova ferramenta xa se emprega en Galicia e utiliza medios estatísticos

“O seguimento tradicional das poboacións de lobo en España consistiu en buscar indicios da especie e confirmar a reprodución das manada por medio de estacións de escoita e puntos de observación. Non obstante, nunha porcentaxe moi grande aos lobos nin os ves, nin os escoitas e os indicios non nos din directamente onde están. Como temos que confirmar a presenza, analizamos as gravacións de coros de ouveos e intentamos localizar os cachorros no monte. Coa nova ferramenta podemos determinar esa presenza se estes outros métodos non funcionan”, engade o experto.

A serie histórica que reuniron sinala os anos nos que se localizaron cachorros e os que non. Posteriormente realizaron un procedemento estatístico para establecer a relación entre esta presenza e a abundancia de indicios.

“Este estudo o que demostra -engade Llaneza é que existe unha relación robusta entre o número de indicios e a probabilidade de que haxa unha manda. Traballamos con sistemas de probabilidade, unha ferramenta moi cómoda e sinxela, que diminúe notablemente a incerteza de ver indicios e non obter resposta dos lobos ao ir ao monte,”.

Mandas reprodutoras

Estimar o número de lobos é unha tarefa difícil. Os lobos non se censan segundo o número de individuos, senón mediante a localización de mandas reprodutoras. Para iso, os científicos coñecen os tamaños medios dos grupos de lobos e das camadas, e este procedemento é o que se segue en toda Europa.

Na actualidade, a nova ferramenta estatística xa se está a utilizar no norte de España. “Pódese aplicar en calquera zona. En decembro finaliza o traballo que estamos a facer en todo o Estado sobre o seguimento da poboación do lobo, encargado polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medioambiente“, apunta Llaneza.

Ademais desta aplicación para o seguimento de mandas de lobos, tamén existen outras metodoloxías que empregan técnicas moleculares de análise de ADN aplicadas aos excrementos e que usan técnicas de captura-recaptura, así como cámaras automáticas de fotografía.

“De momento é moi custosa e aplicar este sistema a áreas moi grandes, hoxe por hoxe, é pouco viable economicamente. O desenvolvemento deste procedemento en combinación con estacións de espera e escoita e fototrampeo é a liña a seguir, xunto coas análises xenéticas en zonas concretas”, conclúe o investigador.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.