Unha estación espacial chinesa, a Tiangong-1, está completando os seus últimos días de órbita arredor da Terra. Foi lanzada en 2011 e prestou servizo ata decembro de 2015, manténdose a unha altura de entre 330 e 390 quilómetros, ata que China lanzou a súa ‘sucesora’, a Tiangong-2. Nun principio, a axencia espacial do país planeaba unha caída controlada da antiga estación sobre a Terra, orientando aos posibles restos cara algunha zona do Pacífico Sur, pero en marzo de 2016 perderon o control sobre ela.
Deste xeito, xa sen contacto coa Terra, foi descendendo pouco a pouco na súa órbita e empezou a rozar coas capas máis altas da atmosfera, o que acelerou a súa caída. Agora atópase a menos de 250 quilómetros de altura. E nos vindeiros días – espérase que entre o 29 de marzo e o 9 de abril – se desintegre na atmosfera. A medida que se acheguen estas datas, poderase determinar con maior exactitude o momento no que se producirá a entrada da estación.
Que pasaría entón? “A órbita da estación lévaa a pasar sobre a zona da Terra situada entre as latitudes 43º Norte e 43º Sur“, explica Óscar Blanco, da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío. Galicia, por tanto, entra “xustiña” neste rango. Aínda que hai un factor que incrementa aínda máis as posibilidades de que a nave entre na atmosfera sobre a nosa latitude: “A traxectoria da órbita fai que a estación pase máis tempo transitando sobre as latitudes extremas deste rango, nas que se sitúa Galicia”, sinala Blanco. Con todo, e en realidade, “aproximadamente a metade da superficie terrestre ten opcións de que caia sobre ela. Pode ser en Galicia, pero tamén pode ser Florida, Indonesia ou Hawaii, segundo expón o experto galego.
Moi poucas probabilidades
E con todo, o que chegará á superficie terrestre “non vai ser máis que po“, segundo sinala Óscar Blanco. “A entrada na atmosfera prodúcese nun ángulo moi oblicuo, e iso provoca un desgaste maior e durante máis tempo que nas reentradas controladas”. Así, a Axencia Espacial Europea, que está facendo un seguemento da traxectoria da Tiangong-1, sinala que “”as probabilidades de ser golpeado por un fragmento da Tiangong-1 (que mide algo máis de 10 metros e pesa 8 toneladas) son 10 millóns de veces menores que as de ser alcanzado por un raio”.
Pero aínda que esteamos a salvo da Tiangong-1 (que significa ‘Palacio Celestial’ en chinés), é máis probable que vexamos a súa estela brilar no ceo. Nos vindeiros días, segundo explica Óscar Blanco, produciranse varios pasos visibles da estación, do mesmo xeito que adoita acontecer coa Estación Espacial Internacional. E o día da reentrada, se hai sorte, podería ser posible ver a simple vista a súa desintegración na atmosfera, se coincide na nosa latitude.