Venres 29 Marzo 2024

Test de saliva: unha proba con limitacións e aínda en fase experimental

As análises anunciadas en Galicia estudarán grupos de mostras e centraranse nos cribados de persoal sociosanitario e empresas

O anuncio do presidente da Xunta de Galicia durante o discurso de investidura, no que avanzou a posta en marcha dun “novo sistema de tests masivos de Covid-19 a partir de mostras de saliva“, espertou un gran interese arredor desta técnica, que complementaría á toma de mostras mediante os exsudados nasofarínxeos cos que se recollen os fluídos para a proba PCR. Núñez Feijoo expuxo que o desenvolvemento destes sistemas levaría a “un salto cualitativo” na capacidade de recollida de mostras, e desde o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo xa se traballa para “consolidar” o procedemento. Con todo, sendo un método prometedor, este tipo de análises presenta algunhas limitacións, polo que non se equipara á técnica PCR, e está pendente da súa validación a través dalgunhas iniciativas experimentais que se están a desenvolver na actualidade.

Como se van tomar as mostras de saliva?

O presidente da Xunta avanzou que o obxectivo é que “cada persoa desde a súa casa” recolla a súa propia mostra, rexistrándoa nunha ‘app’, entregándoa nun punto de recollida para que a reciban os servizos de Microbioloxía, co obxectivo de “que sexa avaliada en robots con capacidade para analizar 100.000 probas ao mes”.

Publicidade

Probas de cribado

Con todo, a técnica de análise non será estritamente individual, como acontece coas PCR. O método que se seguirá é o do chamado pooling, que se desenvolveu de forma pioneira en España desde Vigo a partir do mes de maio. “Consiste en agrupar as mostras de diferentes persoas e procesalas xuntas, como se fosen as dun só individuo; se o resultado do procesamento da mostra resultante é negativo, pode inferirse que cada unha das mostras orixinais son tamén negativas, co que se aforraría o o tempo e capacidade que conlevaría o estudo individual de cada unha das mostras orixinais”, explicaba o catedrático e xefe do servizo de Microbioloxía do Chuvi, Benito Regueiro.

O Sergas impulsa un método para detectar “áreas libres” de SARS-CoV-2

Mais se pola contra, o resultado global é positivo, é preciso separar as mostras para volvelas a procesar, ou ben dividindo a mostra conxunta en fraccións máis pequenas ou analizando cada unha delas de xeito individual.

A novidade é, por tanto, o perfeccionamento do método para poder usar as mostras de saliva en vez das nasofarínxeas, un camiño que xa se exploraba desde maio. O obxectivo da técnica é garantir áreas libres de virus, sobre todo en centros sociosanitarios ou empresas cun importante número de traballadores. Así o aclarou o xerente da área sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña, nunha comparecencia este mércores. Nalgunhas rexións expúxose a posibilidade de estender esta técnica de pooling a centros educativos.

Investigacións en España

Outros servizos de Microbioloxía no territorio estatal xa están explorando, do mesmo xeito, a posibilidade de implantar estes métodos a través da saliva de forma rápida. É o caso do Servizo de Microbioloxía do Hospital Clínic de Barcelona, que dirixe Jordi Vila, presidente da Sociedad Española de Enfermedades Infecciosas y Microbiología Clínica (SEIMC). A súa proposta pode consultarse en preprint (PDF) e está pendente de publicación.

Outro grupo do CSIC, dirixido pola científica Luisa Botella, traballa no desenvolvemento dun sensor portátil de grafeno para detectar os anticorpos que reaccionan ante a presenza do SARS-CoV-2.

En Castilla y León, a consejera de Salud, Verónica Casado, avanzou que o seu departamento está estudando a implantación da técnica anunciada en Galicia, que resultaría nun “gran avance”, mais aclarou que está “en fase experimental”.

Limitacións

En declaracións a SINC, Jordi Vila explica que as probas PCR mediante saliva serían complementarias aos métodos xa usados. “Ante un caso de sospeita clara ou no hospital precisamos un diagnóstico o máis fiable posible, polo que se seguiría usando a PCR en frotis nasofarínxeo”. Se a proba é positiva e a mostra é individual, non se precisaría confirmación, e a rapidez axudaría a anticiparse no rastrexo de contactos e o illamento. Porén, no caso de analizala na técnica de pooling que menciona a Xunta, sería preciso detectar cal das mostras do grupo é a que ofrece un positivo para identificala.

Mais no caso de ser negativa, insiste Vila en que cabe a posibilidade dun falso negativo ata no 30% dos infectados, xa que, por agora, a técnica é menos precisa neste caso que a PCR habitual. Estes problemas poderían darse sobre todo nos primeiros días da infección, cando non hai suficientes copias do virus para detectalas na mostra de saliva.

Métodos aprobado nos Estados Unidos

Segundo recollía a Agencia SINC hai uns días, a axencia reguladora de medicamentos dos Estados Unidos, a FDA, aprobou por vía urxente un novo test baseado en saliva, desenvolvido pola Universidade de Yale coa colaboración da NBA. O método, co nome de SalivaDirect, ten a vantaxe de axilizar a toma e procesamento de mostras, non requirir de persoal especializado na recollida, ou reducir a necesidade dos reactivos precisos para a proba PCR, un dos funiles que limitou a realización de probas nos momentos máis críticos da pandemia. A Universidade de Yale ofreceu o protocolo en aberto, aínda que piden una comunicación cos laboratorios que o soliciten para outorgar unha certificación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sanidade ordena a retirada dun coñecido fármaco para a diabetes

A AEMPS comunicou que os motivos se relacionan por un defecto de calidade que “non supón un risco vital para o paciente"

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T

Funcionan os novos fármacos para deixar de fumar? “Se non cambias a conduta, a posibilidade de recaída é alta”

Mónica Pérez Ríos, investigadora da USC, explica que estes medicamentos teñen unha pauta de consumo de 25 días

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes