Unha tese apela a vixiar o impacto da resistencia bacteriana na carne avícola

A investigadora da USC Dafne Díaz analizou a cadea da "granxa á mesa" a través de carne de ave adquirida en establecementos de venda

A investigadora da USC Dafne Díaz coas profesoras que integraron o tribunal que avaliou a súa tese de doutoramento.
A investigadora da USC Dafne Díaz coas profesoras que integraron o tribunal que avaliou a súa tese de doutoramento.

Todo comeza na granxa. Todo remata na mesa. E todo se artella arredor dunha sistema produtivo; o mesmo que analizou a investigadora da USC Dafne Díaz na súa tese de doutoramento. Un traballo no que conclúe que a redución da presión antibiótica na produción avícola é unha das prioridades en saúde pública, así como a vixilancia da evolución bacteriana. A súa tese, que naceu froito dunha recompilación de varios artigos científicos, foi dirixida pola profesora Azucena Mora e finanaciada a través de dous proxectos nacionais da Axencia Estatal de Investigación.

Dafne Díaz, na súa análise, sitúa a resistencia aos antibióticos e a seguridade alimentaria como riscos prioritarios para a sociedade. Partindo desa base, a investigadora luguesa afondou na cadea granxa-mesa, adquirindo carne de ave —tanto de polo como de pavo— en establecementos de venda. É dicir, Díaz partiu do punto final de dita cadea para analizar todo o sistema produtivo deste tipo de industria avícola.

Aspectos innovadores

Entre os aspectos innovadores da súa investigación cabe salientar dous. Por unha banda, os resultados obtidos por Díaz confirman o importante cometido que cumpren os alimentos como potenciais transmisores dos Escherichia coli patóxenos extraintestinais. Algo que a diferenza do resto de procedementos tradicionais, que só recoñecían e vixiaban como patóxenos de transmisión alimentaria o grupo dos E. coli diarreaxénicos.

Outro dos elementos diferenciadores do seu estudo ten que ver coa metodoloxía. A investigadora deseñou un fluxo de traballo en laboratorio para avaliar integralmente o risco microbiolóxico da carne. Nel inclúese unha técnica de PCR específica para poder detectar os E. coli patóxenos extraintestinais.

Os procedementos tradicionais só recoñecían como patóxenos de transmisión alimentaria os E. Coli diarreaxénicos

Así é que segundo os datos que aparecen recompilados na tese de doutoramento, a microbiota da carne de ave de curral é unha fonte de enterobacterias xeneticamente diversas que, ademais, son resistentes a antimicrobianos relevantes para a terapia clínica humana. Así mesmo, tamén se inclúe no traballo que poden ser potencialmente patóxenos para os humanos.

Doutra banda, os resultados compilados nesta tese de doutoramento determinan que a microbiota da carne de ave de curral é unha fonte de enterobacterias xeneticamente diversas, resistentes a antimicrobianos relevantes para a terapia clínica humana (categorías A e B da EMA) e potencialmente patóxenas para os humanos. Neste grupo están incluídos patotipos híbridos de E. coli e grupos clonais de Klebsiella pneumoniae de interese clínico.

Neste senso, o estudo desenvolvido por Dafne Díaz considera que sería moi recomendable a aplicación dun monitoreo sistemático daquelas bacterias resistentes, ademais dos E. coli patóxenos extraintestinais, dos alimentos que xa están nos puntos de venda directa aos consumidores. Segundo expón a propia investigadora, esta medida serviría para facer un seguimento da cadea granxa-mesa, ao abeiro do enfoque One Health, no que se defende que a saúde das persoas e dos animais, así como a do medio ambiente, están fortemente relacionadas.

A catedrática de Sanidade Animal da Universidade de Murcia María Rosa Caro Vergara presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Dafne Díaz Jiménez na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo. Ana María Carvajal, catedrática de Sanidade Animal da Universidade de León, e a profesora do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC Ana María Otero Casal completaron un xurado que outorgou a esta investigación a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.