Fronteira entre Galicia e o territorio portugués na Portela do Homem, na serra do Xurés. Foto: R. Pan.
Fronteira entre Galicia e o territorio portugués na Portela do Homem, na serra do Xurés. Foto: R. Pan.

Unha tese constata a “deficitaria” presenza do portugués no ensino en Galicia

A investigación de Xurxo Fernández Carballido apunta que a aprendizaxe desta lingua "debería ser unha prioridade colectiva en Galicia"

“O ensino da lingua portuguesa debería ser unha prioridade colectiva en Galicia, por razóns económicas, políticas, culturais e tamén para mellorar o prestixio social do galego”. É unha das conclusións da tese de doutoramento presentada por Xurxo Fernández Carballido, profesor de portugués e galego para non galegofalantes no Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC.

A situación do idioma do país veciño é, segundo este traballo, “deficitaria” no sistema educativo galego. A carencia é notoria, segundo Fernández Carballido, en ESO, Bacharelato, FP e Primaria, cunha escasa presenza como primeira lingua ou segunda lingua estranxeira e, moitas veces, sen continuidade de curso en curso, ou de nivel en nivel.

O panorama é, con todo, distinto segundo o ámbito académico. Deste xeito, a lingua portuguesa está presente nas tres universidades galegas, normalmente nas carreiras ou materias relacionadas coa filoloxía, lingüística, literatura e a tradución, aínda que tamén ten presenza nos centros de linguas modernas.

Acto de defensa da tese. Foto: USC.
Acto de defensa da tese. Foto: USC.

Ademais, o portugués está presente en case todas as escolas de idiomas galegas, aínda que non en todas as delegacións. Destácanse, casos concretos, como o de Verín, que forma parte dunha eurocidade con Chaves, pero que non conta co portugués na súa oferta da escola de idiomas.

Sobre o número de estudantes, rexístrase no período analizado unha certa estabilidade, malia que é na ESO, Bacharelato, FP e Primaria onde se rexistran máis eivas na oferta e na procura da lingua portuguesa. No estudo, tamén se rexistraron certas resistencias ou reticencias institucionais e administrativas para promover o portugués, comparado co esforzo que foi realizado neste senso en Extremadura, continúa o profesor do CLM. Tampouco os programas establecidos polo Estado portugués, por insuficientes, teñen axudado a ampliar a presenza deste idioma, sinala.

Metodoloxía

A tese de doutoramento de Fernández Carballido analiza a situación glotopolítica galega en relación co ensino do portugués; a presenza do portugués no sistema educativo galego; a formación dos docentes de portugués como lingua estranxeira; os materiais empregados para o ensino da lingua portuguesa en Galicia; e a presentación do proceso de ensino, aprendizaxe e avaliación do portugués en Galicia.

Fernández Carballido analizou un amplo repertorio bibliográfico, obras de carácter teórico, mais tamén os principais manuais de lingua portuguesa empregados polos docentes para o ensino desta lingua nas aulas galegas, así como testemuños dos propios docentes de portugués. Asemade, nesta tese de doutoramento son recollidos numerosos datos estatísticos sobre o número de estudantes que aprenden portugués nas escolas, nos institutos, nas escolas oficiais de idiomas, nos centros de linguas modernas e nas universidades galegas.

O tribunal encargado de avaliar esta tese de doutoramento, dirixida polos profesores Ignacio Miguel Palacios Martínez e José António Souto Cabo, estivo composto polo catedrático da USC, José Luís Rodríguez; o profesor da Universidade do Minho, Álvaro Iriarte Sanromán; e a profesora do Instituto Politécnico de Castelo Branco, Maria Margarida Afonso de Passos Morgado. O tribunal acordou por unanimidade conceder a esta tese de doutoramento a cualificación de sobresaliente cum laude.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.