Xoves 25 Abril 2024

Unha tese destaca a influencia dos compostos bioactivos no sistema inmune

A científica da UVigo Noelia Cambeiro abordou o efecto inmunomodulador de substancias extraídas de plantas e bacterias

Os compostos bioactivos de orixe natural, extraídos principalmente de plantas e bacterias, suscitan un grande interese entre outros motivos polo seu impacto no sistema inmunitario das persoas. Na súa tese de doutoramento, a investigadora da Universidade de Vigo Noelia Cambeiro abordou o efecto de varios deses compostos sobre este sistema.

A tese, titulada Efecto dos compostos bioactivos sobre o sistema inmune. Unha aproximación metabolómica multiplataforma foi realizada no Departamento de Química Analítica e Alimentaria, concretamente no grupo de investigación Food and Health Omics da Facultade de Ciencias do campus de Ourense coa codirección da profesora Elena Martínez Carballo.

Publicidade

Licenciada en Bioloxía con especialidade en bioloxía molecular e Máster en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria, a xa doutora pola UVigo sinala que os compostos bioactivos de orixe natural son ubicuos e “defínense como bioactivos principalmente en función das súas actividades biolóxicas, onde destaca o seu papel na modulación do sistema inmune”.

Segundo explica a autora da tese, diversas enfermidades humanas de orixe non infecciosa “están asociadas cunha alteración na microbiota intestinal (disbiose) e unha resposta inmune desbalanceada como a enfermidade inflamatoria intestinal ou o cancro colorrectal”.

Igualmente, apunta, é coñecido que a microbiota intestinal “pode ser modulada positivamente mediante a administración de bacterias ou substratos bacterianos (probióticos) que, á súa vez, poden modificar o estado inmune do hospedador”. Neste senso apunta que dentro das moléculas efectoras presentes na microbiota que confiren efectos beneficiosos para a saúde humana destacan as moléculas de natureza proteica.

Por outra banda, comenta a investigadora do campus de Ourense, un grupo importante de fitoquímicos que demostraron capacidade para modular a resposta do sistema inmune son os compostos fenólicos e, en especial, as dihidrochalconas, predominantes en mazás, “que demostraron efectos antioxidantes, anticanceríxenos e anti-inflamatorios”.

A este respecto, Noelia Cambeiro explica que dada a significativa diversidade estrutural dos compostos fenólicos sábese que a presenza de residuos de azucre, o tipo, a posición e o grao de glicosilación determinan as súas propiedades inmunomoduladoras. “É por iso que a identificación dos mecanismos estruturais e moleculares subxacentes aos efectos beneficiosos promovidos por diferentes compostos bioactivos sobre a saúde humana constitúe un campo de investigación clave. Por esta razón é de vital importancia o desenvolvemento e a posta en valor de estratexias de análise masiva ou ómicas como son os enfoques de metabolómica non dirixida”, afirma.

Gráfica utilizada na tese de doutoramento. Fonte: Duvi.
Gráfica utilizada na tese de doutoramento. Fonte: Duvi.

Neste contexto, a tese de Noelia Cambeiro tivo como obxectivo a interpretación do efecto in vitro dos compostos bioactivos sobre o sistema inmune, centrándose no estudo do metabolismo celular mediante a aplicación de técnicas de metabolómica non dirixida multiplataforma. Concretamente avaliou, por unha banda, o efecto inmunomodulador dun péptido encriptado nunha glicosidasa extracelular de Bifidobacterium longum NCIMB 8809, denominado HM14.

Doutra banda, avaliou o efecto inmunomodulador dunha variedade local de mazás e os seus constituíntes (folla, pel e polpa) desde un enfoque estrutura-actividade. Os estudos realizados, comenta a súa responsable, “poderían ser de aplicación na industria biotecnolóxica para o desenvolvemento de novos ingredientes funcionais que permitan a prevención de trastornos gastrointestinais de natureza autoinmune e inflamatoria, así como reducir os efectos adversos desas enfermidades”.

Na primeira parte do estudo, sobre péptidos bioactivos de orixe bacteriana, demostrou que o péptido inmunomodulador HM14 interacciona de forma específica coas células presentadoras de antíxenos ademais de diminuír parámetros prol-inflamatorios en células mononucleares de sangue periférico (PBMCs). As análises de metabolómica confirmaron a capacidade de HM14 para modular a actividade metabólica das PBMCs para cumprir co incremento da demanda de enerxía e actividade biosintética. “Apóiase desta forma a visión do metaproteoma do intestino humano como fonte de péptidos inmunomoduladores”, sinala Noelia Cambeiro.

Efecto inmunomodulador dunha variedade de mazás

Na segunda parte do estudo, que avaliou o efecto inmunomodulador dunha variedade local de mazás, demostrouse que “células co-estimuladas con extractos de mazá e un axente prol-inflamatorio (LPS) presentaban unha resposta metabólica similar á resposta metabólica observada nun estado non inflamado, o que podería suxerir a capacidade destes extractos para contrarrestar os mecanismos prol-inflamatorios desencadeados polo LPS”.

Observouse tamén, tal e como recolle a tese, “que a presenza do residuo de glicosa nas dihidrochalconas inflúe no metabolismo celular, sendo o composto non glicosilado, floretín, o que mostrou maior capacidade inmunomoduladora”. Igualmente corroborouse no estudo que a actividade inmunomoduladora de mesturas de compostos fenólicos non se poden predicir a partir da actividade observada nos compostos puros. “En xeral, o uso sostible da mazá e os seus subprodutos, xa sexa para o illamento de compostos bioactivos ou para a preparación de extractos terapeuticamente útiles, podería ser un recurso valioso para aplicacións farmacéuticas e/ou alimentarias para o manexo de trastornos inflamatorios”, comenta a autora do traballo.

A tese desenvolveuse no marco de dous proxectos de investigación financiados en convocatorias públicas titulados Obtención de péptidos bioactivos contra a enfermidade inflamatoria intestinal e o cancro colo-rectal a partir de secuencias xenéticas de xenomas e microbiomas alimentarios e intestinais (financiado pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia) e liderado por Elena Martínez (Universidade de Vigo), así como da Rede cooperativa de investigación no ámbito de polifenois e as súas aplicacións industriais Iberphenol (financiado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Feder, no programa Interreg España-Portugal e liderado pola Universidad de Salamanca).


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite

Daniel Rey, director do CIM: “Queremos atraer as mellores científicas e científicos do mundo”

O centro vigués sitúase entre os mellores centros de investigación oceanográfica internacional

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

O festival CinVigo volve esta fin de semana á Porta do Sol con ciencia e diversión

A programación do CINBIO inclúe unha feira científica, obradoiros infantís, unha xincana, maxia e espectáculos