Martes 19 Marzo 2024

Un terzo dos mozos de entre 20 e 30 anos nunca fala galego

O Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega avanzou este xoves nun seminario celebrado en Barcelona os resultados dun novo estudo sobre a situación do idioma entre a mocidade, realizado co apoio da Deputación de Pontevedra. O traballo aborda o uso e a percepción do galego na Xeración Z (os mozos e mozas nacidos entre 1990 e 1999). E os resultados amosan unha “dobre realidade”, segundo sinala Xaquín Loredo, membro do Seminario.

Por unha banda, o galego perde presenza como referente lingüístico familiar nesta xeración. Así, vese que “a familia como medio de reprodución do galego está perdendo presenza. Agora mesmo na Xeración Z arredor dun 35% dos mozos e mozas xa non ten ningún tipo de referente familiar”, sinala Loredo.

Publicidade

*Xeración do milenio: datos recollidos en 2003 das persoas nadas entre 1979 e 1989 **Xeración Z: datos recollidos en 2013 das persoas nadas entre 1990 e 1999. Grupo de idade entre 15 e 24 anos.
*Xeración do milenio: datos recollidos en 2003 das persoas nadas entre 1979 e 1989.
**Xeración Z: datos recollidos en 2013 das persoas nadas entre 1990 e 1999. Grupo de idade entre 15 e 24 anos.

Alén disto, hai unha tendencia continuada cara ao monolingüismo en castelán. Mentres que na xeración nada entre 1979 e 1989, o 44,2% se expresaba oralmente só en galego ou ou máis en galego ca en castelán, esta porcentaxe descende na xeración Z ao 33,6%; e ao mesmo tempo, o monolingüismo en castelán aparece no 33,8% dos mozos que hoxe teñen entre 20 e 30 anos, e é a opción máis frecuente nestas idades.

Esta situación relaciónase co aumento de influencia das áreas urbanas periurbanas, sobre todo Vigo e A Coruña, onde a mocidade ten “menos espazo para desenvolver o seu tempo de ocio en galego”, sostén o representante da RAG. Isto, engade, “está comezando a ter un impacto relativo na súa sensación de autoeficacia á hora de expresarse oralmente en galego”.

Menos prexuízos

Noutra vertente, algo máis positivas son as conclusións sobre as percepcións sobre a lingua. Aínda que persisten os prexuízos – sobre todo contra os trazos e fonéticos e prosódicos do galego – comézase a asociar a lingua a valoracións máis positivas, relacionadas coa dimensión competencia-estatus social.

Porén, estas valoracións positivas están asociadas ao uso do galego cunha fonética e prosodia castelás. E as percepcións máis negativas, sinalan desde a RAG, están vinculadas á expresión en castelán con fonética galega.

Ademais do estudo destas cifras, a Academia realizou unha análise para coñecer como mudaron as percepcións sociais arredor dos falantes da Xeración Z, repetindo os estudos que se fixeran cos nacidos entre 1979 e 1989. O obxectivo era “explorar as diferenzas entre as valoracións de tipo actitudinal que, de modo indirecto, se realizan sobre unha rapaza e un rapaz que se expresan publicamente nas modalidades lingüísticas máis comúns de Galicia (galego innovador, galego tradicional, castelán con acento galego e castelán sen acento), en virtude de cal poida ser o seu hábitat de residencia, lingua inicial, sexo e lingua habitual”.

Os resultados presentaranse no marco do proxecto O galego da mocidade. Quince anos despois, que conta co apoio da Deputación de Pontevedra. “O proceso de substitución lingüística do galego polo castelán vén desenvolvéndose desde hai tempo, pero os marcos sociolingüísticos cambiaron e, polo tanto, tamén as variables subxacentes a este fenómeno, polo que as vías de intervención tampouco poden ser as mesmas”, expuxo Xaquín Loredo durante a súa participación nas IV Jornades La recerca sociolingüística en l’àmbit de la llengua catalana, do Institut d’Estudis Catalans.

1 comentario

  1. Que é falar castelán “sen acento”? Sen acento galego? Hai xente en Galicia que fale co acento que os medios de comunicación elexiron a dedo para considerar que “non hai acento”? Iso segue a ser un acento. Pero quitando iso, en Galicia estamos os que falamos con acento galego, e logo os que pensan que non teñen acento, que soe ser xente de lugares como Vigo onde teñen un acento menos galego, pero que segue a ser galego. Moitos vigueses, pensan que non teñen acento galego, pero traballo con xente de fora de Galicia, e noto ben quen é de Vigo e quen non é galego só co acento, xa non digamos os de Santiago ou Coruña, aos que se lles nota máis.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:03:49

F de Fala: as palabras que nos sosteñen

'Veiga', 'laverca' e 'Rábade' son palabras que herdamos de linguas perromanas, xermanas e árabes e que hoxe forman parte do léxico galego

Unha campaña de doazón de voz recollerá as variedades fonéticas e dialectais de Galicia

O obxectivo é acadar as máis de 1.000 horas de gravación precisas para que dispositivos como Siri, Alexa ou Google recoñezan as distintas cadencias lingüísticas

As 10 palabras do Nadal en galego que debes saber

Existen moitas expresións para referirnos aos enfeites, as tradicións ou o tempo. Descúbreas e engádeas ao teu vocabulario

Máis xornalismo e máis divulgación

Editorial de Gciencia polo seu décimo aniversario