Daniel Sobrido e Antón Barreiro, dous dos autores do estudo sobre o efecto da taurina.
Daniel Sobrido e Antón Barreiro, dous dos autores do estudo sobre o efecto da taurina.

Un equipo galego demostra que a taurina axuda a rexenerar a medula nas lampreas

O científico Antón Barreiro dirixe un traballo que demostra por primeira vez a capacidade deste aminoácido para tratar estas lesións

Moita xente coñece a taurina porque está presente na información nutricional das bebidas enerxéticas, pero esta substancia é moito máis ca iso. Ten un papel esencial na formación da bile, no funcionamento cardiovascular e o sistema nervioso, e algúns estudos previos subliñaron que ten un notable papel neuroprotector. Pero un equipo de científicos galegos acaban de demostrar, por primeira vez, unha propiedade que marca un novo camiño no estudo da rexeneración medular despois dunha lesión: utilizando como modelo exemplares de lamprea, os peixes que eran tratados con taurina recuperábanse mellor das súas lesións.

O traballo publícao o Journal of Neurotrauma, e está dirixido por Antón Barreiro, investigador do departamento de Bioloxía Funcional da Universidade de Santiago de Compostela, e tamén asinado por Daniel Sobrido, María Celina Rodicio e Blanca Fernández, do mesmo grupo, e Anunciación Lafuente e Natividad Pereiro, do Laboratorio de Toxicoloxía da Universidade de Vigo, no Campus de Ourense. Este novo artigo enmárcase dentro da prometedora liña de traballo que desenvolve desde hai anos Barreiro, usando como modelos animais peixes cebra ou as propias lampreas, especies cunha notable capacidade para recuperar a mobilidade total despois dunha lesión medular completa.

“Provocámoslle unha lesión medular completa ás lampreas, seccionándolle a medula, e miramos para ver o que pasaba”, explica Antón Barreiro. Foron tomando mostraxes das variacións na presenza de diversas substancias, e atoparon que algo acontecía coa taurina: “Catro semanas despois da lesión vimos que os niveis da taurina aumentaban de forma significativa, polo que tiñamos unha correlación de que podería ser positiva para que os axóns das neuronas reconectaran coa parte inferior da lesión”.

A porcentaxe de neuronas que se rexeneran coa taurina tras a lesión chegou ao 80%

Os investigadores decidiron, entón, abordar a posibilidade de tratar ás lampreas con taurina para determinar o efecto da substancia na rexeneración. “Aplicouse un tratamento no lugar da lesión para estudar este efecto”, conta Barreiro. E os resultados confirmárono: mentres que nas lampreas que non recibiron o tratamento a cantidade de neuronas rexeneradas era dun 50%, a porcentaxe no caso das que si eran tratadas chegou a acadar o 80%. O traballo subliña que o nivel de detalle chega a neuronas identificables individualmente, e nun modelo de lesión medular completa, o que permite estudar a rexeneración axonal.

Estes resultados abren, por tanto, novas vías de traballo para achegarse ao que arelan tantos científicos e persoas afectadas por lesións medulares: poder rexenerar a medula espiñal en humanos despois dunha lesión. Por agora, iso queda lonxe, pero o que atoparon estes científicos axuda a camiñar nesa dirección. “Por agora podemos intentar estudalo en modelos de mamíferos, como os ratos, para ver o que pasa. E por outra banda, temos que afondar tamén en atopar os mecanismos moleculares e os receptores que explican este efecto rexenerador da taurina”, apunta Barreiro.

Nos últimos anos, o laboratorio do departamento de Bioloxía Funcional da USC, con Barreiro á cabeza, ten avanzado en diversos camiños arredor da rexeneración medular. Entre outros traballos, os científicos están a afondar no uso potencial dun fármaco chamado baclofen, a partir de estudos preliminares “que parecen indicar que a administración do fármaco favorece a recuperación neurolóxica tanto en roedores como en humanos”.


Referencia: Taurine Promotes Axonal Regeneration after a Complete Spinal Cord Injury in Lampreys (Publicado en Journal of Neurotrauma).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.