Xoves 25 Abril 2024

Científicos españois atopan unha “súper-terra” xeada a seis anos luz

Un grupo internacional de investigadores, liderados por científicos do Instituto de Estudos Espaciais de Cataluña (IEEC), e no que tamén participaron investigadores do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC) e o Centro de Astrobiología (CSIC-INTA), detectou grandes evidencias da existencia do que é o segundo exoplaneta coñecido máis próximo á Terra, situado a seis anos luz.

O astro foi localizado na órbita da estrela Barnard e ten alomenos, 3,2 veces a masa da Terra. O artigo que expón o achado, publicado en Nature, di tamén que a súa temperatura é extremadamente baixa e está débilmente iluminado polo sol.

Publicidade

Ignasi Ribas, líder do estudo, explicou á Axencia Sinc que “o exoplaneta está a unha distancia tal da súa estrela que recibe só o 2% da enerxía que chega á Terra desde o Sol e, por tanto, supoñemos que ten unha temperatura de equilibrio de 170ºC baixo cero.

Sen vida?

Sobre as posibles condicións para a vida, Ribas sinala que ao ter unha temperatura tan baixa, está fóra da zona de habitabilidade. Engade que, “con todo, hai lugares no sistema solar que están tamén lonxe desta zona e que se consideran interesantes en canto á posibilidade de vida, como por exemplo as lúas xeadas de Xúpiter“.

Noutro senso, os científicos sinalan que o planeta estaría nunha localización intermedia con respecto á súa estrela, polo que podería ser de tipo rochoso ou un planeta menos denso de tipo, Neptuno.

O achado deste equipo forma parte do resultado dos proxectos Red Dots e CARMENES, co que xa se localizou no ano 2016 o exoplaneta máis próximo á Terra, orbitando a Proxima Centauri a 4,2 anos luz de distancia.

O achado forma parte do proxecto que en 2016 localizou o exoplaneta máis próximo á Terra

“A pesar de que coñecemos case 4.000 exoplanetas, este é importante porque é da nosa veciñanza máis inmediata”, subliña Ignasi Ribas. A estrela Barnard, unha anana vermella de baixa masa, é a estrela única máis próxima ao Sol e o segundo sistema estelar máis próximo ao Sol, só despois do sistema triplo de Alfa Centauri.

Para obter os resultados os investigadores utilizaron as observacións de telescopios de todo o mundo, con medidas procedentes de sete espectrógrafos distintos obtidas ao longo de 20 anos, un conxunto de datos tan complexo que obrigou a empregar métodos e ferramentas novas.

As medicións combinadas mostran que este planeta tarda 233 días en dar unha volta ao redor da súa estrela. O sinal implica que a estrela se achega e se afasta de nós aproximadamente á velocidade á que camiña unha persoa (1,2 m/s) e explícase como resultado dun planeta que orbita.

Usáronse métodos e ferramentas novas, coas que os científicos están “convencidos ao 99%”

Os autores empregaron a técnica de procura de exoplanetas mediante a velocidade radial ou espectroscopía Doppler, que nunca antes se usara para detectar un exoplaneta tipo Súper-Terra nunha órbita tan grande como a analizada ao redor desta estrela. “O sinal do planeta era moi débil e por tanto tivemos que ter especial coidado dos posibles erros sistemáticos”, precisa Ribas. “Tras unha coidadosa análise, estamos convencidos ao 99% de que o planeta está alí”.

“Este achado é o resultado dunha gran colaboración organizada no contexto do proxecto Red Dots, polo que conta con contribucións de equipos de todo o mundo, incluídos astrónomos semiprofesionales coordinados por AAVSO (American Association of Variable Star Observers)”, declara Guillem Anglada-Escude, da Universidade Queen Mary de Londres, e codirector deste traballo.

Futuras liñas de investigación

Este descubrimento axuda a entender mellor como se forman os sistemas planetarios e, en consecuencia, a poñer o sistema solar no contexto máis xeral. “O planeta da estrela de Barnard é unha peza máis no quebracabezas que representa a formación de sistemas planetarios e axúdanos a caracterizar os modelos teóricos existentes”, asegura o investigador.

Segundo os astrónomos, este estudo abre a porta a novas liñas de investigación. Cando acumulasen miles das medidas de velocidade radial, a súa análise permitirá estudar a existencia doutros planetas ao redor da estrela de Barnard, en particular, planetas masivos en órbitas moi afastadas e planetas máis pequenos como a Terra en órbitas dentro da zona habitable.

Ademais, a existencia dun planeta arredor dunha estrela máis próxima será unha boa oportunidade para que os astrónomos poidan chegar a tomar imaxes directas e estudalo mellor. As futuras melloras nas tecnoloxías de observación facilitarán esta tarefa.

Referencias:

Ribas et al. “A candidate super-Earth planet orbiting near the snow line of Barnard’s star”, Nature, 14 de novembro de 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

LIA (2), pioneiros galegos no desenvolvemento da intelixencia artificial na astronomía

O grupo da UDC recibiu o Premio Spin-Off PuntoGal na edición 2023 pola súa traxectoria de éxito

Un novo exoplaneta desafía as teorías clásicas de formación planetaria

Un equipo de astronónomos descobre LHS 3154b, cunha masa similar a Neptuno, orbitando preto dunha estrela anana de moi baixa masa

Descubertos seis exoplanetas que ‘bailan’ de forma sincronizada arredor da súa estrela

Os planetas posúen unha configuración que apenas cambiou desde hai máis de mil millóns de anos

Begoña Vila: “Atoparemos probabilidades de vida noutro planeta”

Co gallo do décimo aniversario de Gciencia, a astrofísica da NASA analiza a divulgación dos achados cósmicos e a busca de vida intelixente