Venres 19 Abril 2024

Homeopatía: estafa legal

A homeopatía non é descoñecida para os españois, 15 millóns téñena probado nalgún momento, e a proporción é aínda maior noutros países. Pero, por que está agora de actualidade?

boiron_hiDende o ano 1994, estes produtos pódense dispensar en farmacias ao amparo do Real Decreto 2208/1994 que regulaba a dispensación destes produtos nunha disposición transitoria. O Real Decreto 1345/2007 sobre o procedemento de autorización, rexistro e dispensación de medicamentos deixou sen regular ditos produtos homeopáticos. No ano 2011, o propio Ministerio de Sanidade encargou un informe sobre varias medicinas alternativas que concluía que a homeopatía era inocua pero ineficaz, e que certas melloras só podían deberse ao efecto placebo. A pesar diso, o Goberno está desenvolvendo un novo decreto para incorporar ditos produtos homeopáticos ao rexistro de medicamentos. Vanse regular 19.000 produtos homeopáticos e o Estado espera recadar 32 millóns de euros con esta medida. Como é lóxico, medran os debates entre os defensores e os detractores deste tipo de remedios.

Publicidade

Os medicamentos, para a súa comercialización, precisan estar apoiados por estudos científicos que demostren a súa eficacia. Non se pode vender un medicamento para a “cicatrizacións das feridas” que non teña demostrado cientificamente ese efecto, ademais por suposto de demostrar que non sexa daniño ou prexudicial. Sen embargo, no borrador da orde que está preparando o Goberno, aos remedios homeopáticos só se lles vai esixir que demostren a súa “inocuidade ou ausencia de toxicidade”.

A homeopatía popularizouse no século XIX, fundamentalmente cos escritos de Hahnemann (1755-1843) que, baseándose nuns experimentos sobre si mesmo, inoculándose distintas doses de Quina, e observando a febre que lle producía, deduciu o seguinte:

  1. Toda substancia provoca no individuo san síntomas característicos de dita sustancia.
  2. Todo individuo enfermo presenta un conxunto de síntomas que caracterizan dita enfermidade.
  3. A curación pode obterse administrando unha pequena cantidade de substancia cuxos efectos sexan similares aos da enfermidade

As afirmacións 1 e 2 están claras, a última dedución, que se soe denominar “principio da similitude”, podería ser perfectamente unha hipótese, susceptíbel de ser contrastada cientificamente, cousa que Hahnemann non fixo. Un exemplo tomado dos seus propios escritos é o seguinte: o arsénico produce espasmos en animais, os enfermos de epilepsia teñen espasmos, polo tanto administrando arsénico a un epiléptico, en moi baixas concentracións, curaríanselle os espasmos. Conclusión esta que loxicamente non demostrou.

Outro principio homeopático denominado das “doses infinitesimais” di que calquera produto homeopático ten que prepararse a partir dunha disolución base, denominada “tintura madre”, e logo disolver unha gota desa tintura en 99 gotas de disolvente. É o que denominan “disolución 1CH (Centesimal Hahnemanniano). Despois repiten o proceso cunha gota desa disolución en 99 gotas de disolvente para obter unha disolución 2 CH e así ata 10 CH, 30 CH ou máis. Se un se para a facer os cálculos, resulta que a partir de 10-15 CH, se tomamos doses de 1 g de preparado, é máis que probable que nese gramo non exista nin sequera unha soa molécula da tintura orixinal. Entón, se temos só disolvente, que soe ser auga, ou azucre, como pode iso curar nada?

Aquí entra en xogo o segundo científico nos que se apoian os defensores desta medicina. En 1988 publicouse na prestixiosa revista Nature un artigo, asinado entre outros por Jacques Benveniste. Nese artigo Benveniste creou o termo “memoria da auga”, demostrando aparentemente que se disolvemos unha substancia en auga, é posible que no futuro, aínda que nela xa non queden moléculas da mesma, esa auga “lembre” a presencia de ditas substancia e actúe en consecuencia. Por suposto, este experimento non puido ser repetido xamais, por máis que se ten intentado. Esta memoria da auga, de ser certa, sería un importante apoio para os defensores da homeopatía.

En conclusión, ata o momento nin hai evidencias científicas do efecto beneficioso dos remedios homeopáticos, nin hai unha base científica capaz de explicar como un preparado que pode ser perfectamente só auga con azucre, poda ter efecto algún, nin beneficioso nin prexudicial, e sen embargo a aprobación deste novo decreto vainos converter en medicamentos de pleno dereito, de venta en farmacias.

Isto pode parecer inexplicable para unha mente racional, e de feito a maioría de médicos considérano intolerable, pero non é tan estraño dende o momento en que en farmacias se venden tamén produtos “milagrosos” para facer crecer o pelo, para adelgazar, para reducir as engurras ou a celulite, etc. Supostamente a venta en farmacias supón unha garantía para o consumidor cando realmente supón unha estafa, por canto se lle transmite a falsa idea de efectividade demostrada.

Se cadra poderiamos tomar nota de Holanda, onde os produtos homeopáticos están permitidos pero dende 2012 teñen prohibido indicar un listado de enfermidades que curan, a menos que estean apoiados por experimentos científicos. Ou mesmo de Estados Unidos, onde recentemente a multinacional Boiron, a líder mundial en produtos homeopáticos, tivo que pagar uns 12 millóns de dólares en indemnizacións a pacientes insatisfeitos.

2 COMENTÁRIOS

  1. Pues yo la defiendo. Por una parte, porque soy de las de “a mi me funciona” lo cual multiplicadi x miles, ya es una evidencia cientifica. Y hay miles k lo comparten.
    Por otra parte, porque estoy hasta las narices de escuchar como la legitimacion de del enriquecimiento de 4 listos, sean compañias farmaceuticas o alimentarias, 2 de las mas poderosas, se escudan en una supuesta ciencia k cada dia dominan mas a su antojo. O igual sois de los k pensais k el danacol baja el colesterol, o un vasito de vino al dia tiene propiedadades para no se que… e incluso k un pitillito al dia, previene el alzeimer. Y eso, pese a conocer, casi siempre, quien ha pagado la investigacion.
    Gracia me hace a mi la gente k se consideta tan cientifica y no es capaz de establecer una simple relacion entre un resultado y su financiacion. Asi k como cientifica social, pero cientifica al fin y al cabo, tambien defiendo la homeopatia, igual k la comifa ecologica. K tambien esta teniendo sus opositores, pese a la evidencia de que su consumo ha subido + de un 20% en galicia pese a la crisis. Y es normal k todo lo alternativo tenga la oposicion de estas grandes empresas, lo k es menos normal es k quienes se consideran ecuanimes y criticos no piensen cosas como por que motivo hay k certificar algo k no ha tenido manipulación genetica y no lo contrario. O por que motivo se permite vender como tabaco, una mezcla de venenos k no llevan ni un 5% de verdadero tabaco. O mas directa y cientificamente, como nos han vendido millones de vacunas para la gripe A, cosa totalmente innecesaria, permitiendo k unos accionistas de la OMS se forren creando el panico en medio mundo. Y de todo eso los supuestos cientificos y criticos ni os lo planteais. Eso si que es dejarse manipular.

  2. Noraboa polo artigo. Todos temos que denunciar esta tomadura do pelo ós doentes, a homeopatía non ten ningún efecto, e so auga. Moitos temos participado en “suicidios homeopáticos” tomando “venenos homeopáticos” ou caixas enteiras de supostos “somníferos homeopáticos” e demostramos que non serven para nada, non producen ningún efecto.

    A “memoria” non pode existir, pois a auga estivo en contacto con miles de productos ó longo do “ciclo da auga” e moitos deles tóxico, co cal morreríamos ó bebela. Outra cosa que non explican os homeópatas e porque a auga que non lle compramos a eles non produce efectos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Negacionismo, anticiencia e pseudociencias: en que se diferencian?

Son tres conceptos moi relacionados e que, en ocasións, se solapan, mais é preciso usalos con precisión para evitar que se dilúa o seu significado

Unha clínica de homeopatía imparte un máster de Acupuntura en Medicina da USC

O título ofreceu durante máis de 20 anos prácticas da terapia tradicional chinesa en hospitais da rede pública

Sanidade retira miles de produtos homeopáticos

O BOE publica unha lista de 2.008 referencias que deixa fóra a milleiros de produtos que non solicitaron a súa regularización

Así é o perfil dos usuarios da homeopatía en España

Un estudo identifica, a partir dos datos do CIS, o patrón de consumidor destes produtos: muller, de clase alta e con estudos superioress