En 1982, o científico estadounidense Stanley Prusiner conseguiu illar no seu laboratorio unha proteína que actuaba como un potente axente infeccioso, e que bautizou co nome de prión. Atopou tamén que as moléculas dos prións estaban pregadas dun xeito diferente que nas proteínas normais, e que estes cambios nos pregamentos podían transmitirse tamén ás proteínas normais e sas.
Aquel achado foi a base para o descubrimento das causas de doenzas neurodexenerativas como a enfermidade de Creutzfeld-Jakob e a encefalopatía esponxiforme bovina, o coñecido ‘mal das vacas tolas’, para as que ata entón non había causa coñecida. En 1997, cando Europa estaba afrontando a crise, que chegou tamén a Galicia, o xurado do Nobel de Medicina decidiu concederlle a Stanley Prusiner o galardón da Academia sueca.
Stanley Prusiner estará este ano en Galicia. O catedrático da USC Jorge Mira, coordinador do Programa Conciencia, anunciou esta mañá que o científico estadounidense será o vindeiro convidado desta iniciativa, que desde hai máis dun decenio trae a Galicia a algunhas das maiores eminencias científicas do planeta. Stephen Hawking, John Nash ou James Watson chegaron a Santiago nos últimos anos da man deste proxecto.
Stanley Prusiner, Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina 1997, será o vindeiro visitante do Programa ConCiencia @UniversidadeUSC
Gañou o Nobel polo descubrimento dos prións (os que causan o mal das vacas tolas, entre outras enfermidades)https://t.co/rjjNk2WVf5
— Jorge Mira (@JorgeMiraUSC) 14 de mayo de 2018