Instalacións do radiotelescopio CHIME, onde se detectou a sinal extragaláctica. Fonte: Andre Renard.
Instalacións do radiotelescopio CHIME, onde se detectou a sinal extragaláctica. Fonte: Andre Renard.

Un misterioso sinal de radio extragaláctica intriga aos astrofísicos

Moi, moi lonxe da Terra, a miles de millóns de anos luz, tivo lugar potente evento astrofísico que detectou un equipo de científicos canadianos, grazas a un moderno sensor instalado na Columbia Británica. Estes eventos, denominados refachos de radio rápidos (FRB, Fast Radio Bursts, en inglés) repetíronse seis veces. É a segunda vez que se consegue recoller este sinal extragaláctico, unha especie de pulsos emitidos pola mesma fonte. En 2015, un radiotelescopio descubriunas desde Puerto Rico.

Os investigadores sosteñen que os FRB teñen a súa orixe en sucesos astrofísicos de gran magnitude, como estrelas de neutróns de rotación rápida ou algún tipo de buracos negros, segundo expón a Agencia Sinc. Porén, outros investigadores, como Avi Loeb, de Harvard, propuxeron outra explicación: poderían ser raios de enerxía dirixidos por algún tipo de intelixencia extragaláctica.

O científico de Harvard Avi Loeb di que “hai que considerar e comprobar a posible orixe ‘artificial'” destes eventos

Hai dous anos Loeb sinalaba: “Os FRB son moi brillantes, tendo en conta a súa curta duración (apenas uns milisegundos) e a súa orixe tan afastada, pero no puidemos confirmar unha posible fonte natural de forma segura, polo que hai que considerar e comprobar a súa posible orixe ‘artificial'”.

O achado deste sinal extragaláctico é un dos primeiros froitos do CHIME (Canadian Hydrogen Intensity Mapping Experiment), un radiotelescopio punteiro inaugurado a finais de 2017, como parte da colaboración científica entre varias universidades do Canadá.

Durante tres semanas de 2018 detectáronse 13 FRB, mentres o telescopio estaba en fase de probas. Despois de contrastar os datos, a revista Nature publica esta semana dous artigos nos que se recolle a investigación. “Ata agora só se coñecía un sinal FRB con repeticións. Saber que apareceu outro apunta que podería haber máis por aí”, di a astrofísica Ingrid Stairs, da universidade de British Columbia. “Con máis refachos deste tipo e fontes dispoñibles poderemos entender mellor estes enigmas, que é o que os causa e de onde proceden”.

Frecuencias baixas

Antes de que o radiotelescopio CHIME comezara a traballar, algúns investigadores pensaban que as frecuencias coas que traballaba (entre 400 MHz e 800 MHz) podían ser demasiado baixas para captar os FRB detectados ata o momento, que estaban en frecuencias próximas aos 1400 MHz. Porén, os resultados da investigación subliñan que a maioría dos refachos foron detectadas en frecuencias máis baixas do rango do CHIME.

Os autores explican tamén que case todos os refachos teñen signos de dispersión, un feito que revela información sobre o lugar que rodea á fonte que emitiu as ondas. A cantidade de dispersión observada neste caso induce a pensar que se trata dun lugar con características especiais dentro do universo. “Podería ser unha especie de grupo denso, como o remanente dunha supernova, ou as proximidades dun buraco negro central dunha galaxia; en todo caso, ten que estar nun lugar especial para que vexamos esa dispersión”, engade Cherry Ng, astrónomo da universidade de Toronto que tamén colabora no traballo.

Posible orixe

Foi en 2007 cando o astrofísico Duncan Lorimer, da universidade de West Virginia (Estados Unidos), e o seu alumno David Narkevic descubriron o primeiro FRB mentres revisaban datos de arquivos sobre púlsares. Naquel momento pensaron que se trataba dun sinal alieníxena. Porén, despois de analizar os datos, aínda que non descartan nada, inclínanse a pensar por unha orixe astrofísica. “Moitos astronómos apoian a idea de que os FRB son intensos raios de radiación emitidos por partículas cargadas cando son golpeadas por estrelas de neutróns magnetizadas. Parece o máis plausible”, declarou Lorimer a The Guardian.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.