O impacto do asteroide, segundo a simulación, produciríase en 2027 despois de ser detectado en marzo deste ano.
O impacto do asteroide, segundo a simulación, produciríase en 2027 despois de ser detectado en marzo deste ano.

Conta atrás cara ao impacto: así se simula a chegada dun gran asteroide

Varias axencias espaciais realizan unha simulación pública ante un hipotético impacto dun corpo de 60 metros en 2027 en pleno Manhattan

Todo isto é ficción, pero pode acontecer algún día. Supoñamos que hai algo máis dun mes, o 26 de marzo de 2019, un equipo de astrónomos descubriu un asteroide chamado 2019 PDC. As primeiras pesquisas apuntan a que as probabilidades de que este corpo celeste (cun tamaño de entre 100 e 300 metros de diámetro) impacte contra a Terra eran de 1 entre 50.000. E marcan unha data no calendario para o impacto: o 29 de abril de 2027.

É un escenario que xa se apuntou algunha vez na realidade. Porén, na simulación, o escenario vólvese cada vez máis preocupante, e as posibilidades de impacto comezan a aumentar. E acaban sendo moi altas. Por fortuna, todo forma parte dunha simulación que realizaron nas pasadas semanas equipos da NASA, a Axencia Espacial Europea e a Axencia Federal de Xestión de Emerxencias (FEMA) dos Estados Unidos.

A cronoloxía do impacto

Despois de que os modelos estableceran nun primeiro momento un corredor de risco que vai desde Sudáfrica e a costa occidental do continente africano ata Norteamérica, cruzando o Atlántico, o punto do impacto acaba afinándose nun lugar simbólico: en pleno Central Park, en Nova York. A colisión liberaría unha enerxía comparable a 1.000 veces a enerxía da bomba atómica de Hiroshima. Pero antes, o planeta tería que prepararse durante anos para a catástrofe.

Así, o experimento xogaba cun prazo de oito anos desde o achado do asteroide. Na simulación, en 2021 a NASA envía unha misión de recoñecemento cara ao corpo para investigar máis cousas sobre o seu tamaño, órbita e composición.


A medida que as probabilidades aumentaban, tomouse unha decisión drástica, que xa se viu nalgunhas películas como Deep Impact ou Armageddon: enviar sondas cargadas de explosivo para desviar a traxectoria da rocha espacial. Pero o perigo non desapareceu: un gran fragmento, de entre 50 e 80 metros, seguía o seu rumbo cara á Terra.

Así, xurdiu a opción de usar unha bomba nuclear para desviar este fragmento. Porén, os riscos e os desacordos políticos que esta medida xerou impediron levala a cabo. Só quedaba, por tanto, prepararse para o día do impacto. Organizouse a evacuación e tomáronse as medidas precisas. E chegou o día.

Nun radio de 15 quilómetros, a devastación sería total. Ninguén sobreviviría en máis de 50 quilómetros arredor do punto de impacto debido á destrución e altas temperaturas causadas polo asteroide. O único que se podería facer, por tanto, era ordenar a evacuación total de toda a zona para evitar perdas humanas.

Área do impacto do asteroide en Manhattan. Fonte: ESA en Twitter.

Área do impacto do asteroide en Manhattan. Fonte: ESA en Twitter.Segundo conclúen os equipos encargados da simulación, estes exercicios xeneran moitas preguntas e respostas que son necesarias para saber como actuar nun hipotético suceso deste tipo. Non só a nivel de posibles danos materiais ou persoais, senón que un impacto deste tipo podería xerar tamén importantes conflitos sociais e económicos.

“Se soubera que a súa casa ía ser destruída dentro de seis meses, ía seguir pagando a súa hipoteca?”, expuxo Victoria Andrews, unha das coordinadoras de Defensa Planetaria da NASA.

Con todo, grazas aos telescopios de grande alcance e redes de detección sofisticadas desenvolvidas nas últimas décadas, estamos máis preparados para casos deste tipo. “O primeiro paso para protexer o noso planeta é saber que hai aí fóra”, explica Rüdiger Jehn, xefe de Defensa Planetaria da Axencia Espacial Europea. “Só entón, coa suficiente advertencia, podemos dar os pasos necesarios para previr, de forma conxunta, o posible impacto, ou para minimizar o dano que causaría no planeta”, conclúe Jehn.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.